Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 2 de decembro de 2014 Páx. 49820

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

CÉDULA do 13 de novembro de 2014 pola que se notifica a apertura e práctica da proba no expediente de reposición da legalidade urbanística COR/57/2014-RP1.

A instrutora do expediente de reposición da legalidade urbanística COR/57/2014-RP1 ditou, o 20 de outubro de 2014, resolución pola que se notifica a apertura e práctica da proba a Miguel Palomo López, polas obras realizadas en solo rústico sen a autorización urbanística autonómica, consistentes na construción dunha vivenda no lugar da Barcia-Porzomillos, termo municipal de Oza-Cesuras (A Coruña).

Ao non poder realizarse a notificación persoal desta resolución, mediante esta cédula, e ao abeiro do disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), notifícaselle ao interesado a dita resolución:

«O 18.7.2014, a directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (en diante APLU) incoou o expediente de reposición da legalidade urbanística de referencia en relación coas obras e usos do solo realizados en solo rústico, sen autorización urbanística autonómica, consistentes na construción dunha vivenda na parcela catastral 15064A002007640000DS, sita no lugar da Barcia-Porzomillos, no termo municipal de Oza-Cesuras, provincia da Coruña.

O 29.8.2014, Miguel Palomo López presenta escrito de alegacións no cal, entre outras cuestións, alega que ten presentado no Rexistro Administrativo de Monelos, dirixido ao Servizo de Urbanismo da Coruña, proxecto de legalización por obras de construción de vivenda, pendello, entubación e muro caixeiro na marxe esquerda do río Mendo, no muíño da Barcia, parroquia de Porzomillos, concello de Oza-Cesuras. Así mesmo, sinala que este proxecto tamén foi presentado no Concello para a súa tramitación.

Dado que, de conformidade co establecido no artigo 41 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante LOUG), a solicitude de autorización autonómica, acompañada do correspondente anteproxecto, debe ser tramitada polo concello respectivo, cómpre comprobar que o documento presentado para a súa tramitación no concello e posterior remisión á consellería inclúe as obras obxecto deste expediente de reposición da legalidade urbanística e xustifica o cumprimento do réxime xurídico establecido no artigo 40 da LOUG.

En consecuencia, e de conformidade co disposto no artigo 80 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acordo abrir un período de proba por prazo de dez (10) días hábiles para a práctica de proba consistente en que o interesado achegue a seguinte documentación:

– Copia da solicitude presentada no Concello de Oza-Cesuras, con rexistro de entrada.

– Copia de proxecto que a acompaña.

Así mesmo, e de conformidade co disposto no artigo 80.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acórdase rexeitar as probas propostas polo interesado, por ser manifestamente innecesarias, toda vez que non poden alterar a resolución final a favor dos interesados, de acordo coas seguintes consideracións:

a) Documental, consistente na achega de documentación acreditativa do valor etnográfico e cultural do muíño e os seus elementos anexos.

A xustificación do carácter tradicional ou do singular valor arquitectónico da edificación obxecto deste expediente debe constar no proxecto que se presentou para a obtención da autorización autonómica, polo que a súa reiteración resulta totalmente innecesaria.

b) Documental, consistente na achega de documentación acreditativa do uso residencial do muíño desde hai máis de 25 anos.

Esta proba resulta tamén innecesaria xa que a vivenda unifamiliar existente no antigo muíño de auga non é obxecto do expediente de reposición da legalidade urbanística de referencia, que se limita á nova edificación con tipoloxía de vivenda unifamiliar en fase de execución existente na parcela.

c) Documental, consistente na achega de documentación acreditativa da situación física dun dos moradores do muíño.

Esta circunstancia resulta totalmente irrelevante para os efectos de analizar o grao de axuste da nova construción á legalidade urbanística vixente.

d) Pericial, consistente na elaboración dun informe acreditativo de que concorren as circunstancias do solo rústico de especial protección de augas e non as do solo rústico de especial protección de espazos naturais».

Intentada a notificación deste acordo mediante correo certificado con xustificante de recepción de recibo no enderezo que consta no expediente, non foi recibido polo interesado, nin recollido na oficina de Correos, malia de ter sido depositado o correspondente aviso.

Polo exposto, e de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procede efectuar a notificación por medio de anuncios no taboleiro de edictos do Concello e no Diario Oficial de Galicia.

Para que conste e lle sirva de notificación de resolución ao destinatario arriba indicado, en cumprimento do disposto no artigo 59.5º da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, expido e asino esta cédula.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2014

María Martínez Allegue
Directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística