Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 25 de setembro de 2014 Páx. 42181

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 19 de setembro de 2014 pola que se modifica a Orde do 14 de maio de 2014 pola que se convocan bolsas de formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación, bolsas de prácticas para os recentemente titulados en especialidades agrarias, forestais, Veterinaria, Tecnoloxía dos Alimentos e Bioloxía e bolsas de prácticas para alumnos e recentemente titulados de formación profesional da familia Agraria.

A Consellería do Medio Rural e do Mar, coa finalidade de que os recentemente titulados universitarios en especialidades agroforestais, veterinarias e afíns, así como os titulados de formación profesional e alumnos dos ciclos formativos de grao medio ou superior da familia Agraria, complementen os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional, convocou en anos anteriores diversas bolsas de prácticas a través das distintas liñas de axudas.

Nesta liña, mediante a Orde do 14 de maio de 2014 (DOG nº 109, do 10 de xuño), a Consellería do Medio Rural e do Mar convocou 76 bolsas de prácticas, en réxime de concorrencia competitiva, en unidades dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar e en empresas e entidades relacionadas co sector agroforestal e alimentario.

Debido ao necesario cumprimento dos prazos establecidos na normativa de subvencións e á tardanza na recepción da correspondente documentación pola Consellería do Medio Rural e do Mar, procedente dos diversos lugares habilitados para isto ao abeiro do disposto no artigo 7 da citada orde, resulta procedente modificar, a través desta orde, diversos períodos de desfrute das bolsas, regulados no artigo 4 da Orde do 14 de maio de 2014, coa finalidade de non causar prexuízo aos adxudicatarios das ditas bolsas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo coa Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación da Orde do 14 de maio de 2014 (DOG nº 109, do 10 de xuño) pola que se convocan bolsas de formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación, bolsas de prácticas para os recentemente titulados en especialidades agrarias, forestais, Veterinaria, Tecnoloxía dos Alimentos e Bioloxía e bolsas de prácticas para alumnos e recentemente titulados de formación profesional da familia Agraria.

Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 14 de maio de 2014 pola que se convocan bolsas de formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación, bolsas de prácticas para os recentemente titulados en especialidades agrarias, forestais, Veterinaria, Tecnoloxía dos Alimentos e Bioloxía e bolsas de prácticas para alumnos e recentemente titulados de formación profesional da familia Agraria.

Un. Modificación do artigo 4.1.

O artigo 4.1 queda redactado nos seguintes termos:

«1. As bolsas para a formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación terán unha duración de catro meses, no período de xuño a decembro, salvo renuncia ou incumprimento dos beneficiarios. O seu importe económico, por mes de prácticas, será de 1.000 euros para os tecnólogos e de 800 euros para o persoal de apoio».

Dous. Modificación do artigo 4.2.

O artigo 4.2 queda redactado nos seguintes termos:

«2. As bolsas de prácticas nos centros de formación e experimentación agroforestal, para os titulados e alumnos de segundo curso en ensinanzas de formación profesional, terán unha duración de tres meses, no período de xullo a decembro, e o seu importe económico, por mes de prácticas, será de 800 euros. As dos alumnos do primeiro curso do ciclo formativo terán unha duración de dous meses, no período de xullo a decembro, e o seu importe económico, por mes de prácticas, será de 600 euros».

Tres. Modificación do artigo 4.3.

O artigo 4.3 queda redactado nos seguintes termos:

«3. As bolsas de prácticas para os recentemente titulados en empresas e entidades relacionadas co sector agroforestal e alimentario e en unidades dependentes da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes terán unha duración de tres meses, no período de xullo a decembro, e o seu importe económico, por mes de prácticas, será de 1.000 euros».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar