Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 30 de xullo de 2014 Páx. 32825

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 94/2014, do 10 de xullo, polo que se aproba o Plan de emerxencia exterior de Cepsa Gas Licuado, S.A., en Maside.

O Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, modificado polo Real decreto 119/2005, do 4 de febreiro, e polo Real decreto 948/2005, do 29 de xullo, establece no seu artigo 11 que as comunidades autónomas elaborarán os plans de emerxencia exterior das industrias afectadas polo artigo 9 do citado real decreto.

O Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece que é a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local (na actualidade, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza), a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil (actualmente Dirección Xeral de Emerxencias e Interior), o órgano responsable da elaboración do plan de emerxencia exterior.

O Real decreto 407/1992, do 24 de abril, polo que se aproba a norma básica de protección civil, indica que os plans que teñan como obxecto os riscos químicos terán a consideración de plans especiais.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, no artigo 33, relativo ao procedemento de aprobación e publicación, indica que lle corresponde ao Consello da Xunta, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais. Todos os plans de emerxencias deben ser obxecto de publicación nos diarios oficiais pertinentes.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regulan a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, modificado polo Decreto 109/2004, do 27 de maio, establece, no seu artigo 76, que os plans especiais que teñan un ámbito territorial de aplicación que non exceda a Comunidade Autónoma de Galicia serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro competente en materia de protección civil, logo do informe da Comisión Galega de Protección Civil, e serán homologados pola Comisión Nacional de Protección Civil. Segundo o artigo 77 do dito decreto, a aprobación dos plans polo Consello da Xunta de Galicia será publicada no Diario Oficial de Galicia.

O Plan de emerxencia exterior de Cepsa Gas Licuado, S.A. foi sometido a un período de información pública de 20 días hábiles, mediante Resolución do 8 de outubro de 2013 da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, en aplicación do disposto no punto 6 do artigo 11 do Real decreto 1254/1999.

O 10 de decembro de 2013, o grupo de traballo da Comisión Permanente da Comisión Galega de Protección Civil acordou por unanimidade a presentación do Plan de emerxencia exterior de Cepsa Gas Licuado, S.A. á Comisión Galega de Protección Civil.

A Comisión Galega de Protección Civil, na súa reunión do 20 de decembro de 2013, emitiu informe favorable sobre o Plan de emerxencia exterior de Cepsa Gas Licuado, S.A.

O 8 de maio de 2014, a Comisión Permanente da Comisión Nacional de Protección Civil procedeu á homologación do plan.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de dez de xullo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

Un. Apróbase o Plan de emerxencia exterior de Cepsa Gas Licuado, S.A.

Dous. Este plan de emerxencia exterior atoparase á disposición do público na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (rúa Roma, 25-27, Santiago de Compostela), na súa páxina web, así como nos correspondentes servizos provinciais de Emerxencias.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízase o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para realizar as modificacións de carácter técnico que procedan no plan como resultado do avance científico-técnico e da evolución do desenvolvemento industrial que a criterio da Comisión Galega de Protección Civil non supoñan a necesidade dunha nova homologación do plan.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xullo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza