Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 6 de outubro de 2014 Páx. 43276

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2014 pola que se convoca o Curso sobre a reforma da contabilidade das entidades locais.

De acordo co convenio de colaboración subscrito o 5 de setembro de 2014, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e a Deputación Provincial da Coruña para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase o Curso sobre a reforma da contabilidade das entidades locais.

RESOLVO:

Publicar a convocatoria do Curso sobre a reforma da contabilidade das entidades locais que se deberá desenvolver segundo as bases detalladas no anexo.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Primeira. Obxectivos

Actualizar coñecementos de contabilidade pública local ante a entrada en vigor das novas instrucións de contabilidade local aprobadas pola Orde HAP/1781/2013 e Orde HAP/1782/2013.

Segunda. Persoal a que vai dirixido

Funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional e persoal con responsabilidades na contabilidade das entidades locais da provincia Ada Coruña e da Deputación Provincial, que estean en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Terceira. Criterios de selección

1. Terá preferencia o persoal da Deputación Provincial da Coruña con funcións de asistencia e soporte contable.

2. Subsidiariamente aplicaranse os criterios recollidos na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG nº 7 do 10 de xaneiro).

3. Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2014, segundo a Resolución do 29 de xaneiro (DOG nº 27, do 10 de febreiro), comezarase pola letra B.

Cuarta. Desenvolvemento

1. Código do curso: CV14050.

2. Modalidade: presencial.

3. Nº edicións: dúas.

4. Duración: 25 horas por edición.

5. Lugar: salón de actos da sede da delegación territorial da Organización Nacional de Ciegos Españoles (ONCE).

6. Datas:

– Primeira edición: 20, 22, 24, 28 e 30 de outubro de 2014.

– Segunda edición: 21, 23, 27, 29 e 31 de outubro de 2014.

6. Horario: das 9.30 ás 14.30 horas.

7. Prazas: 120 por edición.

Quinta. Contido

Primeira sesión.

A reforma da contabilidade das entidades locais:

– A apertura da contabilidade o 1 de xaneiro de 2015.

– A instrución do modelo normal de contabilidade local (contido e novidades).

– Principais novidades do Plan xeral de contabilidade pública adaptado á Administración local (Plan de contas normal).

– O marco conceptual da contabilidade pública

Segunda sesión.

As normas de recoñecemento e valoración do Plan de contas normal (I).

– 1 e 2 Inmobilizado material.

– 3 Patrimonio público do solo.

– 4 Investimentos inmobiliarios.

– 5 Inmobilizado intanxible.

– 6 Arrendamentos e outras operacións de natureza similar.

– 7 Activos en estado de venda.

Terceira sesión.

As normas de recoñecemento e valoración do Plan de contas normal (II).

– 8 Activos financeiros.

– 9 Pasivos financeiros.

– 10 Coberturas contables.

– 13 Moeda estranxeira.

– 17 Provisións, activos e pasivos continxentes.

– 20 Actividades conxuntas.

– 21 Cambios en criterios e estimacións contables e erros.

– 22 Feitos posteriores ao peche.

Cuarta sesión.

As normas de recoñecemento e valoración do Plan de contas normal (III).

– 11 existencias.

– 12 Activos construídos ou adquiridos para outras entidades.

– 14 IVE e IGIC.

– 15 Ingresos con contraprestación.

– 16 Ingresos sen contraprestación.

– 18 Transferencias e subvencións.

– 19 Adscricións e outras cesións gratuítas de uso.

Quinta sesión.

As contas anuais:

– O balance.

– A conta do resultado económico-patrimonial.

– O estado de cambios no patrimonio neto.

– O estado de fluxos de efectivo.

– O estado de liquidación do orzamento.

– A memoria.

Sexta. Valoración

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,50 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG nº 52, do 16 de marzo de 2010), e corrección, DOG nº 77, do 22 de abril, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

Sétima. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao número de fax 981 54 63 39 ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 53, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>.

Oitava. Publicación das relacións do persoal seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

Ademais, quen facilite os correspondentes datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Novena. Asistencia aos cursos

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Só se poderá autorizar a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou da persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas. A ausencia aínda xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma.

b) A falta de asistencia dun número de horas superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso senón que os participantes pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Realización de probas

Para poder superar o curso o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final deste.

Décimo primeira. Certificado de aproveitamento

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

Décimo segunda. Modificacións

1. A EGAP e a Deputación Provincial da Coruña poderán modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Deputación Provincial da Coruña reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.