Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 31 de xullo de 2014 Páx. 33040

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2014 pola que se convocan as persoas aspirantes admitidas pola quenda de acceso libre á realización do primeiro exercicio (probas de lingua galega) do proceso selectivo para cubrir catro prazas da categoría profesional de técnico/a especialista de investigación, especialidade química (espectrometría de masas e proteómica), do grupo III, convocado pola Resolución do 4 de decembro de 2013.

Por Resolución reitoral do 4 de decembro de 2013 (DOG do 19 de decembro e BOE do 6 de xaneiro de 2014) convocáronse probas selectivas para cubrir catro prazas da categoría profesional de técnico/a especialista de investigación, especialidade química (espectrometría de masas e proteómica), dúas pola quenda de promoción interna e dúas pola quenda de acceso libre.

A vista do acordo do tribunal que dá por concluído o proceso selectivo pola quenda de promoción interna, sen que ningunha persoa aspirante o superase, acumúlanse as vacantes ofertadas por esta quenda ás de acceso libre, tal como establece o punto 1.3 da convocatoria das probas selectivas.

A Resolución reitoral do 26 de maio de 2014, no seu punto cuarto, establece que as persoas admitidas pola quenda de acceso libre serán convocadas para realizar o primeiro exercicio mediante resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia. De conformidade con isto, resolvo:

Convocar as persoas aspirantes admitidas pola quenda de acceso libre para a realización do primeiro exercicio (probas de lingua galega) da fase de oposición, o día 15 de setembro de 2014, ás 11.00 horas, no Servizo de Normalización Lingüística (Vivendas dos Catedráticos, 1º andar, Campus Vida, Santiago de Compostela)

A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaraa o tribunal nos locais onde se realizase o primeiro deles, na Reitoría da universidade e na páxina web http://www.usc.es/gl/goberno/xerencia/selecciondepersoal.html.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2014

Juan M. Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela