Dentro dos actos de instrución do procedemento de delimitación do Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa, incoado coa Resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 9 de agosto de 2013 (DOG núm. 168, do 4 de setembro), e na fase de participación dos interesados no marco da sección 4 do capítulo III do título VI da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXAP), e en atención ás referidas alegacións e conforme as conclusións dos correspondentes informes, proponse a variación dos tramos da traza e do seu territorio histórico nos concellos de Ribadeo, Mondoñedo, Abadín, Begonte e Boimorto.
Isto conduce á necesidade de adoptar as medidas necesarias para lograr o pleno respecto aos principios de contradición e de igualdade dos interesados no procedemento segundo o que se establece o artigo 85.3 da LRXAP.
En consecuencia, e para cumprir, así mesmo, co principio de publicidade, procede realizar de oficio a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia a fin de que calquera persoa física ou xurídica que poida ter a condición de interesada por resultar afectada polo novo trazado e territorio histórico proposto poida examinar o expediente e formular alegacións, conforme o artigo 84.2 da LRXAP, no prazo de quince (15) días.
Por todo o anterior,
ACORDO:
1. Dar publicidade das modificacións propostas sobre a delimitación incoada da traza e do territorio histórico da ruta do Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa, nos termos municipais de Ribadeo, Mondoñedo, Abadín, Begonte e Boimorto no Diario Oficial de Galicia.
2. Sinalar as dependencias do Servizo de Planeamento e Inventario da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural en Santiago de Compostela (Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º, 15781 Santiago de Compostela), o Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Lugo (rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo), e nos lugares que establezan os concellos devanditos, como lugar de exhibición do expediente para os interesados afectados pola modificación proposta. A documentación do expediente consta dun informe xustificativo das modificacións da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, así como dunha separata xustificativa por cada un dos concellos en que se producen, que consta das seguintes partes: antecedentes e modificacións propostas, descrición e xustificación da traza, descrición do ámbito (coa relación de parcelas afectadas pola proposta de modificación, se for o caso), relación de elementos patrimoniais vinculados ao camiño, anexo fotográfico e planos.
3. Establecer un prazo de quince (15) días para que os interesados afectados pola modificación proposta poidan formular as alegacións que sexan do seu interese.
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2014
Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural