Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 30 de xullo de 2014 Páx. 32823

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 17 de xullo de 2014 pola que se nomean vogais do Xurado de Expropiación de Galicia.

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, prevé, no seu artigo 232, modificado pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, a creación do Xurado de Expropiación de Galicia, como órgano colexiado permanente da nosa comunidade autónoma especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a Comunidade Autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.

O dito precepto dispón, entre outros extremos, a composición dese xurado, sendo desenvolvido mediante o Regulamento de organización e funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia, aprobado mediante Decreto 223/2005, do 16 de xuño.

O artigo 4 deste regulamento establece, nas letras c), d), e) e f) do seu parágrafo 2º, respecto da composición do xurado, que distintos organismos, entidades e colexios profesionais proporán, cada un deles, un representante que actuará como vogal titular. Así mesmo, prevese a designación, do mesmo xeito, dun vogal suplente que actuará en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa que imposibilite a asistencia daquel titular.

Todos eles serán nomeados polo conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio. O mandato destes vogais será de catro anos, renovables por períodos de igual duración, que comezará a computarse desde o día seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia, podendo ser, se é o caso, substituído.

En virtude da Orde do 21 de xuño de 2010 pola que se nomean vogais do Xurado de Expropiación de Galicia (publicada no DOG do día 2 de xullo), realizouse o nomeamento de vogais, titulares e suplentes, en representación de varios destes organismos e entidades. Esgotada a vixencia do seu mandato e despois de realizar os trámites formais de solicitude de designación aos organismos e entidades sinaladas no anteriormente mencionado artigo 4 que lles corresponde por tempo de mandato, parte deles achegaron a súa proposta.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único. Noméanse as persoas que se relacionan no anexo como vogais do Xurado de Expropiación de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO

Vogais do Xurado de Expropiación de Galicia segundo o disposto no artigo 4.2º e) e f) do Decreto 223/2005, do 16 de xuño.

1. En representación do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

Titular: Rosa Rodríguez Vales-Villamarín.

Suplente: Yolanda Pérez Rivera.

2. En representación do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España.

Titular: Pedro Unzueta Martínez.

Suplente: Juan Ricoy Alonso.

3. En representación do Consello Galego de Colexios de Economistas.

Titular: Odilo Montero Fernández.

Suplente: Enrique Rodríguez Docampo.

4. En representación do Ilustre Colexio Notarial de Galicia.

Titular: Manuel Remuñán López.

Suplente: Mª del Carmen Carreira Simón.