Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 10 de decembro de 2014 Páx. 50666

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2014, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa de peche da instalación eléctrica subestación de Verín, 132/20 kV, no concello de Verín (expediente IN407A 2014/21-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre a autorización administrativa para o peche das instalacións eléctricas indicadas no encabezamento, que se sitúan dentro do núcleo urbano da vila de Verín, concretamente na avenida de Portugal, á altura do número 108, coas actuacións que se desagregan no seu proxecto de execución, asinado en xuño de 2014 polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado, colexiado número 17068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, visado por este mesmo colexio número 201000808, do 11 de xuño de 2014, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución con data do 28 de xullo de 1976, da Dirección Xeral de Enerxía da Administración do Estado, autorízase e apróbase, a favor de Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A. (Fenosa), o establecemento da subestación transformadora de enerxía eléctrica no termo municipal de Verín, co fin de atender a demanda de enerxía existente naquel momento e a previsión para as necesidades futuras para o desenvolvemento comarcal.

A súa configuración (expediente 1.085-AT) é de parque intemperie convencional de 132 kV, equipado coa posición da liña Larouco-Salas, outra posición de liña libre, e dúas posicións de transformación 132/20 kV, e de parque a 20 kV dentro do edificio da subestación coas correspondentes saídas de liñas a 20 kV para a distribución eléctrica.

Unha vez executadas as obras, a daquela Delegación Provincial do Ministerio de Industria de Ourense, concede con data do 9 de febreiro de 1977 a acta de comprobación e autorización de posta en marcha para a dita subestación.

Segundo. En 2010, debido a unha avería, substitúese o transformador de potencia T-II por un novo transformador 132/20 kV de 30 MVA, pero tara a 12 MVA. Desta actuación fíxose a toma de razón o día 19 de agosto de 2010 (IN407A 2010/029).

Terceiro. No ano 2013 construíuse dentro dos terreos do polígono industrial de Pazos, concello de Verín, a nova subestación blindada Verín II 132/20 kV, e iso para atender a remodelación das infraestruturas eléctricas de alimentación do concello de Verín, que se enmarca no protocolo de actuacións asinado para tal fin o 21 de marzo de 2011 entre a Consellería de Economía e Industria o dito concello e a propia Unión Fenosa Distribución, S.A.

Dentro do seu expediente de trámite –IN407A 2012/30-3– figura a súa autorización administrativa outorgada por esta Xefatura Territorial de Ourense con data do 25 de febreiro de 2013, e posta en marcha do primeiro parcial con data do 26 de decembro de 2013.

Esta nova subestación substitúe a existente dentro do núcleo urbano de Verín cuxo proxecto de pechadura agora se presenta a trámite.

Cuarto. O proxecto que se presenta a trámite prevé as actuacións de desmantelamento da subestación Verín, que ten as características técnicas arriba indicadas, e daqueloutras complementarias asociadas a aquel, incluíndo medidas de carácter protección ambiental para xestións de residuos, redución de ruído e de emisión de contaminantes á atmosfera, etc.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma Galega en materia de industria, enerxía e minas, e en exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1 de maio de 2009).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 135 e seguintes do Real decreto 1955/2000, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalaciones de energía eléctrica, e foi informado de xeito favorable polos servizos técnicos desta xefatura territorial o proxecto de peche e desmontaxe presentado.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e en exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

– Conceder a autorización administrativa para o peche da instalación eléctrica subestación de Verín, 132/20 kV, de titularidade de Unión Fenosa Distribución, S.A., que actualmente se encontra sen servizo, a cal está situada dentro do núcleo urbano da vila de Verín, coa obriga do seu desmantelamento, tal e como se recolle no proxecto presentado, producirase a caducidade da presente resolución se no prazo dun ano aquel non tivese lugar.

Cando o peche se faga efectivo, tal e como se recolle no artigo 139 do citado Real decreto 1955/2000, será necesario levantar a correspondente acta, o que será instado previamente polo titular respectando en todo caso os sinalados prazos.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 9 de xullo de 2014

Alfonso Tomás Paz Doniz
Xefe territorial de Ourense