Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Martes, 14 de outubro de 2014 Páx. 44195

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, de instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada subestación Regoelle 220 kV, situada no termo municipal de Dumbría e promovida por Red Eléctrica de España, S.A.U. (expediente IN407A 2009/299-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U., con enderezo para os efectos de notificación en Paseo del Conde de los Gaitanes, 177, La Moraleja, 28109 Alcobendas (Madrid), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 23.6.2009 a empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE) presentou solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada subestación Nova Dumbría 220 kV.

A esta solicitude xuntouse o preceptivo proxecto de execución, coas correspondentes separatas técnicas, e o informe de cualificación ambiental emitido o 16.7.2008 pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no que se conclúe que non procede someter o proxecto ao trámite de avaliación de impacto nin de efectos ambientais (non obstante, lémbrase que debido á existencia dun elemento do patrimonio cultural nas proximidades da localización da subestación, deberase cumprir co disposto no artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia).

Esta subestación está incluída no documento Planificación dos sectores de electricidade e gas 2008-2016, aprobado polo Consello de Ministros do 30 de maio de 2008, baixo a denominación Nova Dumbría 220 kV, sendo a súa xustificación o mallado da rede de transporte e o apoio á distribución. Esta denominación substituíuse pola de Regoelle 220 kV, mediante a Orde ITC/2906/2010, do 8 de novembro, pola que se aproba o programa anual de instalacións e actuacións de carácter excepcional das redes de transporte de enerxía eléctrica e gas natural.

Segundo. O 9.9.2009 a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio emitiu informe favorable sobre a devandita subestación, de conformidade co exixido no artigo 36.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividade de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Con datas 2.11.2009, 17.12.2009, 24.9.2010 e 9.3.2011 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) practicou diversos requirimentos á empresa REE, que presentou as súas contestacións ao respecto.

Cuarto. O 7.3.2013 a empresa REE presentou un escrito en que solicita continuar o procedemento cun novo proxecto denominado Modificación do proxecto de execución-Nova subestación de transporte de Regoelle 220 kV.

Xunto con este escrito, ademais do novo proxecto de execución e das correspondentes separatas técnicas, a empresa REE presentou copia compulsada da seguinte documentación para incorporar ao expediente:

• Escrito do Concello de Dumbría, do 30.11.2011, en que manifesta a súa conformidade coa nova localización da subestación.

• Escrito da Sociedad de Salvamento y Seguridad Marítima (Ministerio de Fomento), do 22.2.2013, en que amosa a súa conformidade coa construción e posta en servizo da subestación.

• Informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 12.3.2012, sobre cualificación ambiental, no que se conclúe que non procede someter o referido proxecto ao trámite de avaliación de impacto nin de efectos ambientais (non obstante, lémbrase que debido á existencia de elementos do patrimonio arqueolóxico nas proximidades da nova localización da subestación, deberase cumprir co disposto no artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo).

• Informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 10.12.2012, con ditame favorable sobre o documento de avaliación cultural da subestación e no que se fai mención expresa a que os elementos do patrimonio arqueolóxico que se atopan nas súas proximidades non se ven afectados.

Segundo consta neste novo proxecto, no que se define unha nova localización para a subestación en atención ás alegacións practicadas no seu día polo Concello de Dumbría, a instalación eléctrica proxectada consiste nunha subestación transformadora 220 kV, de tecnoloxía GIS, blindada de interior, cun esquema de dobre barra con acoplamento e seis posicións pertencentes á rede de transporte, coas seguintes características básicas:

• Parque de 220 kV:

– Dúas posicións de liña: de entrada e saída da actual LAT 220 kV Vimianzo-Mazaricos (P6/P3).

– Tres posicións de liña: para as LAT Mesón do Vento 1 (P1), Dumbría 1 (P4) e Dumbría 2 (P2).

– Unha posición de acoplamento e medida (P5).

– Deseño para ampliación de tres posicións de reserva (P7/P8/P9).

• Aparellaxe 220 kV:

– Módulos prefabricados baixo envolvente metálica (blindados) en interior de edificio montado para o efecto, con illamento en SF6.

– Interruptores: intensidade nominal/corte 3.150/40 kA.

– Transformadores de intensidade, de características conforme o Real decreto 1110/2007, do 24 de agosto, polo que se aproba o Regulamento unificado de puntos de medida do sistema eléctrico.

– Transformadores indutivos de tensión, de características conforme o Real decreto 1110/2007, do 24 de agosto.

– Seccionadores de illamento: de intensidade nominal/límite térmica 3.150/50 kA.

– Seccionadores de posta á terra rápida/de mantemento 50/50 kA.

– Equipamentos convencionais (autoválvulas).

• Outras características:

– Tensión máis elevada para o material Um = 245 kV.

– Intensidade de curtocircuíto de curta duración: 40 kA para aparamenta convencional e 50 kA para aparamenta blindada, cunha duración máxima de 0,5 s.

– Conexión entre pórticos de liña ata o edificio GIS mediante tubo blindado encapsulado en SF6.

– Saídas de liña: a 14,95 m de altura.

– Embarrados baixos: conexións entre aparellos a 6 m de altura, en condutor Al-Ac Raíl dúplex.

– Embarrados altos: en tubo de aluminio a 10,50 m de altura en configuración apoiada sobre illadores soporte.

– Tendidos: a 14,95 m de altura, en condutor Al-Ac Raíl dúplex.

– Mallado de rede de terras inferiores (condutor Cu) e de terras superiores (puntas Franklin).

– Sistema de control, protección, telecomunicacións e servizos auxiliares.

• Localización:

– Parcelas 675, 676, 684, 685, 689, 690, 691, 692, 693, 694, 695, 696, 697, 698 e 699 do polígono 6, con acceso desde a estrada AC-441 nas proximidades de Baíñas.

Quinto. O 9.5.2013 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada Subestación Regoelle 220 kV, recollida no proxecto titulado Modificación do proxecto de execución-Nova subestación de transporte de Regoelle 220 kV.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 7.6.2013, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 14.6.2013 e no xornal La Voz de Galicia do 6.6.2013; e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Dumbría durante o preceptivo prazo de 20 días (entre o 15.6.2013 e o 9.7.2013).

Así mesmo, o 9.5.2013 a xefatura territorial practicou notificación individual aos propietarios dos predios afectados pola devandita instalación eléctrica, que aparecen na RBDA incorporada como anexo á citada resolución pola que se realizou o trámite de información pública.

Sexto. Durante o período en que o proxecto de execución da devandita instalación eléctrica se someteu ao trámite de información pública, presentáronse os seguintes escritos de alegacións (dos que se deu traslado á empresa REE, quen presentou a súa contestación):

Alegacións

Resumo

1

José Antonio Rodríguez Legarreta, que actúa en representación de Ferroatlántica, S.A.U., manifesta o seguinte:

– As súas instalación de xeración e consumo de enerxía eléctrica na Costa da Morte únense ao sistema eléctrico nacional a través da LAT 220 kV Mesón do Vento-Dumbría.

– Son coñecedores de que se están a tramitar na xefatura territorial os expedientes IN407A 2009/299-1 (subestación Regoelle 220 kV) e IN407A 2010/17-1 (LAT 220 kV DC E/S en subestación Regoelle das LAT 220 kV Vimianzo-Mazaricos e Mesón do Vento-Dumbría), promovidos por REE.

– Dadas as posibles repercusións que estas actuacións poidan ter para Ferroatlántica, é do seu interese personarse nestes expedientes para coñecer o estado das tramitacións e, en concreto, a solución que se prevé para o circuíto de conexión entre a subestación de Dumbría (da que son titulares) e a futura subestación de Regoelle.

2

María Virtudes Lema García, que figura na RBDA como propietaria do predio nº 1, manifesta o seguinte:

– Segundo notificación individual, a parcela da súa propiedade atópase afectada pola citada instalación eléctrica, promovida por REE.

– Nesta notificación incorpórase unha táboa coa identificación catastral da parcela, relacionando as distintas afeccións a ela e achegando copia de planos sen escala.

– Así mesmo, segundo a planimetría achegada, e outras dúas notificacións da xefatura territorial, boa parte da parcela queda afectada igualmente polas futuras liñas de entrada e saída na subestación de Regoelle, o que produce unha importante depreciación na parcela restante, que aparentemente deixa sen acceso.

– Remata, solicitando a expropiación total da parcela.

Sétimo. O 9.5.2013 a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da devandita instalación eléctrica ao Concello de Dumbría e á Sociedad de Salvamento y Seguridad Marítima (Ministerio de Fomento), pola súa condición de administracións e organismos con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Ningunha destas entidades contestou á petición de informe, nin á reiteración desta petición. Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da devandita instalación eléctrica.

Oitavo. O 26.6.2014 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o expediente de referencia, de cara a emitir a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica recollida no proxecto titulado Modificación do proxecto de execución-Nova subestación de transporte de Regoelle 220 kV.

Segundo se fai constar neste informe, a avaliación técnica do citado proxecto realizouse de conformidade co disposto no Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa REE e ao resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• En canto ao escrito de alegacións presentado por Ferroatlántica, S.A.U., no cal manifiesta a súa intención de comparecer nos expedientes IN407A 2009/299-1 e IN407A 2010/17-1, cómpre dicir que non consta que presentasen, a respecto do expediente que nos ocupa (IN407A 2009/299-1), ningún outro escrito do que se poida deducir a súa oposición á instalación da subestación Regoelle 220 kV.

• En canto ao escrito de alegacións presentado por María Virtudes Lema García, no cal solicita a expropiación total da súa parcela afectada parcialmente pola instalación da subestación Regoelle 220 kV, non se toma en consideración por non ser obxecto deste procedemento, senón do procedemento expropiatorio; concretamente, durante o acto de levantamento de actas previas á ocupación. Neste acto, para o que serán previamente convocados todas as persoas titulares dos predios afectados, describiranse os bens e dereitos afectados e incorporaranse as súas manifestacións e datos útiles para a correcta determinación das afeccións, e será neste momento no que proceda formular a solicitude de expropiación total.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme o disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada Subestación Regoelle 220 KV, situada no termo municipal de Dumbría (A Coruña) e promovida por Red Eléctrica de España, S.A.U.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación eléctrica.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado Modificación do proxecto de execución-Nova subestación de transporte de Regoelle 220 kV (datado en decembro de 2012), asinado polo enxeñeiro industrial Julio Alguacil Prieto e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, na súa delegación de Ciudad Real, con nº 201216114 e data 6.2.2013; e no que figura un orzamento de 9.267.999,38 €.

Segunda. A empresa REE asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación.

Así mesmo, deberase cumprir co disposto no informe sobre cualificación ambiental, emitido o 12.3.2012 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (ao cal se fai referencia no antecedente de feito cuarto da presente resolución), a respecto dos elementos arqueolóxicos existentes nas proximidades da subestación proxectada.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa REE deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Quinta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas