Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 5 de novembro de 2014 Páx. 46459

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Servizos Sociais

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2014 pola que se convoca o posto de xerente vacante na Axencia Galega de Servizos Sociais.

En virtude do Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS) e se aproban os seus estatutos, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución, regulado no artigo 15 dos estatutos da AGSS, aprobados polo citado Decreto 40/2014, do 20 de marzo.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección que se inclúe no anexo II.

Para participar nesta convocatoria as persoas candidatas utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpor un recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou poderá impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2014

(Disposición transitoria primeira Decreto 40/2014, do 20 de marzo)
María Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia e Inclusión

ANEXO I

Denominación do posto: xerente.

Dependencia: Axencia Galega de Servizos Sociais.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro/artigo  15.2 do Decreto 40/2014, do 20 de marzo).

Directivo: grupo III, nivel 2.

Tipo de persoal: funcionario (subgrupo A1)/alta dirección.

ANEXO II
Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de xerente da Axencia Galega de Servizos Sociais

1. Obxecto da convocatoria.

Esta convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de xerente da Axencia Galega de Servizos Sociais.

2. Funcións do/da xerente.

De conformidade co establecido no Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS) e se aproban os seus estatutos, a Xerencia é o órgano ao cal lle corresponden as funcións de xestión e administración, a coordinación, o seguimento e o control das áreas en que se estrutura a Axencia, así como a elaboración do anteproxecto do plan de acción anual sobre a base dos recursos dispoñibles e de acordo co contrato plurianual de xestión.

3. Requisitos dos/das aspirantes.

Os/as aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os/as seus descendentes e os/as do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

b) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.

c) Ter cumpridos os dezaseis anos.

d) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

e) Non atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o emprego ou cargo público por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario/a ou para exercer funcións similares ás que desenvolvían no caso de persoal laboral, do que for separado/a ou inhabilitado/a.

f) Estar en posesión dunha titulación superior universitaria, en calquera dos seguintes graos: Dereito, Economía, Administración e Dirección de Empresas ou Dirección e Xestión pública, ou titulacións homologadas a estas áreas de coñecemento.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación.

Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes como no de toma de posesión ou formalización do contrato.

4. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste caso deberá remitirse por fax ao seguinte número: 981 54 46 34, e antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude rexistrada e a relación individualizada dos méritos que se aleguen.

A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

Coa solicitude, os/as aspirantes deberán presentar unha declaración responsable de que reúnen todos e cada un dos requisitos exixidos.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia Galega de Servizos Sociais para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

Así mesmo, deberá presentar unha copia cotexada do título universitario exixido ou da certificación académica que acredite ter realizados os estudos para a obtención do título ou, de ser o caso, do documento que acredite fidedignamente a posesión do título académico.

Coa solicitude tamén deberá relacionar de xeito individualizado cada un dos méritos que alegue e presentar a documentación acreditativa destes para a súa valoración, ben orixinal ou ben fotocopia cotexada.

Así mesmo, coa solicitude terá que achegarse o currículum vítae do/da solicitante e o plan de actuación (recollido no punto 7 das presentes bases) en soporte papel e en formato electrónico.

A formación acreditarase mediante a presentación dos orixinais ou das fotocopias cotexadas dos títulos ou certificados que se aleguen.

A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación do informe de vida laboral ou certificado de aboamento de cotas ao réxime de autónomos, se se alegan servizos profesionais por conta propia, contratos de traballo por conta allea ou propia, ou acta de toma de posesión de cargos públicos ou funcionario público e certificado de servizos prestados, se é o caso.

Non se valorarán aqueles méritos que non estean acreditados conforme o disposto anteriormente, nin aqueles posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e serán responsabilidade do/da aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

O prazo para a presentación de solicitudes será de quince días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Admisión de aspirantes.

Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, a Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais ditará unha resolución na cal se aproben as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

A lista publicarase na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar, no portal de Benestar: http://benestar.xunta.es e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase unha resolución en que se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar, no portal de Benestar: http://benestar.xunta.es

Todas as publicacións referidas a esta convocatoria faranse ademais no taboleiro de anuncios da Consellería de Traballo e Benestar

6. Tribunal de selección.

O tribunal de selección será nomeado por resolución da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais e constituirase unha vez publicada na web da Consellería de Traballo e Benestar a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

7. Procedemento selectivo.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso, que consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos/as aspirantes, que se puntuarán de acordo co baremo sinalado a seguir e cuxa puntuación máxima é de 100 puntos.

O procedemento selectivo constará de tres fases:

7.1. Primeira fase: baremación de méritos alegados (ata un máximo de 60 puntos).

A puntuación máxima nesta primeira fase é de 60 puntos e será necesaria a obtención dun mínimo de 30 para superala. Os/as aspirantes que non acaden a puntuación anterior quedarán eliminados do proceso selectivo.

A valoración dos méritos desenvolverase conforme a seguinte distribución.

7.1.1. Formación (puntuación máxima de 20 puntos).

– Pola asistencia a cursos impartidos por todo tipo de organismos ou entidades cunha duración igual ou superior a 20 horas lectivas nos ámbitos do dereito, xestión económica, contratación, contas ou fiscalidade: 0,07 puntos por cada hora ata acadar o máximo previsto.

7.1.2. Experiencia (puntuación máxima de 40 puntos).

– Pola experiencia laboral de, cando menos, un ano en tarefas directivas en entidades públicas ou privadas do sector dos servizos sociais: 5 puntos por cada ano ata acadar un máximo de 10 puntos.

– Pola experiencia laboral de, cando menos, 5 anos en tarefas xurídicas ou económicas ou calquera outra do eido xurídico ou financeiro que poida considerarse inherente ao desenvolvemento das funcións recollidas nos artigos 15 e 16 do Decreto 40/2014, do 20 de marzo, tanto en entidades públicas como en entidades privadas: 3 puntos por cada ano ata acadar un máximo de 30 puntos.

7.1.3. A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/polas aspirantes publicarase na páxina web da Consellería de traballo e Benestar e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase unha resolución de aprobación da lista coas puntuacións definitivas da primeira fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar, portal de Benestar.

7.2. Segunda fase: plan de actuación (ata un máximo de 30 puntos).

7.2.1. A puntuación máxima nesta segunda fase será de 30 puntos e será necesaria a obtención dun mínimo de 15 para superala. Os/as aspirantes que non acaden a puntuación anterior quedarán eliminados do proceso selectivo.

7.2.2. As persoas aspirantes deberán presentar un plan de actuación que se debe desenvolver, relativo ao Plan de xestión integral da Axencia Galega de Servizos Sociais. Este plan deberá conter as principais accións inherentes ao funcionamento da xerencia que se porían en marcha, indicando unha planificación estimada delas e o modelo de seguimento e avaliación que se lles aplicaría.

O plan non poderá superar os 50 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 12.

7.2.3. O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

• Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e prioridades da Axencia Galega de Servizos Sociais.

• Viabilidade, entendida como unha identificación adecuada e o tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

• Eficacia, entendida como grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.

• Eficiencia, entendida como relación existente entre os obxectivos e os recursos que se estiman para acadalos.

• Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.

7.2.4. A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar, no portal de Benestar:
http://benestar.xunta.es e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase unha resolución de aprobación da lista coas puntuacións definitivas da segunda fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Consellería de traballo e de Benestar, no portal de Benestar: http://benestar.xunta.es

Os/as candidatos/as que superen as dúas primeiras fases do procedemento selectivo serán convocados, nun prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da lista coas baremacións definitivas, para a defensa do plan de actuación.

7.3. Terceira fase: defensa do plan de actuación (ata un máximo de 10 puntos).

A data e o lugar establecidos para a defensa dos plans de actuacións serán publicados no taboleiro de anuncios e na web da Consellería de Traballo e Benestar, no portal de Benestar: http://benestar.xunta.es, cunha antelación mínima de vinte e catro horas á sinalada para o seu inicio.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan e responder a todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.

8. Cualificación e lista de persoas seleccionadas.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.

En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obteña a maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel. Se persistise o empate, resolverase por sorteo.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios da Consellería de Traballo e Benestar as puntuacións obtidas polos aspirantes con indicación do/da candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de tres días hábiles desde a publicación para presentar alegacións. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva.

O tribunal elevará á Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais a proposta a favor do/da aspirante que obtivese a maior puntuación. O nomeamento corresponde ao Consello Reitor da Axencia Galega de Servizos Sociais, por proposta motivada da Dirección.

Se non se presentasen solicitudes, se non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou se se considerar que ningún dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante unha resolución da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9. Nomeamento e toma de posesión/formalización do contrato de alta dirección.

9.1. Se o/a aspirante seleccionado/a para ocupar o posto de traballo convocado posúe a condición de funcionario público con destino definitivo noutra Administración pública, o seu nomeamento requirirá o informe favorable do departamento onde preste servizos. Considerarase favorable de non se emitir no prazo de quince días, segundo o preceptuado no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes. Unha vez tramitado o seu traslado a esta comunidade autónoma procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado/a. Se no prazo de dous meses a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia, o/a funcionario/a seleccionado/a non se pode incorporar á Comunidade Autónoma, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión.

Se o aspirante seleccionado para ocupar o posto de traballo convocado posúe a condición de funcionario público, o prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse na data que se determine xustificadamente mediante a orde da persoa titular da consellería convocante publicada no Diario Oficial de Galicia, agás no caso de procedencia doutras administracións, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da comunicación da resolución de traslado á Comunidade Autónoma, co límite dos dous meses a que se fai referencia no parágrafo anterior. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde o dito día.

Para os efectos da aplicación destes prazos, deberá terse en conta o previsto no punto 10 das presentes bases.

9.2. Se a persoa aspirante seleccionada para ocupar o posto de traballo convocado non posuíse a condición de funcionario público, o vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O/a xerente estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

10. En calquera caso e sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, o nomeamento e toma de posesión ou a data de efectos do contrato de alta dirección deberán coincidir ou ser posteriores ao inicio das actividades da Axencia Galega de Servizos Sociais, que segundo o disposto na disposición adicional primeira do Decreto 40/2014, do 20 de marzo, se producirá tras a resolución da Dirección da Axencia en que se publicará a data da súa posta en funcionamento.

11. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo de se considerar oportuno.

missing image file