Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Martes, 23 de decembro de 2014 Páx. 52412

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 5 de decembro de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se dá publicidade ao acordo sobre a avinza realizada entre as comunidades de montes veciñais en man común de Santa María de Xeve e de Lérez, no concello de Pontevedra, respecto do linde común dos seus montes.

Para os efectos previstos nos artigos 53 da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, que, en sesión que tivo lugar o día 8 de outubro de 2014, adoptou o seguinte acordo en relación coa avinza entre as comunidades veciñais de Santa María de Xeve e a CMVMC de Lérez, no concello de Pontevedra, respecto do linde común dos seus montes.

«Antecedentes de feito:

Primeiro. En data 28.10.2013 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Pontevedra un escrito presentado por Belén Raposo Pérez, en nome e representación da CMVMC de Santa María de Xeve, dirixido ao Xurado de Montes, no que se dá traslado da avinza realizada entre a CMVMC de Santa María de Xeve e a CMVMC de Lérez. Achegan xunto coa solicitude a seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Pontevedra e certificacións de aprobación por parte de cada unha das comunidades implicadas.

Segundo. O expediente de deslindamento foi tramitado coa referencia PO-DESC-01/13, e logo de varios requirimentos efectuados á CMVMC promotora do deslindamento, co obxecto de corrixir as deficiencias detectadas, o Servizo de Montes, en data do 6.6.2014 emite informe favorable.

Consideracións xurídicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo cuarta, establece que para adecuar as avinzas realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común previstos nos artigos 53 e 54, deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia as resolucións do xurado.

Segunda. Da documentación achegada polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial conclúese que a avinza entre as CMVMC de Santa María de Xeve e a CMVMC de Lérez son congruentes coas respectivas resolucións de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe técnico do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Pontevedra, este xurado, en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade, acorda:

Primeiro. Aprobar a avinza realizada entre a CMVMC de Santa María de Xeve e a CMVMC de Lérez, do concello de Pontevedra, respecto do seu linde común nos termos indicados e segundo os planos topográficos achegados con ela e protocolizados na acta notarial do 9 de maio de 2013 e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes, excluída deste acordo a liña do deslindamento entre o marco principal nº 1 e a súa intersección coa liña da estrada.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 5 de decembro de 2014

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra