Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 8 de outubro de 2014 Páx. 43616

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Emerxencias

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2014 pola que se emendan e corrixen determinados ficheiros contidos no anexo da Resolución do 15 de abril de 2014 de creación, modificación e supresión de ficheiros con datos de carácter persoal existentes na Axencia Galega de Emerxencias.

Por Resolución da Presidencia da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) do 15 de abril de 2014 (Diario Oficial de Galicia número 90, do 13 de maio de 2014), procedeuse á creación, modificación e supresión de determinados ficheiros con datos de carácter persoal existentes na Axega, que se recollían no seu anexo.

De conformidade co procedemento establecido nos artigos 130 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, que desenvolve a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Axencia Española de Protección de Datos requiriu a Axega para que emendase algunhas discordancias que afectan determinados ficheiros que se modifican e suprimen conforme figura no anexo da citada resolución, en concreto os ficheiros denominados Xestión Taxgal e Xestión de Datos respectivamente.

A Axega aceptou as ditas recomendacións e procede agora a efectuar as emendas correspondentes, co fin de dar cumprimento á normativa en materia de protección de datos, mantendo a vixencia da Resolución do 15 de abril de 2014 no resto do seu contido.

No que atinxe ao ficheiro denominado Xestión Taxgal, elimínase dentro da súa estrutura básica toda referencia a datos de saúde e no que atinxe ao ficheiro denominado Xestión de Usuarios, mantense a súa vixencia nos termos en que foi creado pola Resolución da Presidencia da Axencia Galega de Emerxencias do 2 de abril de 2009 (Diario Oficial de Galicia número 76, do 21 de abril de 2009,) ao considerar a AEPD que non procede a súa supresión en canto que se mantén a súa finalidade, que é o control de acceso dos usuarios aos sistemas e a outras aplicacións informáticas, todo iso sen prexuízo de proceder á súa actualización no que respecta ao actual responsable do ficheiro.

En consecuencia, e en virtude das facultades conferidas no artigo 9 do Decreto 223/2007, do 5 de decembro, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Emerxencias

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto emendar e corrixir a Resolución do 15 de abril de 2014 pola que se crean, modifican e suprimen determinados ficheiros con datos de carácter persoal existentes na Axencia Galega de Emerxencias, co fin de dar cumprimento ao requirimento efectuado polo Rexistro Xeral de Protección de Datos, unidade adscrita á Axencia Española de Protección de Datos.

Artigo 2. Contido

1. Eméndase e corríxese o contido do anexo da Resolución do 15 de abril de 2014 nos seguintes termos:

a) No ficheiro denominado Xestión Taxgal, suprímese na estrutura básica do ficheiro toda referencia a datos de saúde.

b) Elimínase o punto III do anexo da Resolución do 15 de abril de 2014, relativo á supresión de ficheiros responsabilidade da Axega, declarando subsistente o ficheiro denominado Xestión de Usuarios nos termos en que foi creado pola Resolución da Presidencia da Axencia Galega de Emerxencias do 2 de abril de 2009, aínda que se modifican datos referentes ao responsable do ficheiro.

2. Mantense a vixencia da Resolución do 15 de abril de 2014 no resto do seu contido.

No anexo detállanse os ficheiros que se adaptan conforme o requirimento da AEPD.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente da Axencia Galega de Emerxencias

ANEXO

1. Emenda do ficheiro: Xestión TAXGAL (creado pola Resolución do 2 de abril de 2009; DOG número 76 e modificado pola Resolución do 14 de abril de 2014, DOG número 90).

Responsable do ficheiro

Axencia Galega de Emerxencias

Servizos ou unidades ante os que poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Secretaría Xeral

Rúa Roma, 25-27, 1º, 15703 Santiago de Compostela

lopd.axega@xunta.es

Sistema de tratamento

Automatizado

Estrutura básica do ficheiro. Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos)

Datos de carácter identificativo: DNI/NIF, nome, apelidos, enderezo (postal/electrónico), teléfono, teléfono móbil; representante legal; matrícula do vehículo; imaxe/voz.

Datos de características persoais: estado civil, datos de familia, data de nacemento, idade, sexo.

Datos de circunstancias sociais: licenzas, permisos, autorizacións, pertenza a clubs ou asociacións.

Datos de detalle de emprego: posto de traballo, situación laboral, categoría profesional.

Datos académicos e profesionais: formación/titulacións, experiencia profesional.

Nivel do ficheiro

Básico

2. Modificación do ficheiro: Xestión de Usuarios (creado pola Resolución do 2 de abril de 2009, DOG número 76).

Responsable do ficheiro

Axencia Galega de Emerxencias

Servizos ou unidades ante os que poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Secretaría Xeral

Rúa Roma, 25-27, 1º, 15703 Santiago de Compostela

Lopd.axega@xunta.es

Motivo da modificación

Cambio no responsable do ficheiro e do órgano encargado da atención dos dereitos ARCO