Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 10 de decembro de 2014 Páx. 50669

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2014, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica de liña de media tensión aéreo-soterrada 20 kV S/C evacuación parque eólico Faro no concello do Vicedo (expediente 004/2013 AT)

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Nieblagen, S.L., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Copérnico 6-Edificio BCA, planta 1ª, A Coruña, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 14 de xuño de 2013 a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica «Liña de media tensión aéreo-soterrada 20 kV S/C evacuación parque eólico Faro», no concello do Vicedo, e presenta o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial de Economía e Industria do 10 de marzo de 2013. Esta resolución foi publicada no xornal El Progreso de Lugo do 31 de marzo de 2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 16 de abril e no Diario Oficial de Galicia do 15 de abril, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello do Vicedo. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronse separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

Antonio Casal Leiras que, mediante escrito rexistrado o 9 de abril de 2014 no portelo único do Concello de Viveiro, tras alegar o que estima pertinente ao seu dereito, solicita que a nova liña discorra polo trazado existente (que subministra ás casas de Abelaedo desde o transformador da Pena), para evitar novas afeccións e, no caso de que non se modifique o trazado da nova liña, que se lle expropie a súa leira (nº 25 do parcelario do proxecto) na súa totalidade e, no caso de que non se lle expropie totalmente o predio que se proceda a revisar obre o terreo o trazado do proxecto polos erros con que conta o catastro e así poder determinar con precisión as afeccións.

Francisco Leiras Pigueiras, Justa Pigueiras Fernández e Evangelina Pigueiras Fernández manifestan, mediante escrito presentado o 10 de abril de 2014 no portelo único do Concello de Viveiro, que, ao discorrer a nova liña practicamente en paralelo a pouca distancia doutra liña xa existente, apoiada en postes de formigón, que subministra electricidade ás casas do barrio de Abelaedo, para evitar a dobre afección sobre os seus predios (24 e 39; 16 e 23; 20 e 22 respectivamente), solicitan que se valore a posibilidade de que a nova liña poida aproveitar o tendido existente e que se proceda a revisar sobre o terreo o trazado da liña proxectada para determinar máis exactamente a superficie de terreo afectada. Xuntan ás súas alegacións informe técnico.

José Martínez Martínez, o 10 de abril de 2014, presenta alegacións no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia na Coruña poñendo de manifesto que a leira afectada (nº 12) se dedica á produción de madeira (eucaliptal) cun crecemento das árbores de 40 a 60 metros de altura e que non se tiveron en conta para calcular o largo da zona de servidume, o que non garante a franxa de seguranza axeitada no caso de incendios forestais ou caída das árbores. Ademais, expón que a leira queda dividida en dúas partes o que fai antieconómica a súa explotación, polo que é necesaria sa súa expropiación total. Tamén solicita, en relación coa ampliación da zona de servidume a 15 de metros de largo a cada lado da liña, a revisión sobre o terreo da afección definitiva.

As alegacións formuladas polos interesados foron achegadas á empresa promotora da liña eléctrica, que contestou a todas elas en tempo e forma.

Quinto. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emite informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre as leiras incluídas na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre as cales a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A este feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalaciones eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. Disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, sobre a normativa que resulta de aplicación no presente expediente, ao ser anterior á dita lei.

Terceiro. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Cuarto. Á vista das alegacións presentadas, das contestacións que formula a empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, considérase que aquelas non impiden continuar coa tramitación do expediente polas seguintes razóns:

A variante de trazado que suxiren parte dos interesados, con aproveitamento do trazado dunha liña existente, non cumpriría nin coas exixencias do artigo 62 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, de acordo co cal é a empresa distribuidora da zona quen determina as condicións de conexión e acceso atendendo a criterios de seguranza e continuidade da subministración eléctrica, así como a capacidade necesaria para a evacuación do parque eólico Faro, tendo en conta tanto as instalacións xa existentes como as comprometidas (números 2 e 6 do artigo), nin cos requisitos que exixe o artigo 161 do real decreto citado, que require que se cumpran conxuntamente tres condicións para evitar a servidume de paso sobre as propiedades particulares (non só non debe supoñer novas afeccións para terceiros senón que, ademáis, debe acreditarse que a variante sexa posible tecnicamente e, de acordo con iso, que o seu custo non sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña por ela afectada). Ao non quedar acreditados eses aspectos para a variación proposta nin poder obviarse o disposto no artigo 62, tendo en conta os informes técnicos emitidos no expediente en relación co proxecto presentado pola empresa peticionaria que consideran viable tal proxecto e conclúen que non existen limitacións á imposición da servidume de paso sobre os predios afectados, non pode senón entenderse como máis conveniente para acadar unha solución óptima para o conxunto de toda a instalación o trazado proposto polo autor do proxecto.

