Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 21 de outubro de 2014 Páx. 44907

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 8 de outubro de 2014 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Olveira, no concello de Cabana de Bergantiños, provincia da Coruña.

Antecedentes.

1. O monte Olveira, no concello de Cabana de Bergantiños, inscribiuse no Catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 395. A Orde ministerial do 16 de xullo de1968 (BOP da provincia da Coruña do 15 de novembro de 1969) aprobou o seu deslindamento, cunha superficie pública de 28,25 ha e pertencente ao Concello de Cabana de Bergantiños.

2. O día 10.6.2013 a técnica do Distrito Forestal II (Bergantiños-Mariñas Coruñesas) informou de que o monte Olveira non cumpre con ningún dos supostos que se mencionan no artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de acordo cos cales un monte pode ser incluído no Catálogo de montes de utilidade pública. En concreto, informou que no monte só están arborizadas aproximadamente 7 ha. As especies arbóreas presentes son do xénero Eucalyptus sp e está toda a masa moi afectada polo ataque da praga Gonipterus scutellatus. Baixo o arboredo hai matogueiras do xénero Ulex sp e Erica sp ao 50 %. Non hai ningunha corrente de auga que transcorra pola superficie pública do monte nin risco de erosión. Aínda que o concello de Cabana de Bergantiños está en zona ZAR (zona de alto risco de incendio), nos últimos anos só se veu afectada a zona alta do monte por un incendio. A zona afectada estaba poboada con matogueiras, polo que non se viu afectado o potencial forestal do monte.

En consecuencia propón a posibilidade de excluír o monte público Olveira do Catálogo de montes de utilidade pública.

3. O día 14.6.2013 o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar solicitou a Augas de Galicia que emitise un informe para corroborar que non concorren os supostos regulados nas alíneas b), c), d), e), f) e h) do artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Non se recibiu ningunha contestación deste órgano.

4. O día 25.6.2013 a xefa do Servizo de Montes da Coruña notificou ao Concello de Cabana de Bergantiños (titular do monte) un trámite de audiencia, en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O Concello non presentou ningunha alegación no prazo establecido.

5. O día 24.7.2013 a Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar emitiu un informe-proposta de descatalogación do monte de utilidade pública Olveira en que propón a procedencia da súa exclusión do catálogo por teren desaparecido as causas que motivaron a súa declaración.

6. O día 11.9.2014 o secretario xeral do Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta que emitiu o Servizo de Montes da Coruña, propón a declaración da perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Olveira (nº 395).

7. O día 18.9.2014 o Servizo Técnico-Xurídico solicitou un informe á Asesoría Xurídica sobre esta orde.

8. O día 1.10.2014 a Asesoría Xurídica emitiu o informe solicitado.

Consideracións legais e técnicas.

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes no Catálogo de montes de utilidade pública e o mantemento deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga ás comunidades autónomas a daren traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

3. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte ou parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública coa súa perda da condición de utilidade pública.

4. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte ou de parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública á consellaría competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública do monte Olveira, que se inscribiu no Catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 395 cunha superficie pública de 28,25 ha e como pertencente ao Concello de Cabana de Bergantiños, da provincia da Coruña.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición, con carácter potestativo ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar