Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 20 de novembro de 2014 Páx. 48054

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2014 pola que se fai público o acordo do Consello Reitor sobre delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Axencia.

Unha vez visto o acordo do Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación adoptado na súa reunión do 10 de setembro de 2014, relativo á delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación, e de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. A publicación como anexo a esta resolución do acordo do Consello Reitor da Axencia Galega do día 10 de setembro, no cal se aproba a delegación de competencias do Consello Reitor na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación, para os efectos da súa entrada en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2014

Manuel Antonio Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación

ANEXO
Acordo de delegación de competencias do Consello Reitor na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación (Gain)

«Primeiro. Delegar na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación o exercicio das seguintes competencias do Consello Reitor previstas nas alíneas m), n) e o) do artigo 15 dos seus estatutos (aprobados en virtude do Decreto 50/2012, DOG núm. 19, do 27 de xaneiro):

m) A resolución das reclamacións previas en asuntos civís e laborais.

n) A aprobación da participación de sociedades mercantís e fundacións con carácter previo ao procedemento establecido no artigo 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

o) Autorizar contratos laborais de duración determinada previos aos informes favorables dos centros directivos competentes en materia orzamentaria e de función pública. A selección deste persoal realizarase de acordo co previsto no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Segundo. A delegación de competencias neste órgano comprende tamén a resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Terceiro. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións de competencias conferidas por esta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Cuarto. O Consello Reitor poderá reclamar en calquera momento o exercicio das competencias que son delegadas por este acordo, das cales quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Quinto. Publicar o presente acordo no DOG e na páxina web da Axencia.

Sexto. Este acordo de delegación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no DOG.

Contra este acordo, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia».