Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 22 de outubro de 2014 Páx. 45094

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 1 de outubro de 2014 pola que se autorizan as ensinanzas de bacharelato semipresencial para persoas adultas, modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais, no IES Antón Losada Diéguez da Estrada.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, o desenvolven e das facultades que atribúe ao Estado o artigo 149.1.30º da Constitución.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, considera a educación como unha aprendizaxe permanente e no seu artigo 66 establece que a educación para persoas adultas ten a finalidade de ofrecer a todos os maiores de dezaoito anos a posibilidade de adquirir, actualizar, completar ou ampliar os seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional; e no seu artigo 69 establece que as administracións educativas promoverán medidas tendentes a ofrecer a todas as persoas a oportunidade de accederen ao bacharelato.

A Orde do 11 de xuño de 2010 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria autorizou as ensinanzas para persoas adultas nas modalidades presencial e a distancia, en centros específicos de educación e promoción de adultos e institutos de educación secundaria dependentes desta consellería.

Analizadas as necesidades educativas xurdidas e a oferta de modalidades en funcionamento, resulta aconsellable ampliar esta oferta, coa finalidade de mellorar a atención ao alumnado de bacharelato.

Por todo canto antecede, e tendo en conta o informe favorable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e de conformidade coa proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo único. Autorización de ensinanzas

Autorízase a implantación das ensinanzas de bacharelato semipresencial para persoas adultas, modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais no IES Antón Losada Diéguez da Estrada (Pontevedra). Código 36002359.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria