Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Xoves, 4 de decembro de 2014 Páx. 50036

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2014, da Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo, pola que se oferta aos empregados públicos de determinadas categorías de servizos non clínicos da dita estrutura organizativa a opción de pasaren a prestar servizos, de forma voluntaria, como persoal laboral na entidade concesionaria da explotación dos ditos servizos.

I. Coa data do 10 de maio de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia (número 87) o anuncio de licitación da concesión de obras públicas do Novo Hospital de Vigo para a redacción do proxecto técnico, financiamento, construción e explotación de determinados servizos non clínicos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (expediente AB-SER3-10-016), (BOE número 122, do 19 de maio).

A adxudicación do contrato foi, pola súa vez, obxecto do preceptivo anuncio no DOG (número 31), coa data do 15 de febreiro de 2011 (así como no BOE número 34, do 9 de febreiro).

O prego de prescricións técnicas do dito contrato prevé a explotación pola entidade concesionaria, entre outros, dos seguintes servizos non clínicos do complexo hospitalario:

• Restauración.

• Lavandaría e lenzaría.

• Limpeza.

• Mantemento xeral (só para o Novo Hospital de Vigo, en adiante NHV).

• Conservación de vías e xardíns (só para o NHV).

II. A mencionada explotación de servizos comporta o desempeño por parte da sociedade concesionaria, a través dos seus propios medios e recursos, dos servizos ou funcións que no momento actual desenvolven as seguintes categorías profesionais de empregados públicos (persoal estatutario, funcionario e laboral) dependentes da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo:

• Albanel.

• Calefactor/a.

• Carpinteiro/a.

• Cociñeiro/a.

• Condutor/a.

• Condutor/a de instalacións (mecánico/a).

• Costureiro/a.

• Electricista.

• Encargado/a de equipo persoal de oficios.

• Encargado/a persoal de oficios.

• Enxeñeiro/a técnico/a.

• Fontaneiro/a.

• Fontaneiro/a-calefactor/a.

• Gobernante/a.

• Lavandeiro/a.

• Limpador/a.

• Mecánico/a.

• Oficial cafetaría.

• Operador/a servizos varios.

• Operario/a de servizos.

• Operario/a persoal de oficios.

• Pasador/a de ferro.

• Peón.

• Pintor/a.

• Pinche.

• Xardineiro/a-varredor/a.

• Xefe/a de grupo C1 (cociñeiro/a).

• Xefe/a de equipo de hospitalización e servizo de urxencias (calefactor/a).

• Xefe/a de equipo de hospitalización e servizo de urxencias (electricista).

III. Pola súa vez, o prego de cláusulas administrativas particulares, no punto de obrigas do concesionario respecto do persoal dependente da Administración pertencente ás categorías afectadas pola explotación de servizos non clínicos, estipula que «o concesionario se obriga contractualmente fronte á Administración a aceptar, se é o caso, as opcións voluntarias do citado persoal de pasar a ser contratado laboralmente polo concesionario e integrarse para todos os efectos no seu cadro de persoal. A contratación efectuarase mantendo polo menos a súa categoría profesional, antigüidade e condicións económicas vixentes no momento da opción. O dito persoal laboral dependerá exclusivamente do concesionario polo que este terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa calidade de patrón. A presente non prexulga, nin afecta ou condiciona en manera ningunha, nin as potestades administrativas recoñecidas na normativa vixente respecto do persoal da Administración e a súa organización, nin os dereitos ou situacións administrativas, estatutarias ou laborais de excedencia ou outras, aplicables ao persoal público que opte por ser contratado polo concesionario, nin aos seus eventuais dereitos ao reingreso na institución de acordo coa normativa en cada caso aplicable».

Ante as previsións de finalización das obras de construción e o conseguinte inicio do proceso de apertura do NHV, resulta oportuno formalizar neste intre, mediante a presente resolución, a oferta inherente ao dereito de opción dos empregados públicos das categorías profesionais correspondentes aos citados servizos.

Con base no anteriormente exposto, o persoal afectado poderá exercer a opción de pasar a ser contratado laboralmente pola sociedade concesionaria, de conformidade coas seguintes

Bases:

Primeira. Ámbito de aplicación da oferta

1. O persoal do Servizo Galego de Saúde que preste servizos na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo, no ámbito dos servizos indicados no punto I e nunha das categorías indicadas no punto II desta resolución, poderá exercer, de forma voluntaria, a opción de ser contratado laboralmente pola Sociedade Concesionaria do NHV (en diante SCNHV), a quen corresponde, como adxudicataria do contrato de concesión, a explotación de determinados servizos non clínicos do CHUVI.

2. Para os efectos de exercer a devandita opción, o persoal mencionado deberá ter a condición de funcionario de carreira, persoal laboral fixo, persoal estatutario fixo ou persoal estatutario temporal con nomeamento interino ou con nomeamento de servizos determinados ata a apertura do NHV.

Segunda. Modelo e presentación das solicitudes

Para o exercicio da devandita opción, as persoas interesadas deberán presentar, debidamente cuberto, o modelo normalizado de solicitude que se achega como anexo desta resolución nas unidades de rexistro da EOXI de Vigo, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Terceira. Prazo de presentación

O prazo para a presentación das solicitudes será de quince días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarta. Resolución das solicitudes

As solicitudes serán resoltas pola Xerencia da EOXI de Vigo no prazo máximo dun mes desde que remate o prazo de presentación de instancias para formular a opción. De non ter recaído resolución expresa neste prazo, as solicitudes entenderanse estimadas.

A resolución pronunciarase sobre a estimación, desestimación ou inadmisión das solicitudes. Aquelas resolucións polas que se desestime ou inadmita unha solicitude serán debidamente motivadas.

As resolucións expresarán os recursos que contra elas procedan; órgano ante o que haberán de presentarse e prazo para a súa interposición.

Quinta. Efectos derivados da opción de pasar a prestar servizos na SCNHV

1. Os profesionais que voluntariamente exerzan a opción establecida na base primeira quedarán integrados para todos os efectos no cadro de persoal da SCNHV, como persoal laboral con contrato indefinido, mantendo cando menos a súa categoría profesional, antigüidade e condicións económicas vixentes no momento da opción, pasando a unha situación de dependencia exclusiva da SCNHV. En consecuencia, esta terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa calidade de empresario.

2. O persoal estatutario fixo que exerza esta opción quedará na situación de servizos baixo outro réxime xurídico definida no artigo 65 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde. Conforme os termos expostos no citado artigo, o persoal nesa situación terá dereito ao cómputo do tempo de servizos para os efectos de antigüidade. Durante os tres primeiros anos terá o dereito á reincorporación ao servizo activo, como persoal estatutario no Servizo Galego de Saúde, na mesma categoría e área de saúde de orixe ou, se iso non fose posible, en áreas limítrofes con aquela; ou ben, segundo a opción manifestada pola persoa interesada, a reincorporarse a unha praza na EOXI de Vigo na categoría reclasificada que lle corresponda consonte o disposto no número 1 da base sexta desta resolución.

3. Os efectos da resolución prevista na base cuarta quedarán diferidos á data de posta en funcionamento do NHV, que deberá ser previamente comunicada pola Dirección da EOXI de Vigo. En todo caso, a incorporación á SCNHV realizarase sen solución de continuidade coa vinculación á EOXI de Vigo.

Sexta. Efectos derivados da opción de non pasar a prestar servizos na SCNHV

1. O persoal estatutario fixo que non exercite a opción voluntaria de pasar a prestar servizos como persoal laboral na entidade concesionaria, continuará coa súa vinculación á EOXI de Vigo.

Respecto da súa categoría profesional e funcións, a Administración iniciará un proceso negociado coa representación das organizacións sindicais cara á reclasificación profesional –na forma que legalmente proceda e, se é o caso, se negocie e acorde–, en categorías profesionais equivalentes do mesmo grupo de clasificación e retribucións, así como á continuidade do desempeño no ámbito propio da EOXI de Vigo.

2. No entanto, as anteriores previsións, polo que atinxe especificamente ao persoal funcionario e laboral fixo, así como ao persoal estatutario fixo das categorías mencionadas no punto II destinado no actual servizo de mantemento do Hospital Xeral-Cíes, que opte por non prestar servizos como persoal laboral na entidade concesionaria, o citado persoal será recolocado noutras unidades ou funcións de mantemento dentro da EOXI e na súa actual categoría.

3. O persoal estatutario temporal da EOXI de Vigo comprendido no punto 2 da base primeira, que preste servizos nas categorías afectadas e que non opte pola súa incorporación voluntaria na SCNHV cesará na súa vinculación temporal, por amortización da praza desempeñada ou polo cumprimento do prazo ou motivo previsto para o seu vencemento, nos termos do seu respectivo nomeamento e de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Vigo, 28 de novembro de 2014

Mario González González
Xerente de Xestión Integrada de Vigo

ANEXO
Solicitude para pasar a prestar servizos de forma voluntaria na Sociedade Concesionaria do Novo Hospital de Vigo

DATOS PERSOAIS:

Apelidos:

Nome:

DNI:

Teléfono/s:

Enderezo:

DATOS PROFESIONAIS:

Categoría profesional:

Tipo de vinculación:

Persoal estatutario:

Fixo □ Interino □ Servizo determinado □

Funcionario/a de carreira □

Persoal laboral fixo □

Solicita pasar a prestar servizos, de forma voluntaria, na Sociedade Concesionaria do Novo Hospital de Vigo, como persoal laboral indefinido, nas condicións e co réxime determinado na Resolución da Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo con data do 28 de novembro de 2014.

Para os efectos previstos no artigo 6 e concordantes da Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, dou o meu consentimento expreso a que a EOXI de Vigo proceda á cesión á Sociedade Concesionaria do Novo Hospital de Vigo de cantos datos persoais resulten necesarios para a formalización da contratación laboral por esta, incluídas a xestión de altas, modificacións ou variacións ante todo tipo de organismos, axencias ou administracións públicas, así como datos bancarios para a acreditación de haberes.

Data:

Asinado:

Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo