Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Martes, 23 de decembro de 2014 Páx. 52416

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 5 de decembro de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se dá publicidade ao acordo sobre a avinza realizada entre as comunidades de montes veciñais en man común de San Xurxo de Salceda e da Picoña, do concello de Salceda de Caselas, respecto do linde común dos seus montes.

Para os efectos previstos nos artigos 53 da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, que, en sesión que tivo lugar o día 8 de outubro de 2014, adoptou o seguinte acordo en relación coa avinza entre as comunidades de montes veciñais en man común de San Xurxo de Salceda e a CMVMC da Picoña, no concello de Salceda de Caselas, respecto do linde común dos seus montes.

«Antecedentes de feito:

Primeiro. En data 21.3.2013 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Pontevedra un escrito presentado por José Manuel Piñeiro Domínguez, en nome e representación da CMVMC da Picoña, dirixido ao Xurado de Montes, en que se dá traslado da avinza realizada entre a CMVMC de San Xurxo de Salceda e a CMVMC da Picoña. Achegan xunto coa solicitude a seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación 9/2013 levantada no Xulgado de Paz de Salceda de Caselas e certificacións de aprobación por parte de cada unha das comunidades implicadas.

Segundo. O expediente de deslindamento foi revisado polo Servizo de Montes e en data do 11 de abril de 2013 dita informe favorable, ben que advirte que “(…) a existencia masiva de propiedades non comunais no extremo sur da liña proposta, en superficie que esta liña supón propiedade da comunidade da Picoña, fai pouco probable a existencia de monte comunal (…)”.

Consideracións xurídicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo cuarta, establece que para adecuar as avinzas realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común previstos nos artigos 53 e 54, deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia as resolución do xurado.

Segunda. Da documentación achegada polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial, conclúese que a avinza entre as CMVMC de San Xurxo de Salceda e a CMVMC da Picoña son congruentes coas respectivas resolucións de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe técnico do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Pontevedra, este xurado, en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade, acorda:

Primeiro. Aprobar a avinza realizada entre a CMVMC de San Xurxo de Salceda e a CMVMC da Picoña, do concello de Salceda de Caselas, respecto do seu linde común nos termos indicados e segundo os planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes, excluíndo deste acordo aqueles puntos da liña do deslindamento onde non exista colindancia de terreos clasificados.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 5 de decembro de 2014

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra