Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 28 de xullo de 2014 Páx. 32477

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2014, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ordena a publicación da modificación dos criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2013, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

A disposición derradeira segunda da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, prorroga para o 2014 as medidas recollidas na Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 44, do 2 de marzo), que establece no seu artigo 3.1.: «suspéndense para todo o persoal incluído no ámbito de aplicación desta lei a convocatoria, a concesión ou o aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, así como calquera outra que teña a mesma natureza ou finalidade, agás a axuda por persoa con discapacidade, que non poderá ser superior á contía de 180 euros mensuais por cada persoa, mentres estea en vigor esta lei».

En aplicación do dito precepto legal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 17 de xullo de 2014, adoptou o acordo de aprobar a modificación dos criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2013.

O artigo 23 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda (DOG nº 106, do 2 de xuño), atribúe á Dirección Xeral da Función Pública a xestión do fondo de acción social.

Visto o texto do acordo e en cumprimento das competencias conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. Que se publiquen no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución a modificación dos criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2013 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

Segundo. Contra este acordo do Consello da Xunta de Galicia, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Igualmente con carácter previo e postestativo, poderase interpoñer recurso de reposición ante o Consello da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2014

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

O 8 de maio de 2014, o Consello da Xunta de Galicia acordou aprobar os criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2013 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade. Non obstante, en Santiago de Compostela, o 17 de xullo de 2014, oídos os representantes das organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSI-F, representadas na Mesa Xeral de Empregados Públicos, en virtude do establecido no artigo 38.7 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público en relación ao artigo 13.3 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia acorda aprobar a seguinte modificación dos criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2013 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade:

Primeiro. O persoal funcionario ou laboral da Xunta de Galicia que, como consecuencia dunha modificación da relación de postos de traballo da correspondente consellería, pasó durante o ano 2013 a ocupar un posto nunha axencia pública autonómica ou na entidade pública empresarial Augas de Galicia, poderá presentar a súa solicitude de axuda para a atención de persoas con discapacidade con cargo ao Fondo de Acción Social do exercicio económico do ano 2013 relativo á atención de persoas con discapacidade.

Segundo. En consecuencia, o persoal afectado por esta modificación terá o prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao día de publicación no Diario Oficial de Galicia para cubrir na web as solicitudes e para presentalas ante as unidades de persoal unha vez impresas.

Non obstante, o persoal incluído nesta situación que xa presentou a súa solicitude non terá que facelo de novo.

As solicitudes conformadas, unidas ao resto da documentación, serán entregaradas polas unidades de persoal aos/ás respectivos/as peticionarios/as no prazo dos 10 días hábiles seguintes ao remate do prazo anterior.

O prazo para presentar as solicitudes conformadas polas unidades de persoal rematará no prazo dos 10 días hábiles seguintes ao remate do prazo anterior.