Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 9 de decembro de 2014 Páx. 50359

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 21 de novembro de 2014 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Santiso (A Coruña).

O Concello de Santiso remite o Plan xeral de ordenación municipal, e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Santiso, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Mediante Orde do 5 de agosto de 2013, esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas acordou, de conformidade co artigo 85.7.b) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, non outorgar a aprobación definitiva do PXOM do Concello Santiso, ata que se realizasen as actuacións precisas para emendar as deficiencias sinaladas no corpo da orde e se lle remita á consellería o documento corrixido correspondente.

I.2. O Pleno do Concello de Santiso aprobou o 4 de xullo de 2014 as modificacións introducidas no Plan xeral de ordenación municipal.

I.3. O Concello remite un exemplar das modificacións introducidas no plan xeral a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva, que tivo entrada no rexistro desta con data do 10 de xullo de 2014 e 28 de agosto de 2014.

II. Análise e consideracións.

Segundo o disposto nos artigos 85.5 e 227 da Lei 9/2002, para resolver sobre a aprobación definitiva analizouse a integridade e a suficiencia dos documentos que integran o plan; a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; e a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

Analizáronse o expediente administrativo e os documentos que integran o Plan xeral de ordenación municipal de Santiso, e púidose comprobar que se emendaron as deficiencias observadas no documento achegado con data do 28 de maio de 2013.

Con respecto aos núcleos rurais de Santa María de Vimianzo e Reboredo, incluídos na Rede Natura 2000, resulta xustificada a súa delimitación con base nos criterios establecidos no artigo 13 da LOUG, ao tempo que calquera posible actuación que se realice neles será tutelada, en canto á súa debida integración, polas autorizacións que emitirán os órganos competentes en materia de conservación de espazos naturais e en materia de patrimonio cultural, visto que a totalidade do núcleo de Reboredo e gran parte do de Vimianzo están incluídos nos contornos de protección de elementos catalogados.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede, resolvo:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Santiso, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiso, 21 de novembro de 2014

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas