Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 22 de xullo de 2014 Páx. 32067

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2014, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública dunha instalación eléctrica no concello de Santa Comba (expediente IN407A 2011/183-1).

Vista a solicitude para o outorgamento da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que a continuación se detallan:

Número de expediente: IN407A 2011/183-1.

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avenida de Arteixo, 171 A Coruña.

Denominación: LMT, CT e RBT Grixoa II.

Situación: concello de Santa Comba.

Características técnicas:

– Liña eléctrica de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 0,990 km, en condutor LA-56/54,6 mm2, coa orixe en apoio da LMT aérea ao CT Grixoa (expediente 50.066), e final no CT proxectado.

– Centro de transformación intemperie (CTI) Grixoa II, de potencia 100 kVA, e relación de transformación de 20/0,4-0,23 kV.

– Rede de baixa tensión aérea, coa orixe no CTI proxectado e unha lonxitude total de 332 m en condutor tipo RZ, e sobre apoios de formigón.

Resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 8 de xuñio de 2011 Juan Ramón Guijarro Castro, en nome e representación da empresa Electra del Jallas, S.A., solicitou a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución dunha instalación de distribución eléctrica denominada LMT, CT e RBT Grixoa II.

O 7 de novembro de 2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e a subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a nome de Electra del Jallas, S.A.U. a favor de Unión Fenosa Distribución, S.A.

A dita autorización supeditouse a que Unión Fenosa Distribución, S.A. acreditase nun prazo de seis meses a transmisión desta titularidade e a comunicase nun prazo dun mes desde que se fixese efectiva.

O 18 de xaneiro de 2013 Unión Fenosa Distribución, S.A. comunicou á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a transmisión, e quedou constancia de que o 4 de decembro de 2012 se elevou a pública a escritura de fusión da sociedade Unión Fenosa Distribución, S.A. e Electra del Jallas, S.A.U., outorgada ante o notario de Madrid Fernando de la Cámara García, baixo o número 2.571 do seu protocolo, e inscribiuse no Rexistro Mercantil de Madrid o 31 de decembro de 2012, tomo 30183, libro 0, folio 105, sección 8, folla M503809, inscrición ou anotación 28.

Segundo. A solicitude incluía unha relación de bens e dereitos afectados polo proxecto e, en concreto, unha relación dos bens e dereitos para os cales non había mutuo acordo cos seus propietarios e para os cales se pedía a aplicación da lexislación sobre expropiación forzosa.

Terceiro. Por acordo do 25 de agosto de 2011 do entón Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a solicitude ao trámite de información pública establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante a publicación no DOG núm. 181, do 21 de setembro, no BOP núm. 177, do 15 de setembro e no xornal La Voz de Galicia, do 9 de setembro de 2011 e exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Santa Comba. Do mesmo xeito procedeuse á notificación individual aos propietarios de bens e dereitos afectados, así coma aos arrendatarios dos predios números 52 e 53.

Cuarto. No expediente constan alegacións por parte de:

1. María Ángeles Calo Suárez, en relación co predio número 23, a cal alega, en síntese, que o predio foi notificado a Dolores Soledad Calo cando a propietaria é ela, achega copia da escritura de doazón, e solicita a corrección do dito erro.

2. Celia Mouro Fariña, en relación cos predios números 24 e 25, a cal alega, en síntese, que o predio non é de Soledad Mouro Fariña, senón que a propietaria é ela, que o predio ten unha plantación de eucaliptos, piñeiros e carballos; que o predio que figura co nº 25 no plano non existe realmente e que as dimensións do predio número 24 non son correctas.

3. Manuel García Barreiro e José García Barreiro, en calidade de representantes dos herdeiros de Manuel García Ferreiro, os cales alegan, en síntese, que se opoñen ao punto de instalación do transformador, que o único predio segregable da comunidade hereditaria é o afectado e que o predio está afectado polo voo dunha liña de alta tensión, polo que a superficie urbanizable está xa reducida. Solicita que a instalación do transformador se traslade ata o lindeiro co predio lindante, pois o actual proxecto sitúa o transformador xusto na entrada do predio. Por último, pide a colocación do transformador no punto que indican.

4. Andrés Suárez Ferreiro, en relación co predio número 52, alega en síntese que se opón á ocupación dos bens por existiren alternativas ao trazado sobre un camiño de titularidade pública lindeiro co predio, o cal non suporía un incremento de metros de tendido da liña e maior gasto para o solicitante da declaración de utilidade pública.

Indica que o prexuízo ocasionado á propiedade da parcela é grave e irreversible pois a parcela figura cualificada polo PXOM como solo rústico de especial protección agropecuaria, coas actividades e usos construtivos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e os usos permitidos recollidos no artigo 37, e os artigo 60 e 63 do PXOM de Santa Comba. Así, a parcela quedaría divida en dúas partes e non acadaría a parcela mínima para edificar.

Ademais, as parcelas están arrendadas, co cal se abocaría á necesidade de resolución do contrato por non poder destinar o predio á actividade propia para a cal se arrendou.

Expón igualmente que a afección do predio sería superior ao comunicado, que non se reflicte na comunicación a afección aos silos de alimentos para o gando e o elemento divisorio do predio co número 50.

Por último, indica que sen prexuízo da afección do voo polo predio, no prezo que se vai indemnizar polo gravame do predio deben terse en conta a depreciación pola imposibilidade para as construcións e plantacións permitidas nese tipo de solo, os prexuízos pola resolución dos contratos de arrendamento por inhabilitación do predio para colocación de silos ou a indemnización aos arrendatarios pola retirada dos xa feitos.

*Igualmente o apoio previsto impediría o aproveitamento do predio nunha superficie maior da notificada.

5. Jesús Suárez Rodríguez, en relación co predio número 53, alega o mesmo que Andrés Suárez Ferreiro en relación co predio número 52, e indica que a afección ao predio sería superior á comunicada, pois non se reflectiu na comunicación a afección aos silos de alimento para o gando.

6. María del Carmen Pose Turnes e María Luz Lires Martínez, como arrendatarias dos predios números 52 e número 53, presentan alegacións idénticas aos propietarios destes predios e que foron anteriormente expostas.

Quinto. As alegacións foron remitidas á empresa, a cal en resumo contestou o seguinte:

1. En relación coa alegación de María Ángeles Calo Suárez respecto ao predio número 23, a empresa promotora indicou que se corrixe a dita titularidade.

2. En relación coa alegación de Celia Mouro Fariña, predios números 24 e 25, contestou que en relación cos predios números 24 e 24/1 se corrixe a titularidade, e que aínda que na alegación se fai referencia ao predio número 25 entende que se refire ao número 24/1.

Indicou que o motivo de reflectir e diferenciar no plano de planta e perfil lonxitudinal as parcelas 24 e 24/1 é o de poder acoutar a superficie afectada en cada unha delas, xa que unha é monte alto e outra prado e a largura da afección de servidume de paso é de 16 m no primeiro caso e 10 m no prado, afectándolle en total en 22 m tal e como reclama.

3. En relación coa alegación de Manuel García Barreiro e José García Barreiro, en calidade de representante dos herdeiros de Manuel García Ferreiro, responde que identifica as alegacións respecto ao predio número 55 e procede a corrixir o enderezo para os efectos de futuras notificacións.

Respecto á solicitude de modificación da localización do centro de transformación proxectado, sinala que intentou ocasionar o menor prexuízo posible, situándoo o máis preto posible da esquina sur-leste do predio.

Indica que a dita localización non impedirá nin limitará as supostas posibilidades urbanizables do predio xa que, segundo o plano do proxecto e a falta de certificado do concello, a parcela é solo non urbanizable; que a proposta afectaría un novo predio de solo urbano, inicialmente non afectado. Non obstante, a empresa promotora estaría disposta a avaliar esta proposta se os interesados achegan a autorización do propietario do predio lindeiro.

Por último, expón que non se producen as limitacións á constitución da servidume de paso recollidas no artigo 57 da Lei do sector eléctrico e 161 do Real decreto 1955/2000.

4. En relación coa alegación de Andrés Suárez Ferreiro, respecto ao predio número 52, a empresa promotora responde que se inclúe como parte afectada, en cumprimento do artigo 4 da Lei de expropiación forzosa, os arrendatarios.

Indica que a modificación do trazado non é factible por canto non se pode invadir o camiño público e que falta a concreción sobre o trazado proposto, entendendo que implicaría modificar a afección sobre algúns predios propostos ou novos non incluídos.

A empresa indica que podería avaliar a modificación do trazado entre os apoios números 4 e 6, de non existiren impedimentos técnicos e sempre que os propietarios afectados subscriban a autorización para o establecemento da servidume de paso. Tamén a empresa promotora expón que non se acredita que o custo non supere o 10 % do orzamento desta liña, sen que sexa admisible polo tanto esta variante segundo o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Continúa dicindo que, segundo o Real decreto lexislativo 2/2008 polo que se aproba o texto refundido da lei do solo, esta parcela está en solo rural, coa utilización recollida no artigo 13 e o contido do dereito da propiedade do artigo 9, e que o uso agrícola e gandeiro a que se destinan na actualidade estas parcelas poderá seguir realizándose xa que este non interrompería a servidume de paso que se trata de establecer, e así o establece o artigo 58 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, que de igual modo e nos ditos predios poderán seguir realizándose actividades pecuarias ou de cultivo, coa única restrición relativa á plantación de árbores a menor distancia da establecida nos regulamentos existentes.

En canto ás limitacións á constitución da servidume de paso establecidas no artigo 57 da Lei do sector eléctrico, así como artigo 161 do Real decreto 1955/2000, neste caso non se producen.

No caso de que o proxecto sexa autorizado e declarado de utilidade pública, será o Xurado de Expropiación de Galicia o encargado de valorar o prexuízo que se produza neste predio polo establecemento da servidume de paso.

En canto á lonxitude e superficies afectadas, entende que o plano do proxecto reflicte a configuración real do predio, o cal non impedirá que o día en que se leve a cabo o levantamento das actas previas á ocupación o perito sinalado pola Administración leve a cabo a oportuna comprobación de todos os bens que se vexan afectados.

5. En relación coa alegación de Jesús Suárez Rodríguez, respecto ao predio número 53, a empresa promotora emite idéntica contestación que respecto á alegación de Andrés Suárez Ferreiro.

6. En relación coas alegación de María del Carmen Pose Turnes e María Luz Lires Martínez como arrendatarias dos predios número 52 e número 53, a empresa promotora reitérase na contestación emitida ás alegacións realizadas polos propietarios destes predios. Indica que para avaliar a modificación do trazado entre os apoios números 4 e 6, de non existiren impedimentos técnicos, sería preciso que os solicitantes dean o consentimento e a autorización dos propietarios.

Sexto. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselle traslado ao Concello de Santa Comba dunha separata do proxecto na parte que a instalación puidese afectar bens e dereitos ao seu cargo, contiña as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente.

O Concello de Santa Comba fai constar que non existe inconveniente en relación con esta obra, ben que, esta deberá contar coa oportuna licenza municipal.

Sétimo. Con data do 21 de abril de 2013 por parte de José Antonio Fernández Amaro, en nome e representación de Unión Fenosa Distribución, S.A., presenta ante esta xefatura territorial o proxecto denominado «Anexo I ao proxecto LMT, CT e RBT Grixoa I»I, co obxecto de reflectir os cambios introducidos respecto ao proxecto orixinal, consistentes na variación da localización do centro de transformación axustando o máis posible ao linde da parcela nº 55, atendendo a alegación presentada polos propietarios do predio número 55 e coa intención de adaptar a citada localización ao establecido no artigo 161, punto 2 do Real decreto 1955/2000, solicitando a exclusión do predio nº 55 do expediente expropiatorio. Así mesmo, o 29 de xullo de 2013 notificáselle ao titular do predio nº 55 a solicitude de exclusión do expediente expropiatorio.

A modificación do proxecto orixinal recollida no anexo I consiste na variación da lonxitude da liña de media tensión, incrementándose en 6 m dentro da parcela número 55 coa cal di o promotor ter autorización dos propietarios e da cal solicita a exclusión do expediente expropiatorio. Así, como o incremento de lonxitude da rede de baixa tensión. Así, as características técnicas principais da instalación serían as seguintes:

– Liña de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude 0,996 km, en condutor
LA-56/54,6 mm2, con orixe en apoio da LMT aérea ao CT Grixoa (expediente 50.066) e final no CT proxectado.

– Centro de transformación intemperie (CTI) Grixoa II, de potencia 100 kVA, e relación de transformación de 20/0,4-0,23 kV.

– Rede de baixa tensión aérea, con orixe no CTI proxectado e unha lonxitude total de 418 m, en condutor tipo RZ e sobre apoios de formigón.

Oitavo. Envíase nova separata ao Concello de Santa Comba, co fin de que presten a súa conformidade ou oposición; do cal se recibe resposta con condicionado no cal recolle que debe recuar os soportes que dan á vía público respecto ao eixe a 5 m en solo rústico, o cal se lle remite ao promotor, quen responde aceptando o condicionado. Con posterioridade recíbese do concello copia do novo informe emitido polo técnico municipal, no cal corrixe o erro existente no anterior, o cal se dá traslado ao promotor, que responde aceptando o condicionado.

O 30 de maio de 2014, Unión Fenosa Distribución, S.A. achegou o anexo II do proxecto de LMT, CT e RBT Grixoa II, no que se recúa o apoio nº 7 a 5 metros do eixe da pista.

Noveno. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial realizou unha visita de campo para examinar o trazado proxectado da liña e, unha vez avaliada a documentación que consta no expediente, a tramitación seguida e as alegacións presentadas, emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 24 de xullo); a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro); o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro), e o Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. No presente expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións obxecto deste expediente cumpren coa normativa vixente, isto é: a Lei 54/1997, do 27 de novembro; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE núm. 288, do 1 de decembro); o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE núm. 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

Cuarto. Á vista das alegacións formuladas e das contestacións achegadas pola empresa solicitante, cómpre facer unhas previas consideracións de carácter xeral:

1. As manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, así como a medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, faranse constar no levantamento da acta previa á ocupación, momento para o cal os interesados afectados serán oportunamente convocados mediante notificación. Este acto desenvolverase de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

2. De conformidade co disposto no número 1.5 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o elixido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguridade que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas establecen o artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e o artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

3. Polo que respecta á valoración dos terreos e bens afectados, para o caso de que as partes non acaden un acordo previo, a determinación do prezo xusto corresponde ao Xurado de Expropiación de Galicia, de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no tamén capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

Quinto. Polo que se refire, en concreto, ás alegacións formuladas, ademais do sinalado nos tres puntos do cuarto fundamento de dereito, compre indicar o seguinte:

1. Con respecto a posibles erros na titularidade das parcelas indícase que a empresa promotora solicita a corrección da titularidade.

2. Con respecto a posibles erros na titularidade, na afección e na natureza dos terreos afectados pola instalación do proxecto, cabe dicir que sería durante o levantamento da acta previa a ocupación, acto ao cal deben ser convocados os interesados conforme establece o artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, cando se describirán o ben ou dereito expropiable e se farán constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, o valor daqueles e os prexuízos determinantes da rápida ocupación. O número 1 do artigo 4 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, establece que: «A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa».

3. Con respecto á solicitude de traslado do linde do predio número 55 do transformador sobre apoio, débese citar que se ben a empresa manifesta que non se establecen as limitacións á constitución da servidume de paso recollidas no artigo 57 da Lei do sector eléctrico e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, a localización proxectada do dito transformador está aproximadamente a 6,5 m do lindeiro do predio, tendo a liña unha afección sobre a citada parcela de 117 m, polo cal a variación do trazado non é superior en lonxitude ou en altura ao 10 por 100 da parte de liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorre sobre a propiedade do solicitante desta, sen que a empresa promotora acredite que non poida seguir lindeiros dos predios de propiedade privada, nin que tecnicamente a variación non sexa posible, nin que a variación sexa superior nun 10 por 100 ao orzamento da parte da liña afectada pola variante, conforme establece o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

4. Con respecto ás solicitudes de variación de trazado entre os apoios números 5 e 6 nas parcelas números 52 e 53, hai que dicir que conforme establece o número 1.5. da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instruccións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto no seu intento de lograr a solución óptima para o conxunto da instalación, axustarase en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen. Non consta acreditado que no dito tramo existan limitacións á constitución de servidume de paso recollidas no artigo 57 da Lei do sector eléctrico e 161 do Real decreto 1955/2000, toda vez que a variación do trazado proposta é superior en lonxitude ao 10 por 100 da parte de liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra sobre a propiedade do solicitante desta.

5. Con respecto ás limitacións de uso, débese citar que o número 1 do artigo 58 de Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que: «A servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade.»; así mesmo, o número 1 do artigo 162 do Real decreto 1955/2000 establece que: «Poderá, así mesmo, o dono solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, e correrán pola súa costa os gastos da variación, incluíndose nos ditos gastos os prexuízos ocasionados.»

6. Con respecto ao prezo que se vai indemnizar polo gravame do predio, débese citar que non corresponde a este momento procedemental toda vez que e, segundo establece o artigo 156 do Real decreto 1955/2000, efectuada a ocupación do terreo, se tramitará o expediente de expropiación e imposición de servidume nas súas fases de prezo xusto e pagamento, segundo a regulación establecida na Lei de expropiación forzosa e as súas normas de desenvolvemento. Así mesmo, a indemnización polo valor dos bens e dereitos que se van expropiar determinarase de conformidade co previsto no capítulo III do título II da Lei de expropiación forzosa.

De acordo co anterior, e en exercicio das competencias atribuídas,

Resolvo:

Autorizar, aprobar o proxecto de execución e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, nas cales as características se axustarán en todas as partes ás que figuran no proxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor un recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificació ou publicación, nos termos establecidos nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

A Coruña, 30 de xuño de 2014

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña