Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 7 de agosto de 2014 Páx. 34082

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 100/2014, do 24 de xullo, polo que se regulan novos termos da xestión da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52 (AG-53 e AG-54).

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos fundamentais a mellora da ordenación do territorio da Comunidade Autónoma. Para acadar tal obxectivo cómpre dotar Galicia dunha ampla rede de infraestruturas viarias que actúen como elementos vertebradores do territorio.

Considerando como eixe fundamental a rede que une Santiago de Compostela e Ourense, adoptáronse os mecanismos necesarios para establecer a colaboración entre as diferentes administracións.

Tras o acordo entre as administracións autonómica e central para a construción dunha autoestrada entre Santiago de Compostela e Ourense, o Ministerio de Fomento abordou a execución dun primeiro treito entre Santiago de Compostela e o Alto de Santo Domingo, e a Xunta de Galicia asumiu a execución do treito restante desde o Alto de Santo Domingo ata a conexión coa autovía A-52.

Con este obxecto, mediante o Decreto 432/2003, do 5 de decembro, regulouse a construción, explotación e conservación e os termos da xestión do treito cuxa construción asumía a Administración autonómica.

En exercicio das súas competencias, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 193/2007, do 4 de outubro, polo que se regulan os termos da xestión do treito Alto de Santo Domingo- Enlace de Cea. Esta disposición supuxo a asunción por parte da Administración autonómica das peaxes que resultarían de aprobar, para este treito, a aplicación das tarifas vixentes nos itinerarios da autoestrada de titularidade estatal, entre Santiago de Compostela e o Alto de Santo Domingo.

Así mesmo, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 300/2008, do 30 de decembro, polo que se regulan os termos da xestión do treito Enlace de Cea-A52, da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52. Mediante este decreto, a Administración autonómica asumiu as peaxes deste itinerario e con este obxecto aprobou a aplicación das tarifas vixentes no treito Alto de Santo Domingo-Enlace de Cea para o treito Enlace de Cea-A52, o que permitía asegurar a adecuación daquelas a prezos de mercado, ademais de manter a necesaria coherencia da actuación da Administración autonómica coa estatal, todo isto no marco dos acordos subscritos no seu día.

Co obxecto de regular o réxime de actualización das tarifas aprobadas, de conformidade co disposto na cláusula segunda do Acordo do 23 decembro de 2002, co Ministerio de Fomento, mediante o Decreto 104/2010, do 17 de xuño, estableceuse que as tarifas aplicables para determinar os importes que a sociedade pública que xestiona a autoestrada percibe como ingresos propios son as que se aproban para o treito da autoestrada Santiago de Compostela-Alto de Santo Domingo en cada exercicio.

Na actualidade, a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.U. (SPI), encargada de xestionar a citada vía, comparte coa Administración autonómica o obxectivo de xestionar os seus recursos baixo as premisas das actuais restricións orzamentarias e o criterio de eficiencia.

Polo que, unha vez acadados os novos termos do seu financiamento privado, se considera necesario acompasar as achegas de fondos por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ás necesidades reais da explotación.

O presente decreto ten por obxecto aprobar a aplicación dunha redución das tarifas que servirán de base para o cálculo das transferencias que a SPI percibirá da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e regular un novo réxime de actualización destas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de xullo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar, para o exercicio 2025, unha redución das tarifas (sen IVE) para vehículos lixeiros, vehículos pesados 1 e vehículos pesados 2, da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52 (AG-53 e AG-54), do 13,83 %.

Esta redución farase efectiva sobre as que resulten de aplicación en virtude do disposto no artigo 1 do Decreto 104/2010, do 17 de xuño, mediante resolución da Axencia Galega de Infraestruturas.

Artigo 2

Aprobar, para o período 2026-2028, as reducións anuais das tarifas (sen IVE) para vehículos lixeiros, vehículos pesados 1 e vehículos pesados 2, da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52 (AG-53 e AG-54), nas seguintes porcentaxes:

Ano

Porcentaxe de redución (%)

2026

9,97 %

2027

7,93 %

2028

34,18 %

Estas reducións faranse efectivas sobre as aprobadas pola Axencia Galega de Infraestruturas para o exercicio inmediatamente anterior.

Artigo 3

A partir do 1 de xaneiro de 2029, a contía das tarifas para vehículos lixeiros, vehículos pesados 1 e vehículos pesados 2 que serán de aplicación durante a vixencia do convenio serán as aprobadas pola Axencia Galega de Infraestruturas para o exercicio 2028, polo que non experimentarán ningunha actualización.

Artigo 4

A sociedade pública SPI percibirá como ingresos propios as contías que deriven da aplicación das tarifas aprobadas pola Administración ao percorrido efectivo realizado polos usuarios. Os importes serán aboados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, non sendo, pois, de aplicación o pagamento da peaxe por parte dos usuarios.

Nestes termos, o presente decreto non modifica o disposto no Decreto 193/2007, do 4 de outubro, e no Decreto 300/2008, do 30 de decembro.

O disposto no Decreto 104/2010, do 17 de xuño, non será de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2025.

Disposición transitoria

En canto non se subscriba un novo convenio que recolla o novo marco normativo, será de aplicación o previsto no convenio vixente en todos aqueles aspectos que non contradigan o establecido neste decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xullo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas