Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 9 de setembro de 2014 Páx. 38177

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Tui

EDICTO (280/2012).

Víctor Rodríguez Sendón, secretario xudicial do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Tui, dou fe e testemuño que nos autos de divorcio contencioso 280/2012 consta sentenza, que literalmente se pasa a transcribir a continuación:

Sentenza

Maxistrada: Tania Rodríguez Lozano.

Lugar: Tui.

Data: 10 de xuño de 2013.

Parte demandante: Isabel Rodríguez Freiría.

Procuradora: María Crende Rivas.

Letrada: Romana Pacin San Luís.

Parte demandada: Juan Martín Klaversteijn Sozzo (rebeldía procesual).

Obxecto do xuízo: divorcio contencioso.

Antecedentes de feito

Primeiro. O 6.9.2012 a procuradora dos tribunais María Crende Rivas, actuando en nome e representación procesual de Isabel Rodríguez Freiría, presentou demanda de divorcio contencioso fronte ao seu esposo Juan Martín Klaversteijn Sozzo, que por quenda de repartición correspondeu a este xulgado. Na demanda solicitaba que se ditase sentenza decretando a disolución do matrimonio contraído entre as partes con todos os efectos legais inherentes a esta declaración e se fixase unha pensión de alimentos de 500 euros a favor da filla habida no matrimonio, maior de idade pero economicamente dependente. Todo iso con imposición ao demandado das custas do procedemento.

Segundo. Admitida a trámite a demanda intentouse o emprazamento á parte demandada, que, ao resultar infrutuosa a súa localización, se realizou mediante edictos publicados no taboleiro de anuncios do xulgado.

En dilixencia de ordenación do 30.4.2013 declarouse a rebeldía procesual do demandado e citáronse as partes ao acto do xuízo.

Terceiro. O xuízo celebrouse no día da data coa única comparecencia persoal da esposa demandante e a súa representación procesual e defensa letrada. O demandado, citado ao acto por edictos, non compareceu. A parte demandante ratificouse na súa demanda e propuxo proba (interrogatorio do demandado e documental). Admitida a proba, quedaron os autos pendentes de ditar sentenza.

Fundamentos de dereito

Primeiro. O artigo 85 do Código civil establece que o matrimonio se disolve, sexa cal sexa a forma e tempo da súa celebración, entre outras causas, por divorcio. Pola súa parte, o artigo 86 do mesmo corpo legal dispón que se decretará xudicialmente o divorcio, calquera que sexa a forma de celebración do matrimonio, por petición dun só dos cónxuxes, de ambos os dous ou dun co consentimento do outro, cando concorran os requisitos e circunstancias exixidos no artigo 81, que pola súa vez parte como criterio xeral do transcurso de tres meses desde a celebración do matrimonio para poder exercer a acción. A constatación dese prazo mínimo exixido xera que xa non sexa preciso acreditar o cesamento efectivo da convivencia conxugal.

No caso de autos quedaron suficientemente acreditados os requisitos exixidos legalmente e o transcurso do lapso temporal, pois da certificación literal da inscrición do matrimonio achegada pola demandante despréndese que os cónxuxes contraeron matrimonio civil nesta localidade de Tui o día 12.4.1991, polo que, despois de transcorrer o prazo de tres meses desde a celebración do matrimonio, procede acceder ao solicitado pola esposa, decretando a súa disolución por divorcio, con todos os efectos legais inherentes á devandita declaración.

Un dos efectos legais inherentes ao divorcio é a disolución do réxime económico matrimonial de sociedade legal de gananciais (art. 1.392.1º C.C.), xa que non consta na certificación literal de matrimonio expedida nota marxinal de outorgamento de capitulacións matrimoniais asumindo réxime distinto ao legal.

Segundo. Para determinar os efectos do divorcio, de conformidade co disposto nos artigos 91 e seguintes do Código civil, a demandante solicita que se lle fixe unha pensión de alimentos de 500 euros a favor da filla habida no matrimonio co demandado.

Da certificación literal de nacemento expedida polo Rexistro Civil Central e copia do libro de familia, consta acreditado pola demandante que do matrimonio con Juan Martín naceu o 6.9.1991, en Montevideo (Uruguai), unha filla chamada Paula Klaversteijn Rodríguez, que actualmente ten 21 anos.

A parte demandante alega que, a pesar de ser maior de idade, Paula segue sendo economicamente dependente dos seus proxenitores, ao ser estudante e estar pendente de matricularse na universidade, para o que no acto da vista achegou certificado expedido polo secretario da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense, acreditativa de que a filla do matrimonio se encontra xa matriculada no curso primeiro de grao en Deseño Gráfico para o curso académico 2012/13.

Sinala o artigo 93, parágrafo segundo, do C.C. que se conviven no domicilio familiar fillos maiores de idade ou emancipados que carezan de ingresos propios, o xuíz, na mesma resolución, fixará os alimentos que sexan debidos conforme os artigos 142 e seguintes do Código civil. A contía dos alimentos será proporcionada ao caudal ou medios de quen os dá e ás necesidades de quen os recibe.

Con respecto á contía da pensión solicita a demandante que se fixe en 500 euros pois, aínda cando sostén que seis meses antes de presentar a demanda xa o esposo deixou de facer ningunha achega de diñeiro para a súa filla, era a cantidade que asumía desde a súa separación de feito no ano 2006.

De conformidade co artigo 770.3ª da Lei de axuizamento civil, a non comparecencia inxustificada dunha das partes ao acto da vista poderá determinar que se consideren admitidos os feitos alegados pola parte que compareza para fundamentar as súas peticións sobre medidas definitivas de carácter patrimonial. Polo que, sen comparecer o demandado ao acto do xuízo citado coas advertencias legais, incluída a do precepto citado e solicitado pola parte o seu interrogatorio, por efecto da ficta confessio, é procedente considerar probado que o demandado contribuía co importe de 500 euros para a manutención da súa filla desde a separación de feito da demandante. Polo demais, consta acreditado que ese importe é practicamente o medio para cubrir as necesidades da filla maior de idade economicamente dependente, pois da documental achegada ás actuacións dedúcese que carece de ingresos suficientes, ao litigar con xustiza gratuíta e encontrarse desempregada, ao figurar de alta no Inem como demandante de emprego desde o 27.5.2013.

Ademais, na cantidade solicitada estímase que xa a esposa está a incluír os gastos extraordinarios actuais que se lle xeran da filla maior, isto é, todo o que non sexa indispensable para o sustento, habitación, vestido, asistencia médica básica non cuberta polo sistema público da Seguridade Social, educación e instrución do alimentista (matrícula universitaria).

Por todo iso, considérase procedente fixar unha pensión de alimentos a favor da filla maior de idade e a cargo do pai demandado na contía solicitada de 500 euros.

Terceiro. Atendida a natureza de orde pública das pretensións, non se fai especial imposición de custas procesuais.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido que debo estimar e estimo integramente a demanda interposta pola procuradora dos tribunais María Crende Rivas, actuando en nome e representación de Mª Isabel Rodríguez Freiría, fronte ao seu esposo Juan Martín Klaversteijn Sozzo, en rebeldía procesual, facendo os seguintes pronunciamentos:

1º. Declaro disolto por divorcio o matrimonio formado polos referidos cónxuxes, con todos os efectos legais inherentes á devandita declaración.

2º. Declaro disolto o réxime económico matrimonial de sociedade de gananciais.

3º. Establezo a obriga do Juan Martín Klaversteijn Sozzo de pagar a favor da súa filla maior de idade, economicamente dependente, Paula Klaversteijn Rodríguez, unha pensión de alimentos de 500 euros mensuais, pagadoiros por mensualidades anticipadas, dentro dos cinco primeiros días de cada mes na conta que designe a esposa, actualizándose anualmente conforme a variación do IPC publicado polo Instituto Nacional de Estatística ou o que legalmente o substitúa.

Non se fai especial imposición de custas procesuais.

Unha vez firme esta sentenza comuníquese ao Rexistro Civil de Tui, para os efectos procedentes.

Modo de impugnación: recurso de apelación, que se interpoñerá ante o Tribunal que ditase a resolución que se impugne dentro do prazo de vinte días contados desde o día seguinte ao da notificación daquela.

O devandito recurso carecerá de efectos suspensivos, sen que en ningún caso proceda actuar en sentido contrario ao resolto (artigo 456.2 LAC).

Conforme a disposición adicional décimo quinta da LOPX, para a admisión do recurso deberase acreditar ter constituído, na conta de depósitos e consignacións deste órgano, un depósito de 50 euros, salvo que o recorrente sexa beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, comunidade autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.

O depósito deberá constituílo ingresando a citada cantidade no Banesto na conta deste expediente 3612 sinalando no campo «concepto» a indicación «recurso», seguida do código «02 civil-apelación». Se o ingreso se fai mediante transferencia bancaria deberá incluír, tras a conta referida, separada por un espazo, a indicación «recurso», seguida do código «02 civil-apelación».

No caso de que deba realizar outros pagamentos na mesma conta, deberá verificar un ingreso por cada concepto, mesmo se obedecen a outros recursos da mesma ou distinta clase indicando, neste caso, no campo observacións a data da resolución recorrida co formato dd/mm/aaaa.

Así, por esta a miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo.

O anteriormente transcrito concorda ben e fielmente co seu orixinal, ao que me remito, e expídese o presente.

Tui, 10 de xuño de 2013

O secretario xudicial