Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 29 de decembro de 2014 Páx. 52777

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se crean os coutos de pesca de Pontevea e Santeles, no río Ulla, e o couto de pesca de Deza, nos ríos Deza e Ulla.

Antecedentes.

De conformidade co disposto no artigo 68 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou o Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra iniciou o expediente de creación dos coutos de pesca de Pontevea e Santeles, no río Ulla, e do couto de pesca de Deza, nos ríos Deza e Ulla.

O expediente de creación dos coutos de pesca de Pontevea e Santeles, no río Ulla, e do couto de pesca de Deza, nos ríos Deza e Ulla, foi sometido a información pública mediante Resolución do 2 de outubro de 2014 (DOG núm. 199, do 17 de outubro). As alegacións recibidas son coincidentes na súa totalidade coas presentadas con ocasión do trámite de participación pública do expediente de aprobación do Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla, no que xa foron valoradas.

No expediente de creación dos coutos de pesca de Pontevea e Santeles, no río Ulla, e do couto de pesca de Deza, nos ríos Deza e Ulla, consta o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial de Pontevedra, en sesión do 16 de outubro de 2014.

Consideracións legais.

O expediente de creación dos coutos de pesca de Pontevea e Santeles, no río Ulla, e do couto de pesca de Deza, nos ríos Deza e Ulla, cumpre os requisitos establecidos na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa de aplicación.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é competente para resolver o expediente segundo o disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e mais no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Resolución.

De conformidade con todo o anterior, resolvo crear os coutos de pesca de Pontevea e Santeles, no río Ulla, e o couto de pesca de Deza, nos ríos Deza e Ulla, cos límites e a normativa que a seguir se establecen:

• Couto de Pontevea.

Concellos: A Estrada e Teo.

Límite superior: desembocadura do río Vea.

Límite inferior: Ponte Vella de Pontevea.

Lonxitude aproximada: 1,8 km.

Clasificación: couto de pesca sen morte.

Permisos diarios: 8.

Xornadas inhábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

• Couto de Santeles.

Concellos: A Estrada e Vedra.

Límite superior: presa de Louzao.

Límite inferior: presa do muíño de Arnelas.

Lonxitude aproximada: 1,63 km.

Clasificación: couto de salmón e, logo da finalización da tempada de salmón, couto de pesca sen morte.

Permisos diarios: 8.

Cotas de captura, tamaños mínimos e xornadas inhábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

• Couto de Deza.

Concellos: Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.

Límite superior: presa de García, no río Deza (Silleda e Vila de Cruces).

Límite inferior: 450 m augas abaixo da desembocadura do río Deza (Boqueixón e Silleda).

Lonxitude aproximada: 2,3 km.

Clasificación: couto de pesca sen morte.

Permisos diarios: 10.

Xornadas inhábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), inclúense nos coutos de pesca os 100 m finais de todos os afluentes existentes nos tramos acoutados.

Contra esta resolución caberá, de conformidade cos artigos 107.1º, 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a interposición do recurso de alzada perante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2014

Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza