Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 29 de xullo de 2014 Páx. 32647

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 14 de xullo de 2014 pola que se acorda a cesión en propiedade de dúas embarcacións tradicionais, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Asociación Cívico Cultural Terra de Outes.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, dispón que esta é o órgano da Administración galega encargado de propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Así mesmo, correspóndelle a ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións dos profesionais do sector, industrias pesqueiras e conserveiras, establecementos de almacenamento, manipulación, vendas e transformación do peixe e ensinanzas marítimo-pesqueiras, náutico-deportivas e mergullo, cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, salvamento marítimo, loita contra a contaminación e planificación e actuacións portuarias, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, quedando obrigado o cesionario a destinar os bens á fin expresado no correspondente acordo.

A Asociación Cívico Cultural Terra de Outes sen ánimo de lucro, solicitou a esta consellería a cesión de dúas embarcacións tradicionais (bote de Noia e buceta de Muros). Esta entidade esta inscrita no Rexistro de Asociacións co número 2006-9327-1, e ten como fins a promoción, creación e difusión das distintas manifestacións culturais e artísticas vinculadas ao seu territorio.

A referida institución destinará as dúas embarcacións tradicionais a fins de utilidade pública ou interese social e, de xeito especial, a desenvolver actividades de dinamización arredor do patrimonio marítimo e desenvolver actividades de navegación tradicional. Por tanto, faise preciso cederlle as embarcacións antes indicadas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Asociación Cívico Cultural Terra de Outes de dúas embarcacións tradicionais (un bote de Noia e unha buceta de Muros) das seguintes características:

Bote de Noia:

Dimensións:

Eslora: 4,275 m, manga: 1,670 m, puntal: 0,420 m.

Construción: centro de formación Aixola, Marín (Pontevedra).

Material: madeira (carballo para as estruturas portantes e piñeiro do país para o forro e outras estruturas menores).

Valoración estimada: 1.560,00 €.

Buceta de Muros:

Dimensións:

Eslora: 4,26 m, manga: 1,45 m, puntal: 0,510 m.

Construción: centro de formación Aixola, Marín (Pontevedra).

Material: madeira (carballo para as estruturas portantes e piñeiro do país para o forro e outras estruturas menores).

Valoración estimada: 665,00 €.

Artigo 2

O presente acordo de cesión leva implícita a desafectación dos bens que se ceden, citadoss no artigo 1.

Artigo 3

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, os bens cedidos destinaraos a entidade cesionaria a desenvolver actividades de dinamización arredor do patrimonio marítimo e desenvolver actividades de navegación tradicional.

b) Coa cesión outórgaselle á Asociación Cívico Cultural Terra de Outes a propiedade dos bens mobles cedidos.

c) Serán a cargo da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento dos bens mobles cedidos, así como todas as autorizacións precisas para o seu funcionamento de acordo coa lexislación vixente.

d) Tanto se os bens cedidos non se aplican aos fins sinalados coma se se descoidan ou se utilizan con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrisen.

Artigo 4

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 5

Correspóndelle á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación das embarcacións cedidas no citado artigo 1 ao fin para que son cedidas e para isto pode adoptar cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar