Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 21 de novembro de 2014 Páx. 48281

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (PO-373/2013).

Susana Varela Amboage, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento ordinario 373/2013 deste xulgado do social, seguido por instancia de Alberto Amboage Tato contra Project Silicom Energy, S.L. e Fondo de Garantía Salarial sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución:

Auto.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2014.

Antecedentes de feito.

Único. No procedemento de referencia ditouse sentenza do 24 de setembro de 2014, cuxo feito probado primeiro di o seguinte:

A parte demandante prestou os seus servizos para a mercantil demandada desde o 1 de abril de 2010, coa categoría profesional de técnico industrial, pola que debería percibir un salario mensual bruto de 2.652,18 euros, máis dúas pagas extras semanais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Dispón o artigo 214 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil (LAC), sobre invariabilidade das resolucións, que:

1. Os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material de que adoezan.

2. As aclaracións a que se refire o número anterior poderán facerse de oficio dentro dos dous días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou a petición de parte ou do Ministerio Fiscal formulada dentro do mesmo prazo, sendo neste caso resolta polo tribunal dentro dos tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración.

3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento.

Segundo. De igual forma, e en relación coa emenda e complemento de sentenzas e autos defectuosos ou incompletos, o artigo 215 do mesmo corpo legal establece que:

1. As omisións ou defectos de que poidan adoecer sentenzas e autos e que for necesario remediar para levar plenamente a efecto as devanditas resolucións poderán ser emendadas, mediante auto, nos mesmos prazos e polo mesmo procedemento establecidos no artigo anterior.

2. Se se trata de sentenzas ou autos que omitisen manifestamente pronunciamentos relativos a pretensións oportunamente deducidas e tramitadas no proceso, o tribunal, por solicitude escrita de parte no prazo de cinco días contado desde a notificación da resolución, logo de traslado da devandita solicitude ás demais partes, para alegacións escritas por outros cinco días, ditará auto polo que resolverá completar a resolución co pronunciamento omitido ou que non procede completala.

3. Se o tribunal advirte en sentenzas ou autos que ditase as omisións a que se refire o número anterior poderá, no prazo de cinco días contado desde a data en que se dita, proceder de oficio, mediante auto, a completar a súa resolución, pero sen modificar nin rectificar o que acordase.

4. Non caberá recurso ningún contra os autos en que se completen ou se denegue completar as resolucións a que se refiren os anteriores números deste artigo, sen prexuízo dos recursos que procedan, se é o caso, contra a sentenza ou auto a que se refira a solicitude ou a actuación de oficio do tribunal. Os prazos para estes recursos, se foren procedentes, comezarán a computarse desde o día seguinte ao da notificación do auto que recoñecese ou negase a omisión de pronunciamento e acordase ou denegase remediala.

Terceiro. Malia o anterior, na sentenza cuxa aclaración se pretende prodúcese efectivamente un erro de transcrición en relación coa data de antigüidade, que debe ser corrixido e é que, da proba practicada e, concretamente, dos recibos de salarios que constan unidos ás actuacións como documento número catro, se deduce claramente que a antigüidade do traballador é a da data 21 de setembro de 2004, polo que se debe corrixir o feito probado primeiro neste sentido.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e especial aplicación.

Parte dispositiva.

Que rectifico o erro de transcrición que consta no feito probado primeiro, o cal debe quedar redactado da seguinte maneira, así como todas as alusións que na sentenza se fagan á data de antigüidade:

Primeiro A parte demandante prestou os seus servizos para a mercantil demandada desde o 21 de setembro de 2004, coa categoría profesional de técnico industrial, pola que debía percibir un salario mensual bruto de 2.652,18 euros, máis dúas pagas extras semanais.

Esta resolución é firme e contra ela non cabe ningún recurso, ben que se poderá interpor contra a resolución que se rectifica, no modo e forma nesta establecidos, desde a notificación ás partes do presente auto.

Así o acordo, mando e asino, Mª del Carmen Barcala Barreiro, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela.

E para que sirva de notificación en legal forma a Proyect Silicom Energy, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, agás no suposto da comunicación das resolucións que sexan autos ou sentenzas, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2014

A secretaria xudicial