Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 8 de outubro de 2014 Páx. 43591

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 29 de setembro de 2014 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas para a matrícula nun máster universitario oficial, destinadas a titulados/as universitarios/as en situación de desemprego, para o curso 2014/15.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das facultades que corresponden ao Estado.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é consciente de que educación universitaria desempeña un papel fundamental para proporcionar capital humano cualificado e formado para xerar emprego xa que mellora as posibilidades individuais e dota de coñecementos e competencias que inciden nos niveis de empregabilidade.

Mellorar a empregabilidade dos mozos/as, aumentar a calidade e a estabilidade do emprego, promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral e fomentar o espírito emprendedor son algúns dos retos da sociedade actual. Nos últimos anos incrementouse o número de persoas que desexan formarse e especializarse e son os titulados desempregados fóra do tramo de idade convencional os máis interesados pola súa falta de experiencia profesional e polo acceso restrinxido que teñen aos recursos financeiros.

A finalidade das ensinanzas de máster universitario é a adquisición polo/a estudante dunha formación avanzada orientada á especialización académica ou profesional ou ben a promover a iniciación en tarefas investigadoras contribuíndo a mellorar o acceso a un mercado de traballo globalizado.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve actuacións encamiñadas a prestar apoio económico para o estudo co obxecto de garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

Nesta liña, considérase prioritario continuar apoiando os titulados universitarios en situación de desemprego co fin de mellorar as súas perspectivas de incorporación ao mercado de traballo a través desta orde de axudas destinada a financiar os gastos derivados da matrícula nun máster universitario no Sistema universitario de Galicia.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso 2014/15.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, cunha contía global de 200.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementados de acordo coas dispoñibilidades económicas da Consellería, de conformidade cos supostos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos dos/as solicitantes

Poderán solicitar estas axudas os/as titulados/as universitarios/as en situación de desemprego na data de publicación desta orde e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión dun título universitario, expedido con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2011, que lle dea acceso aos estudos de máster universitario.

b) Estar matriculado/a no curso 2014/15 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia, dun mínimo de 60 créditos.

c) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia como mínimo nos tres últimos anos anteriores á data da publicación desta convocatoria.

d) Estar inscrito/a como demandante de emprego, como mínimo, durante un período de 180 días no ano inmediatamente anterior contado de data a data desde a data de presentación da solicitude.

e) Non estar incluídos nos casos de exención total de matrícula previstos no artigo 11 do Decreto 77/2014, do 20 de xuño (DOG nº 123, do 1 de xullo), polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2014/15.

f) Non ter gozado desta axuda en convocatorias anteriores.

Artigo 4. Contía da axuda

1. A contía da bolsa cubrirá o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 77/2014, do 20 de xuño, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2014/15 (DOG núm. 123, do 1 de xullo).

Para os incluídos no punto 1.3 do anexo a contía máxima asignada será de 1.788,6 € para os da epígrafe A) e de 1.215 € para os da epígrafe B).

Para os incluídos no punto 1.4 do anexo a contía máxima asignada será de 1.881,6 € para os da epígrafe A) e de 1.296,6 € para os da epígrafe B).

2. A axuda só alcanzará para a realización dun único máster universitario.

3. Quedan excluídas do importe da axuda as exencións e bonificacións do pagamento das taxas ás que tiver dereito o/a beneficiario/a.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED421A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.es.

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Xunto coa solicitude (anexo I, modelo normalizado ED421A) deberá presentar:

a) Orixinal ou copia cotexada da autorización de estadía ou residencia no caso de que o/a solicitante sexa extracomunitario/a.

b) Copia simple do título universitario que lle dá acceso ao máster ou documento que legalmente o substitúa.

c) Documento acreditativo da matrícula nun máster universitario oficial dos ofertados polas universidades do Sistema universitario de Galicia no cal deberá de figurar o importe deste, as materias e o número de créditos nos que está matriculado/a no curso 2014/15.

d) Certificado da vida laboral actualizada na data de publicación da convocatoria.

e) No caso de que o/a solicitante non autorice a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a realizar as comprobacións e verificacións incluídas no anexo I desta orde deberán presentar ademais:

1. Copia do DNI do/a solicitante.

2. Copia cotexada do certificado municipal de residencia.

3. Un informe de períodos de inscrición como demandante de emprego expedido pola correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, que determinará o número de días de inscrición exclusivamente no ano inmediatamente anterior á data de presentación da solicitude.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electrónicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e, unha vez examinadas estas xunto coa documentación presentada polos/as solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días podendo, durante ese prazo, emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades e un representante da Consellería de Traballo e Benestar.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de expertos/as na materia obxecto da convocatoria.

3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/ha dos/as compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. O devandito nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 8. Criterios de avaliación

1. A ordenación das solicitudes e a proposta de concesión realizarase priorizando as solicitudes en atención á maior data de inscrición como demandantes de emprego na data de comezo de presentación de solicitudes.

2. En caso de empate entre dous ou máis solicitantes, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:

a) Maior idade do solicitante.

b) Maior antigüidade na data de obtención do título que lle dá acceso aos estudos de máster universitario para o cal se terá en conta o mes e ano en que superou os estudos conducentes ao mencionado título.

Artigo 9. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a adxudicación das bolsas mediante a correspondente resolución.

Artigo 10. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe de beneficiarios/as.

b) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,
http://www.edu.xunta.es pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. Os/as solicitantes aos/ás cales lles sexa denegada a axuda poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Pagamento

O aboamento das axudas convocadas nesta orde realizarase de acordo co estipulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co previsto no último parágrafo do número 1 do artigo 60 do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 12. Obrigas dos/as beneficiarios/as

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Informar o órgano que concede a axuda da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditar mediante certificación que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

d) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que estea matriculado e non anular a matrícula.

e) Concorrer a exame e superar, como mínimo, 30 créditos dos matriculados en convocatoria ordinaria e extraordinaria.

f) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades antes do 15 de agosto, unha vez rematado o curso, unha certificación ou extracto do expediente académico dos estudos cursados.

Artigo 13. Incompatibilidade, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

Non será admisible a percepción de máis dunha axuda para o aboamento dos prezos por servizos académicos das previstas nesta convocatoria, aínda que se solicite para estudos diferentes.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial por parte do/a bolseiro/a de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables, poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 14. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán ir acompañados dos documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxu@edu.xunta.es.

Disposición adicional primeira

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos/as ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file