Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 22 de outubro de 2014 Páx. 45092

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2014, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Resolución do 8 de agosto de 2014, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para fomentar o emprendemento feminino, cofinanciadas polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (SI429A).

missing image file

Por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 8 de agosto de 2014 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino (DOG núm. 151, do 11 de agosto).

O artigo 25 da Resolución do 8 de agosto de 2014 establece que, para a xustificación das axudas concedidas, as beneficiarias presentarán, con data límite do 30 de novembro de 2014, a documentación que se indica nos números 1.1 e/ou 1.2, segundo corresponda. Tendo en conta o volume de solicitudes presentadas e o longo proceso de tramitación, e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o dito artigo 25, ampliando o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte das beneficiarias.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o apartado 1 do artigo 25 (xustificación da subvención) da Resolución do 8 de agosto de 2014, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino, cofinanciadas polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, que queda redactado como segue:

«Con base no establecido no título III, artigo 48.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as beneficiarias, para cobraren as contías concedidas, deberán presentar, como máximo ata o día 30 de decembro de 2014, a seguinte documentación, da cal se achegará un único exemplar orixinal».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2014

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade