Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 6 de agosto de 2014 Páx. 33964

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 14 de xullo de 2014 polo que se lle dá publicidade á resolución sobre os recursos de reposición presentados contra a resolución como veciñal do monte Canteira da Changuiña, en favor dos veciños do lugar da Changuiña, da parroquia de Lampón, no concello de Boiro.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 4 de xullo do 2014, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña acordou por Resolución do 17.1.2014 clasificar como veciñal en man común o monte Canteira da Changuiña, en favor dos veciños do lugar da Changuiña, da parroquia de Lampón, no concello de Boiro. Esta resolución foi notificada tanto aos veciños promotores do expediente como ao Concello de Boiro e a cantos se presentaron como interesados no expediente e publicouse no DOG do 11.3.2014.

Segundo. Contra a dita resolución presentáronse os seguintes recursos de reposición:

• Carlos Rodríguez Muñiz, en representación de Autocares Muñiz, S.L., presenta o 24.3.2014 un recurso no cal, en síntese, se reafirma e ratifica en todas e cada unha das alegacións feitas durante a tramitación do expediente, considera que a resolución ditada non se axusta a dereito porque entende que se apoia na información catastral, entendendo que este é un simple rexistro administrativo e non outorga a propiedade, e obvia a inscrición rexistral da súa parcela que entende debe prevalecer porque goza de presunción iure et de iure. Así o avala múltiple xurisprudencia. Ademais, considera que non está xustificada no expediente a minoración da superficie da parcela que os veciños consideran como comunal e nega que na súa parcela se realizara nunca ningún tipo de aproveitamento comunal. Termina afirmando que «o que sempre foi comunal é o que se denomina Canteira da Changuiña, que era un lugar destinado a canteira (de aí o nome da zona común) e explotado de forma comunal polos veciños do lugar, que, máis tarde e durante anos, foi utilizado como entulleira e vertedoiro comunal ao depositaren alí os veciños todo tipo de residuos, tanto orgánicos como inorgánicos, [...] e que se atopa situada máis ao sur do predio pertencente á sociedade recorrente».

• O Concello de Boiro, a través do seu representante legal, presenta un escrito o 18.3.2014 no cal, en síntese, manifesta que a parcela clasificada como veciñal é unha parcela de dominio público municipal, imprescritible e, como ben comunal do concello, o seu aproveitamento e desfrute corresponde á comunidade de veciños, pero, sendo de titularidade municipal (art. 5.2 RB 1955), que a parcela núm. 823 figura no inventario municipal de bens aprobado de xeito definitivo polo Pleno da corporación na sesión do 15.7.2010, considera que o informe do axente forestal non é suficiente proba para demostrar a condición veciñal da parcela e conclúe solicitando que a parcela sexa declarada de titularidade municipal deste concello.

Terceiro. Dos recursos de reposición presentados déuselle traslado á comunidade veciñal solicitante e, no prazo conferido para realizar alegacións, o seu representante manifesta, en síntese, que se rexeiten os recursos de reposición por canto as alegacións formuladas son basicamente as mesmas que xa constan no expediente e que foron valoradas polo Xurado ao ditar a resolución contra a que se recorreu. Non obstante, en canto á alegación do Concello de Boiro, afirma que a petición da inclusión da parcela no inventario municipal se fixo por recomendación dun funcionario municipal que lle indicou que «era a única maneira de que vos poidamos axudar desde o Concello», entendendo agora –din– que era un engano o que lle estaba a propoñer, que outra proba da mala fe do Concello é que ante unha queixa presentada ante o Valedor do Pobo (expte. B.2.Q/900/12) polo peche dun predio (o núm. 147), que está a afectar en parte a parcela comunal, «tivo que reiterar a petición de información ata en tres ocasións ao Concello para que informase sobre o asunto (ademais de varias comunicacións telefónicas con persoal da Administración municipal» (achega copia do escrito do Valedor do Pobo nestes termos), para o final ditar a seguinte recomendación o Valedor ao Concello: «Que, por parte desa alcaldía-presidencia do Concello de Boiro se ordene a execución subsidiaria, como medio de execución forzosa, en relación cunha orde de demolición das obras de pavimentación de acceso a unha parcela que carecían de licenza municipal, tendo en conta que nas obras mencionadas concorre a circunstancia de que alteran o funcionamento dun bueiro situado na vía pública e que o reclamante alude a danos na súa vivenda derivados da circunstancia indicada, sen que ata o momento as multas coercitivas que ao parecer impuxo esa administración municipal conseguiran a execución da orde de demolición».

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer destes recursos en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Segundo. Procede a admitir a trámite o recurso de reposición interposto polo Concello de Boiro por terse presentado dentro do prazo regulamentario e cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1º da citada Lei 30/1992.

Respecto do recurso de reposición presentado por Carlos Rodríguez Muñiz, en representación de Autocares Muñiz, S.L., o 24.3.2014, cómpre salientar que na data en que se presentou o recurso, Carlos Rodríguez Muñiz non representaba o cargo de administrador solidario da empresa (B.O. Mercantil do 17.3.2014 que indica o seu cesamento como tal) e, ademais, a parcela catastral núm.15011A025008700000XX, da que era propietaria a empresa Autocares Muñiz, S.L. (afectada pola declaración como veciñal do monte Canteira da Changuiña) foi vendida o día 8.1.2014 a Victoria Muñiz Araújo, mediante escritura pública de compravenda, polo que non se pode admitir a trámite ao non ter a condición de interesado.

Terceiro. En canto ao recurso presentado polo Concello de Boiro, non se aprecian circunstancias que poidan motivar a súa estimación, por canto se expoñen argumentos similares aos esgrimidos durante a tramitación do expediente e xa estudados e valorados polo Xurado ao ditar a resolución contra a que se recorreu. Ademais, cómpre salientar que no escrito do Valedor do Pobo do 31.3.2014 consta como información dada polo Concello de Boiro que se tramitaron expedientes de reposición da legalidade urbanística nº 1/2011, contra Josefa Lojo Somoza, por pavimentación do acceso a unha parcela situada no lugar da Changuiña sen a preceptiva autorización (licenza de obras que foi denegada); outro expediente nº 474/2012, contra Manuel Sánchez Lojo (fillo da anterior), que solicita licenza de obras para a construción dun muro de peche na mesma parcela, sen resolver; este mesmo veciño ten outro expediente de reposición da legalidade urbanística nº 8/2013 pola colocación dun poste precisamente no lugar en que pretende executar o peche para o que solicitou a licenza aínda sen resolver. Na información facilitada polo Concello non indica en ningún momento que a causa de denegación das licenzas de obras sexa que se trata dunha propiedade municipal e, transcorridos nalgún caso máis de tres anos, segue sen exixirlles aos veciños que executaron as obras sen licenza o cumprimento da legalidade urbanística.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de xeral aplicación, á vista da documentación que consta no expediente, logo da proposta da instrutora e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado acorda:

Primeiro. Non admitir o recurso de reposición presentado por Carlos Rodríguez Muñiz, en representación de Autocares Muñiz, S.L., ao non ter a condición de interesado.

Segundo. Rexeitar o recurso de reposición interposto polo Concello de Boiro contra a Resolución do Xurado do 17.1.2014, polo que se acordou clasificar como monte veciñal en man común o monte Canteira da Changuiña, en favor dos veciños do lugar da Changuiña, da parroquia de Lampón, no concello de Boiro, confirmando integramente a resolución contra a que se recorreu.

Notifíquese esta resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 14 de xullo de 2014

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña