Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Martes, 23 de decembro de 2014 Páx. 52414

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 5 de decembro de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se dá publicidade ao acordo sobre a avinza realizada entre as comunidades veciñais de Parada de Achas e da Franqueira, do concello da Cañiza, respecto do linde común dos seus montes.

Para os efectos previstos nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, que, en sesión que tivo lugar o día 8 de outubro de 2014, adoptou o seguinte acordo en relación coa avinza entre as comunidades veciñais de Parada de Achas e a CMVMC da Franqueira, do concello da Cañiza, respecto do linde común dos seus montes.

«Antecedentes de feito:

Primeiro. En data 22.5.2014 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Pontevedra un escrito presentado por César Estévez Pérez, en calidade de presidente de Parada de Achas (A Cañiza), dirixido ao Servizo de Montes, no cal se dá traslado dunha avinza realizada entre a CMVMC de Parada de Achas e a CMVMC da Franqueira. Achegan xunto coa solicitude a seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Ponteareas e certificacións de aprobación por parte de cada unha das comunidades implicadas.

Segundo. O expediente de deslindamento foi tramitado coa referencia PO-DESC-05/14 e recibiu informe favorable do Servizo de Montes en data 20.6.2014, ben que o informe técnico pon de manifesto que “tamén se deslindan terreos non clasificados como monte veciñal”.

Consideracións xurídicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo cuarta, establece que para adecuar as avinzas realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común previstos nos artigos 53 e 54, deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia as resolucións do xurado.

Segunda. Da documentación achegada polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial conclúese que a avinza entre as CMVMC de Parada de Achas e a CMVMC da Franqueira son congruentes coas respectivas resolucións de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe técnico do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Pontevedra, este xurado, en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade, acorda:

Primeiro. Aprobar a avinza realizada entre a CMVMC de Parada de Achas e a CMVMC da Franqueira, do concello da Cañiza, respecto do seu linde común nos termos indicados e segundo os planos topográficos achegados con ela e protocolizados na acta notarial do 20 de xullo de 2011 e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes, excluíndo deste acordo aqueles puntos da liña do deslindamento onde non exista colindancia de terreos clasificados.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 5 de decembro de 2014

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra