Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 17 de xullo de 2014 Páx. 31501

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (1144/2013).

María Teresa Vázquez Abades, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 1144/2013 deste xulgado do social, seguido por instancia de Aurelio Cordo Magan contra Aquagest, S.A., Construcciones Serobra Galicia, S.L., Sacyr Vallehermoso e O Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

Decido que se ten a Aurelio Cordo Magán por desistido da demanda de despedimento presentada fronte a Aquagest, S.A. e Sacyr Vallehermoso, S.A., e decrétase o sobresemento e arquivamento do procedemento respecto das ditas codemandadas.

Que estimando a demanda interposta por Aurelio Cordo Magán contra Construcciones Serobra Galicia, S.L., efectúo os pronunciamentos seguintes:

1. Debo declarar e declaro que a extinción do contrato de traballo do demandante efectuado pola mercantil demandada con data de efectos o 20 de outubro de 2013 constitúe un despedimento improcedente e, en consecuencia, debo condenar e condeno a Construcciones Serobra Galicia, S.L. a estar e pasar pola dita declaración, e que readmita inmediatamente o traballador demandante nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento, con aboamento dos salarios deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento ata a notificación desta sentenza a razón de 43,56 euros diarios, ou ben, á elección do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento ao demandante dunha indemnización de 479,16 euros por despedimento improcedente.

A opción polo empresario entre a readmisión do traballador e a indemnización por despedimento improcedente deberá exercerse no prazo de 5 días contados a partir da notificación da presente sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o dito termo sen que o empresario tivese optado entenderase que procede a readmisión.

2. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa deberá observarse o que resulte da aplicación do artigo 33 do ET con notificación da presente resolución.

3. Impóñense a Construcciones Serobra Galicia, S.L. as custas do proceso, incluídos os honorarios do graduado social do demandante, ata o límite máximo de 600 euros.

Notifíqueselles ás partes e ao Fogasa a presente resolución, facéndolles saber que fronte a esta poderán interpor recurso de suplicación para ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de cinco días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

A anterior resolución entregarase ao secretario para a súa custodia e incorporación ao libro de sentenzas. Insírase nas actuacións por medio de testemuño.

Por esta a miña sentenza, xulgando definitivamente en primeira instancia, o pronuncio, mando e asino.

E para que lle sirva de notificación en legal forma a Construcciones Serobra Galicia, S.L., en ignorado paradoiro, expido o presente edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 25 de xuño 2014

A secretaria xudicial