Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Xoves, 4 de decembro de 2014 Páx. 50043

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Social)

EDICTO (2775/2012-RMR).

Tipo e número de recurso: recurso de suplicación 2775/2012-RMR

Xulgado de orixe/autos: demanda 583/2011 Xulgado do Social número 4 de Ourense

Recorrente: José Feijoo Sousa

Avogado: Antonio Valencia Fidalgo

Recorridos: Instituto Nacional da Seguridade Social, Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Mutua Fremap, Margraex Combarros, S.L.

Avogados: Servizo Xurídico da Seguridade Social (Provincial), Servizo Xurídico da Seguridade Social (Provincial), Guillermo Amigo Estrada, (…)

Emilio Fernández de Mata

Piar Yebra-Pimentel Vilar

Raquel Naveiro Santos

A Coruña, 31 de outubro de 2014.

Despois de ver as presentes actuacións da Sala do Social deste Tribunal Superior de Xustiza, composta polos/as señores citados, de acordo co prevido no artigo 117.1 da Constitución española,

En nome do rei e pola autoridade que lle confire o pobo español ditou o seguinte

Auto:

No recurso de suplicación 2775/2012-RMR, interposto polo letrado Antonio Valencia Fidalgo, en nome e representación de José Feijoo Sousa, sendo maxistrado relator Emilio Fernández de Mata, e deducíndose das actuacións que se produciron os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Que nesta sala se seguen actuacións do recurso de suplicación que co número 2775/2012-RMR se rexistraron na sala.

Segundo. O 16 de setembro de 2014 esta sala ditou sentenza desestimatoria do recurso de suplicación interposto polo, no seu día, demandante José Feijóo Sousa, a que foi notificada ás partes e en data 23.10.2014, presentou escrito a representación letrada da Administración da Seguridade Social, en nome e representación do INSS e a TXSS, en que solicitaba a aclaración da sentenza, no sentido de que se corrixa o erro material cometido, pois no encabezamento da sentenza, así como no feito probado primeiro e na decisión, aparece como recorrente José Feijóo Novoa, cando en realidade é José Feijóo Sousa.

Á vista dos anteriores antecedentes de feito, formúlanse por esta sala os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Dispón o artigo 267 da Lei orgánica do poder xudicial que:

«1. Os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que se producise.

2. As aclaracións a que se refire o punto anterior poderán facerse de oficio dentro dos dous días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou por petición de parte ou do Ministerio Fiscal formulada dentro do mesmo prazo, que será neste caso resolta polo tribunal dentro dos tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración.

3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento.

4. As omisións ou defectos que se puideren producir nas sentenzas e autos e que for necesario remediar para levalas plenamente a efecto poderán ser emendadas, mediante auto, nos mesmos prazos e polo mesmo procedemento establecido no punto anterior.

5. Se se tratase de sentenzas ou autos que tivesen omitido manifestamente pronunciamentos relativos a pretensións oportunamente deducidas e tramitadas no proceso, o tribunal, por solicitude escrita de parte no prazo de cinco días contados desde a notificación da resolución, logo de traslado da dita solicitude ás demais partes, para alegacións escritas por outros cinco días, ditará auto polo que resolverá completar a resolución co pronunciamento omitido ou que non procede completala.

6. Se o tribunal advertise, nas sentenzas ou autos que ditase, as omisións a que se refire o punto anterior, poderá, no prazo de cinco días contados desde a data en que se diten, proceder de oficio, mediante auto, a completar a súa resolución, pero sen modificar nin rectificar o que acordase.

7. Do mesmo modo ao establecido nos puntos anteriores procederá o secretario xudicial cando se precise aclarar, rectificar, emendar ou completar os decretos que tivese ditado.

8. Non caberá ningún recurso contra os autos ou decretos en que se resolva acerca da aclaración, rectificación, emenda ou complemento a que se refiren os anteriores puntos deste artigo, sen prexuízo dos recursos que procedan, no seu caso, contra a sentenza, auto ou decreto a que se refira a solicitude ou actuación de oficio do tribunal ou do secretario xudicial.

9. Os prazos para os recursos que procedan contra a resolución de que se trate interromperanse desde que se solicite a súa aclaración, rectificación, emenda ou complemento e, en todo caso, comezarán a computar desde o día seguinte á notificación do auto ou decreto que recoñecese ou negase a omisión do pronunciamento e acordase ou denegase remediala».

Segundo. Partindo da disposición mencionada, e estudados os autos, procede aclarar o recollido no antecedente de feito segundo desta resolución. En consecuencia,

A sala acorda:

Rectificar a sentenza ditada en data 16 de setembro de 2014, no sentido de corrixir o erro material cometido e, por iso, facer constar no encabezamento da sentenza, así como no feito probado primeiro e na decisión que o recorrente é José Feijóo Sousa.

Contra este auto non cabe ningún recurso, salvo os que procedan contra a sentenza de que dimana este auto.

Así, por este auto, o acordan, mandan e asinan comigo, secretario da sala, que dou fe.