Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 14 de agosto de 2014 Páx. 35485

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural licuado e canalización de conexión para subministración en Santa Comba (A Coruña), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2013/1-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 7.11.2012 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Santa Comba, na provincia da Coruña (expediente IN627A 2012/8-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia (25.1.2013) e no Boletín Oficial da provincia da Coruña (3.12.2012). Segundo este proxecto de autorización administrativa, a subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (planta de GNL), que se situará nunha parcela do polígono industrial de Santa Comba e desde a cal partirá a rede de distribución cara a este propio polígono e ao núcleo urbano de Santa Comba.

Posteriormente, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou dous proxectos de execución, un para a planta de GNL e outro para a rede de distribución, que foron aprobados pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas con datas 3.9.2013 (expediente IN627A 2013/1-0) e 3.10.2013 (expediente IN627A 2013/2-0), respectivamente. No proxecto de execución da planta de GNL figura como localización desta planta a parcela de referencia catastral nº 15078A059002190000AU (polígono 59, parcela 219), no lugar de Mourelle, que é distinta á recollida no proxecto de autorización administrativa (citada no parágrafo anterior).

Segundo o disposto no artigo 70 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, as modificacións das infraestruturas gasistas requiren, con carácter previo á súa construción, a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución. De acordo con este artigo, e tendo en conta que o cambio de localización da planta de GNL supón unha modificación substancial do proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado, o proxecto de execución da planta de GNL debería terse sometido por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas non só ao trámite de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao trámite de autorización administrativa.

De acordo con isto, e como resposta aos recursos de alzada presentados por diversos veciños e veciñas de Mourelle en que manifestan e argumentan a súa oposición á nova localización da planta de GNL, o 9.6.2014 a Consellería de Economía e Industria resolveu estimalos no único sentido de anular a resolución de data 3.9.2013 de aprobación do proxecto de execución da planta de GNL para subministración en Santa Comba, acordando a retroacción do procedemento ao momento inmediatamente anterior ao da comisión do vicio procedemental (reflectido no parágrafo anterior), para que se prosiga coa tramitación que corresponda.

Obxecto da petición:

O obxecto da petición é a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente nunha planta de GNL e a canalización para a súa conexión á rede de distribución de gas natural canalizado na poboación de Santa Comba (A Coruña).

Descrición das instalacións:

Unha planta compacta de almacenamento e regasificación de GNL (planta de GNL) e a canalización para a súa conexión á rede de distribución de gas natural:

• A planta de GNL situarase na parcela de ref. catastral nº 15078A059001220000AE, adxacente ao polígono industrial de Santa Comba na súa cara norte. Trátase dunha localización diferente tanto á prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado como á prevista no anterior proxecto de execución da planta de GNL, a que se fai referencia nos antecedentes desta resolución.

Estará composta polos seguintes compoñentes: un depósito vertical (queda o cubeto dimensionado para conter ata dous depósitos verticais), o sistema de gasificación con dous evaporadores atmosféricos e un requentador eléctrico de apoio, un módulo de regulación e medida con proteccións de funcionamento e presión regulamentarias, e instalacións auxiliares (armario eléctrico con elementos de protección e control, equipamentos contra incendios, auga de servizos e sistema de iluminación e posta á terra).

As súas características xerais son as seguintes:

– Capacidade de almacenamento de GNL: 30 m3 (1 depósito vertical de 30 m3).

– Presións de servizo de almacenaxe de GNL: 4 bar (normal) e 14 bar (máxima).

– Capacidade de gasificación nominal: 300 Nm3/h.

– Estación de regulación e medida: 1.000 Nm3/h.

– Presión de subministración de GN: 4 bar - 400 mbar.

– Temperatura de subministración de GN: 0 - 20 ºC.

A canalización de conexión coa rede de distribución de gas natural realizarase en tubaxe de polietileno tipo PE-100 e SDR 17,6, en diámetros de 160 e 110 mm, e terá unha lonxitude de 1.094 m (105 m en diámetro de 160 mm e 989 m en diámetro de 110 mm).

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Santa Comba, na provincia da Coruña.

Orzamento: douscentos corenta e oito mil catrocentos oitenta e oito euros con vinte céntimos (248.488,20 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio. Poderán examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, rúa Vicente Ferrer, 2, 15008 A Coruña.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas