Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 5 de decembro de 2014 Páx. 50167

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 3 de decembro de 2014 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal do Servizo Galego de Saúde que presta os seus servizos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e que se desenvolverá os días 9, 10 e 11 de decembro de 2014.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os cales está a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A xunta de persoal da área de saúde de Vigo comunicou a convocatoria dunha folga que afectará o persoal estatutario, funcionario e laboral do Servizo Galego de Saúde que presta os seus servizos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (EOXI de Vigo). A folga desenvolverase os días 9, 10 e 11 de decembro de 2014 en tramos horarios de 11.30-13.30 (quenda de mañá) e 18.30-20.30 (quenda de tarde).

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a adecuada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía.

Tales mínimos respostan á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga, coa atención aos usuarios e usuarias que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Para a fixación dos servizos mínimos aténdese aos seguintes criterios reitores, utilizados con carácter xeral en folgas precedentes e adaptados a unha folga de dúas horas por quenda de traballo:

a) Persoal facultativo.

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, de ser o caso.

– Área de diálise.

– Área de tratamentos oncolóxicos (Radioterapia, Hospital de Día).

3. Cobertura da actividade cirúrxica nos pacientes, tanto hospitalizados como ambulatorios, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a vida destes ou agraven o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásicos.

4. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir as visitas médicas, a atención indefectible dos pacientes hospitalizados e as altas clínicas.

5. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos doentes hospitalizados que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, a criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos pacientes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os pacientes desprazados.

6. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes, que se refiren tanto aos pacientes hospitalizados como aos ambulatorios.

7. Garantirase a prescrición de sangue, medicamentos e produtos sanitarios, que sexa urxente a criterio do persoal facultativo.

8. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

b) Persoal sanitario non facultativo:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nun triplo ámbito:

– Servizos de urxencias.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables no ingreso.

– Atención ás salas de partos.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos pacientes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito de consultas estableceranse mínimos nun dobre ámbito:

– Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

– Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos pacientes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os pacientes desprazados.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes, que se refiran tanto aos pacientes hospitalizados como aos pacientes ambulatorios.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

c) Persoal de xestión e servizos:

1. Urxencias: o 100 % do persoal.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao de domingos ou festivos, agás as secretarías de planta que deben contar con 1 efectivo.

3. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ao paciente que o requira, cun mínimo de 1 efectivo por centro e ata un máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

4. Atención ao paciente: un número de efectivos que garantan a atención ao paciente que o requira, cun mínimo de 1 %.

5. Servizos de mantemento: un número equivalente aos domingos ou festivos.

6. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número equivalente aos domingos e festivos ou ata o 50 % dos efectivos da quenda.

7. Limpeza: ata o 50 % dos efectivos da quenda.

8. Hostalaría: un número mínimo igual aos domingos ou festivos.

9. Condutores: o mesmo número de efectivos cos domingos ou festivos, cun mínimo en todo caso dun efectivo.

10. Servizos administrativos:

– Información: un profesional por cada área de información.

– Persoal: un profesional na oficina de rexistro.

– Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

d) Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase con carácter xeral un número equivalente aos domingos ou festivos.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores, faraa a EOXI de Vigo, e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe figurar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse adecuadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola EOXI e notificada ao persoal designado.

O dito persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta resolución recóllese o número de efectivos de servizos mínimos para cubrir as xornadas de folga nos tramos horarios afectados.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios do centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO

Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo.

Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Mañá

Tarde

Persoal facultativo

Urxencias

13

13

Área Cirúrxica

51

31

Área Clínica/Hospitalización

39

16

SS. CC.

35

17

Matrona

4

4

Fisioterapeuta, logopeda e terapeuta ocupacional

8

2

Persoal DUE

Urxencias

19

19

Área Cirúrxica

31 (*)

18

Área Clínica/Hospitalización

115

96

SS. CC.

28

5

Persoal sanitario FP

Técnico coidados auxiliar de enfermaría

178

125

Técnico especialista

35

14

Celador/a

75

56

Persoal administrativo

46

14

Mantemento

6

5

Telefonista

3

2

Información/recepción Nicolás Peña

1

1

Hostalaría

Cociñeiro/a

4

3

Pinche

37

31

Gobernante/a

3

0

Encargado/a cociña

1

1

Condutor/a

1

0

Lavandaría

Inclúe 14 pasadores/as de ferro, 6 lavandeiros/as, 1 encargado/a e 1 gobernante/a

22

1

Limpeza

1

0

(*) Os días 9 e 11 de decembro de 2014, 28 efectivos.