Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 21 de outubro de 2014 Páx. 44911

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 8 de outubro de 2014 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Castro, no concello de Coristanco, provincia da Coruña, cunha cabida no catálogo de 70 hectáreas.

Antecedentes:

1. O monte Castro, do concello de Coristanco, inscribiuse no Catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 57. O catálogo asigna a súa pertenza á parroquia de Castro e atribúelle unha superficie pública de 70 ha. Non obstante, o monte non foi deslindado, e segundo a planimetría do Servizo de Montes da Coruña a súa cabida real é de 53 ha.

2. O día 10.6.2013 a técnica do Distrito Forestal II (Bergantiños-Mariñas Coruñesas) informou de que o monte Castro non cumpre con ningún dos supostos que se mencionan no artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de acordo cos cales un monte pode ser incluído no Catálogo de montes de utilidade pública. En concreto, informou que o monte está poboado actualmente por pés de Eucalyptus sp na maior parte da súa superficie. O sotobosque está composto por matogueiras do xénero Ulex sp e Pteridium aquilinum. Non hai ningunha corrente de auga que transcorra pola superficie pública do monte nin risco de erosión. Aínda que o concello de Coristanco está en zona ZAR (zona de alto risco de incendio), non existe constancia de que o monte sufrise ningún incendio forestal.

En consecuencia, propón a posibilidade de excluír o monte público Castro do Catálogo de montes de utilidade pública.

3. O día 8.7.2013 a xefa do Servizo de Montes da Coruña notificou ao Concello de Coristanco (titular do monte) un trámite de audiencia en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O concello non presentou ningunha alegación no prazo establecido.

4. O día 9.7.2013 o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar solicitou a Augas de Galicia que emitise un informe para corroborar que non concorren os supostos regulados nas alíneas b), c), d), e), f) e h) do artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Non se recibiu ningunha contestación deste órgano.

5. O día 30.7.2013 a Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar emitiu un informe-proposta de descatalogación do monte de utilidade pública Castro en que propón a procedencia da súa exclusión do catálogo por teren desaparecido as causas que motivaron a súa declaración.

6. O día 11.9.2014 o secretario xeral do Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta que emitiu o Servizo de Montes da Coruña, propón a declaración da perda da condición de utilidade pública e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Castro (nº 57).

7. O día 18.9.2014 o Servizo Técnico-Xurídico solicitou un informe á Asesoría Xurídica sobre esta orde.

8. O día 1.10.2014 a Asesoría Xurídica emitiu o informe solicitado.

Consideracións legais e técnicas:

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes no Catálogo de montes de utilidade pública e o mantemento deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga as comunidades autónomas a daren traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

3. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte ou parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública coa súa perda da condición de utilidade pública.

4. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte ou de parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública á consellería competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública do monte Castro, que se inscribiu no Catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 57 e cunha cabida de 70 ha e como pertencente ao Concello de Coristanco, na provincia da Coruña, por perder as causas que motivaron no seu día a súa inclusión no catálogo. A súa cabida real, segundo a planimetría efectuada polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña é de 53 ha.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición, con carácter potestativo ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar