Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 29 de decembro de 2014 Páx. 52780

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2014, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba a proposta motivada do Concello da Coruña de declaración de determinadas áreas do municipio da Coruña como zona de grande afluencia turística.

Logo de examinar a solicitude presentada polo Concello da Coruña para a inclusión de determinadas áreas do dito concello como zonas de grande afluencia turística de acordo co disposto no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Consellería de Economía e Industria ten en consideración os:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 24 de novembro de 2014 ten entrada escrito do Concello da Coruña, no cal solicita da Consellería de Economía e Industria que declare, para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, determinadas áreas do municipio da Coruña, como zona de grande afluencia turística durante os seguintes períodos e días:

– Período de Nadal (1 de decembro a 8 de xaneiro).

– Entroido (do venres anterior ao domingo posterior).

– Semana Santa (do venres anterior ao martes posterior).

– Período estival (do 15 de xuño ata o 15 de setembro).

A delimitación espacial das áreas figura especificada nos planos que achega coa proposta e comprende:

Zona monumental: cidade vella, igrexa de San Domingos, colexiata de Santa María do Campo, igrexa de San Xurxo, igrexa de San Domingos, praza de Azcárraga, praza das Bárbaras, praza de María Pita, Galerías da Mariña, torre de Hércules, murallas do século XVII, xardín de San Carlos, castelo de Santo Antón, Coruña Modernista, Casa Picasso. Centro cidade: zona de concentración hoteleira, zona hostaleira e zona comercial, zona de recepción de cruceiristas, zona de rutas marítimas, portos deportivos, dársena de autobuses, paseo do Parrote, xardíns de Méndez Núñez, Museo de Belas Artes, Casa Museo, praias de Riazor, Orzán e O Matadoiro e outros: estadio de Riazor e cemiterio de San Amaro

Xunto coa solicitude, o Concello da Coruña achega proposta motivada aprobada por maioría absoluta do Pleno, así como informe da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, e os informes das asociacións e federacións de comerciantes que a continuación se relacionan: Federación de Entidades Empresariais de Comercio da provincia da Coruña, Federación Unión de Comercios Coruñesa, Confederación de Empresarios da Coruña, Asociación Área Comercial As Conchiñas, Asociación Centro Comercial Urbano Agra Barcelona, Asociación Comercial Empresarial Ciudad Antigua, Asociación de Comerciantes Castrillón, Eirís y Monelos, Asociación de Vecinos y Comerciantes de Monte Alto, Asociación de Comerciantes Boulevard Elviña, Asociación Distrito Los Mallos, Asociación Comercial Oza, Asociación de Vecinos y Comerciantes de La Falperra, Asociación de Comerciantes Matogrande, Zona Comercial Obelisco, Asociación de Vecinos y Comerciantes Paternidad Sagrada Familia, Asociación Gran Área Comercial Riazor, Asociación Comercial Distrito C. Senra, Asociación de Profesionales y Empresarios para la Dinamización de la Zona Orzán, Asociación de Empresarios Distrito Picasso.

Así mesmo, achega informe da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña e informe das organizacións sindicais UGT e CC.OO.

Segundo. Con data do 5 de decembro de 2014, por requirimento da Dirección Xeral de Comercio, a solicitude complétase coa achega dunha memoria descritiva e motivada das áreas solicitadas de declaración de zona de grande afluencia turística e mais os planos con rúas de cada unha delas.

Terceiro. Con data do 28 de novembro de 2014, a Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria achega á Axencia Turismo de Galicia copia da documentación, ao tempo que solicita informe sobre o devandito expediente de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

Cuarto. Con data do 10 de decembro de 2014 a Axencia Turismo de Galicia emite informe favorable sobre esta cuestión.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de declaración de zona de afluencia turística, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. O artigo 4 do Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, sobre declaración de zonas de grande afluencia turística nos municipios que reunisen no ano 2013 os requisitos do artigo 5.5. da Lei 1/2004, do 21 decembro de horarios comerciais, establece que «para os efectos do establecido no artigo 5.5. da Lei 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, na redacción dada por este real decreto lei, son municipios que, no momento da entrada en vigor deste real decreto lei, cumpren cos criterios establecidos para a declaración de zona de grande afluencia turística, os descritos no anexo I…», entre os que se atopa A Coruña.

Pola súa banda o artigo 5.5 da Lei 1/2004, sinala que «… se no prazo de seis meses a partir da publicación destes datos, as comunidades autónomas non declararan algunha zona de grande afluencia turística no municipio en que concorran as circunstancias sinaladas no parágrafo anterior, entenderase declarada como tal a totalidade do municipio e os comerciantes disporán de plena liberdade para a apertura dos seus establecementos durante todo o ano».

Terceiro. O artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, establece que:

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano a que se circunscribe a solicitude e mais a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e á que deben achegarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta a que se refire o número 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesidade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido no número 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta a que se refire o número 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo tres meses, contados desde a súa presentación xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellaría competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no número 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Cuarto. A proposta motivada do Concello da Coruña, aprobada por maioría absoluta polo Pleno da corporación local, sinala como xustificación da solicitude, en síntese, as seguintes razóns:

Coa publicación no Boletín Oficial del Estado do Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, que modifica a Lei 1/2004, de horarios comerciais, no relativo á declaración de zonas de grande afluencia turística, a cidade da Coruña pasou a formar parte do conxunto de cidades con esta declaración.

Aínda que o devandito Real decreto lei 8/2014 recolle un conxunto de medidas urxentes de carácter liberalizador de horarios comerciais nas zonas afectadas, a proposta de declaración de zona de grande afluencia turística formulada polo Concello pode conter unha limitación de carácter temporal ou territorial debidamente xustificada, de acordo cos intereses comerciais, turísticos e en beneficio do consumidor.

Tendo en conta os intereses do pequeno comercio da cidade, e logo de informar as asociacións de comerciantes dos barrios da declaración da Coruña como cidade de grande afluencia turística, e de como afecta esta declaración os horarios comerciais, solicitouse ademais a súa opinión para delimitar os espazos e datas que se consideran de grande afluencia turística, e que terán liberdade de horario comercial.

A proposta ten en conta as zonas que constitúen o principal foco de turistas da cidade segundo os datos que figuran na área de turismo, perseguindo, polo tanto, revitalizar as zonas da cidade da Coruña con máis atractivo turístico.

En conclusión, o Concello da Coruña delimita espacialmente a súa proposta acoutando os lugares que reciben os turistas de acordo co establecido no artigo 7 do Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, concretamente no que se refire ás seguintes circunstancias:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos ou ben no número de segundas residencias respecto ás que constitúen a residencia habitual (zona 1 do plano anexo)

b) Que fose declarado patrimonio da humanidade ou no que se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico (zona 2 do plano anexo).

c) Celebración de grandes eventos deportivos o culturais de carácter nacional o internacional (zona 3 do plano anexo).

d) Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes (zona 4 do plano anexo).

e) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras (zona 5 do plano anexo).

f) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen (zona 6 do plano anexo).

Quinto. O informe para a determinación do Concello da Coruña como zona de grande afluencia turística do 10 de decembro de 2014, emitido pola Axencia Turismo de Galicia, sinala:

«O artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, indica que a consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a devandita solicitude, logo de informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

Correspóndelle á Axencia Turismo de Galicia a dirección e coordinación das actuacións en materia de turismo da Xunta de Galicia.

A situación xeográfica da Coruña conta con outros factores como os seus valores artísticos, culturais e monumentais, entre os que destacan a cidade vella e a Torre de Hércules (declarada Patrimonio da Humanidade), que conseguen un incremento importante no número de turistas que a elixen como destino vacacional, poñendo en valor a súa gastronomía, as paisaxes e a boa calidade dos seus servizos. Este último factor tamén é relevante para a chegada masiva de cruceiros que estimulan a creación de postos de traballo nos sectores comerciais, turísticos e hostaleiros.

O concello da Coruña conta cunha grande afluencia periódica e estacional de poboación turística, coas boas condicións de seguridade nos lugares públicos, excelentes infraestruturas hostaleiras e aloxamentos, existencia de oficinas de información turística, bens declarados patrimonio da humanidade, un estadio no que se celebran eventos deportivos de carácter nacional, áreas portuarias nas que operan cruceiros turísticos e centros comerciais relevantes que fan atractiva para o turismos de compras.

Estas características consideradas para a denominación de «zonas de grande afluencia turística» concorren no concello en xeral e particularmente nas zonas sinaladas: zona monumental, centro cidade e áreas en que se sitúan o estadio de Riazor ou o cemiterio de San Amaro. As datas mais importantes, nas que o incremento de turistas e clientes do comercio en xeral é máis significativo, serían especialmente o período de Nadal, o Entroido, a Semana Santa e o período estival.

Con base no exposto nos puntos anteriores, este centro directivo emite informe favorable á determinación do concello da Coruña como zona de grande afluencia turística».

Vistos os precedentes citados, especialmente o disposto no artigo 5, números 4 e 5, da Lei 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, na redacción dada polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, e polo Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo,

RESOLVO:

1º. Aprobar a proposta motivada do Concello da Coruña de declaración de determinadas áreas do municipio da Coruña como zona de grande afluencia turística para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, durante os seguintes períodos e días:

– Período de Nadal (1 de decembro a 8 de xaneiro).

– Entroido (do venres anterior ao domingo posterior).

– Semana Santa (do venres anterior ao martes posterior).

– Período estival (do 15 de xuño ata o 15 de setembro).

Zona monumental: cidade vella, igrexa de San Domingos, colexiata de Santa María do Campo, igrexa de San Xurxo, igrexa de San Domingos, praza de Azcárraga, praza das Bárbaras, praza de María Pita, Galerías da Mariña, torre de Hércules, murallas do século XVII, xardín de San Carlos, castelo de Santo Antón, Coruña Modernista, Casa Picasso.

Centro cidade: zona de concentración hoteleira, zona hostaleira e zona comercial, zona de recepción de cruceiristas, zona de rutas marítimas, portos deportivos, dársena de autobuses, Paseo do Parrote, xardíns de Méndez Núñez, Museo de Belas Artes, Casa Museo, praias de Riazor, Orzán e O Matadoiro.

Outros: Estadio de Riazor e cemiterio de San Amaro.

A delimitación espacial das áreas especifícase nos planos que figuran no anexo I.

2º. A declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3º. Se desaparecen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á súa revogación, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no número 1, do artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común); ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-adminitrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente.

Comuníquese aos interesados.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2014

P.D. (Orde do 26 de xullo de 2013; DOG nº 154)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria

missing image file

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file