Por outra banda hai que indicar que nesta resolución non procede valorar, nin tampouco decidir, cuestións relativas á revisión sobre o terreo do proxecto sobre as fincas afectadas nin á expropiación total dos predios. Será no trámite de levantamento das actas previas á ocupación cando se comprobe, coas oportunas medicións e sobre o terreo, as dimensións reais dos predios e o alcance das afeccións (artigo 16 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, BOE núm. 160, do 20 de xuño) e, por outro lado, as solicitudes de expropiación total formuladas polos afectados estánse a substanciar de acordo coa tramitación prevista no artigo 23 da citada Lei de expropiación forzosa e o 22 do seu regulamento, e sobre elas ditarase, no seu momento, a resolución que corresponda, a cal será susceptible de impugnación independente.

Finalmente, polo que respecta a alegación de José Martínez Martínez sobre o cálculo da zona de servidume e da correspondente franxa de seguranza a cada lado da liña, a empresa evidencia, a requirimento desta xefatura territorial, que realizou os cálculos axeitados de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febrero, e a súa ITC LAT 08, dos cales resulta para esta liña (de 20 kV e con condutores illados) un largo mínimo de 7 metros a cada lado, que o promotor mellora propoñendo 10 metros a cada lado da liña. Iso sen prexuízo das obrigas que impón o citado real decreto aos propietarios dos terreos e das árbores que poidan afectar a seguranza da liña en materia de xestión da biomasa. Polo demais, sobre o pedimento do interesado de ampliar a zona expropiable a 15 metros, cómpre indicar que a expropiación procede para os bens e/ou dereitos estritamente necesarios ou imprescindibles para o establecemento da instalación (así resulta do artigo 52 da Lei do sector eléctrico e do artigo 15 do Regulamento de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957).

Quinto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que, consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, o que causará a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Nieblagen, S.L. o establecemento da instalación eléctrica denominada «Liña de media tensión aéreo-soterrada 20 kV S/C evacuación parque eólico Faro», no concello do Vicedo, coas seguintes características técnicas principais:

1. LMTS a 20 kV con orixe no centro de control do parque eólico Faro e final nun paso aéreo a soterrado instalado no apoio nº 1 da liña aérea, cunha lonxitude de 593 metros de condutor tipo RHZ1-2OL 3×(1×240 mm2 AI).

2. LMTA a 20 kV con orixe no paso aéreo a soterrado instalado no apoio nº 1 e final no paso aéreo a soterrado instalado no apoio nº 7, en condutor forrado tipo PAS-50, cunha lonxitude de 636 metros.

3. LMTS a 20 kV con orixe no paso aéreo a soterrado instalado no apoio nº 7 e final no centro de protección e medida no lugar do Folgueiro, cunha lonxitude de 2.431 metros de condutor tipo RHZ1-2OL 3×(1×240 mm2 AI).

4. Centro de protección e medida en edificio prefabricado, no cal se instalan dúas celas de liña e unha de medida, os sistemas de control, servizos auxiliares e instalacións complementarias.

5. Centro de repartición Folgueiro (para cesión á compañía distribuidora BEGASA) en edificio prefabricado, no cal se instalan dúas celas de liña e unha de interruptor automático.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica «Liña de media tensión aéreo-soterrada 20 kV S/C evacuación parque eólico Faro» asinado polo enxeñeiro industrial Francisco Javier Bouza Cabarcos, colexiado número 867.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no xornal El Progreso de Lugo do 31 de marzo de 2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo, do 16 de abril, e no Diario Oficial de Galicia do 15 de abril, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello do Vicedo. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta xefatura territorial de Economía e Industria, (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto «Liña de media tensión aéreo-soterrada 20 kV S/C evacuación parque eólico Faro» presentados pola empresa Nieblagen, S.L.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben cando, tentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixir ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 22 de xullo de 2014

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo