Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Luns, 22 de setembro de 2014 Páx. 41809

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2014, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente IN407A 2014/59-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das instalacións eléctricas que a continuación se describen:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMTS, CT A Lanzada.

Situación: Sanxenxo.

Características técnicas: LMT subterránea a 20 KV con condutor tipo RHZ de 18 metros de lonxitude, con orixe e final na arqueta proxectada mediante empalmes secos que se realizarán coa LMTS derivación ao CT A Lanzada Monte, unha vez que entre e saia do CT proxectado. Centro de transformación de 250 kVA, R.T. 20 kV/400-230 V, situado na Lanzada, Noalla, Sanxenxo.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 2 de maio de 2014, no BOP do 6 de maio de 2014, no xornal Faro de Vigo do 13 de maio de 2014 e no taboleiro de anuncios do Concello de Sanxenxo. Tamén se notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibiuse a seguinte alegación:

Con data do 20 de maio de 2014, María del Carmen Carrillo López presenta un escrito de alegacións no cal indica que:

– Expresa total oposición á expropiación do terreo por anular o dereito a edificar no seu predio.

– A localización do centro de transformación e beirarrúa perimetral desenvólvese sobre un único predio nº 8, situándoa a 3 metros do peche lindeiro en cumprimento da normativa municipal, que establece esa distancia como mínimo indispensable para poder obrar, sen darse conta da realidade presente, que é que están actuando sobre dous predios bloqueando as súas frontes.

– A execución do proxecto anularía os seus dereitos de edificación nas parcelas nº 24 e nº 25, e bloquearía literalmente as súas frontes, afectando substancialmente as súas entradas e saídas.

– Ambos os terreos cumpren todos os requisitos para ser clasificados como solo urbano consolidado. Cumpren cos requisitos fundamentais para a denominación de edificación unifamiliar extensiva, na cal detallan algunhas normas urbanísticas que vulnerarían a expropiación de terreos.

Con data do 24 de xuño de 2014, Unión Fenosa Distribución, S.A., presenta contestación á alegación formulada por María del Carmen Carrillo López en que indica:

– Que a instalación é para mellorar a calidade da subministración eléctrica existente na zona da Lanzada.

– Que o proxecto presentado ante a Administración non é contrario ao disposto na lexislación vixente na materia e, ao non ter acordo cos propietarios das parcelas para a instalación do centro de transformación, solicitou a declaración de utilidade pública para a instalación.

– Segundo a planimetría que se entregou coa relación de bens e dereitos afectados, pódese comprobar a exacta localización de centro de transformación e das parcelas afectadas, e pódese constatar que a dita localización non impide o acceso a ningunha das citadas parcelas.

Conclusións:

Segundo o exposto, non é competencia desta xefatura territorial pronunciarse sobre a legalidade da localización do centro de transformación. Será o concello, antes de outorgar a licenza urbanística, quen se pronuncie sobre tal cuestión.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial, resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como aprobar o proxecto de execución das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de catorce (14) meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra esta presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución. Tamén poderá interpoñer calquer outro recurso que xulgue pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 27 de agosto de 2014

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra