Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 10 de xullo de 2014 Páx. 30781

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (DSP 1120-11).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 1120/2011 deste xulgado do social, seguido por instancia de Sergio José Casal Varela contra Tex Digital, S.L., Administración Concursal de Tex Digital, S.L. e o Fogasa sobre despedimento, foi ditada a seguinte resolución:

«Auto.

Na cidade da Coruña, 30 de maio de 2014.

Lara M. Munín Sánchez, xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña, ditou o seguinte

Antecedentes de feito.

Primeiro. O día 6.7.2012 foi ditada sentenza por este xulgado en que se admitía a demanda do Sr. Casal Varela contra a empresa Tex Digital, S.L.

Segundo. O día 9.4.2014 a empresa solicita unha aclaración ao terse cometido un erro aritmético.

Fundamentos de dereito.

Único.

1. As leis consagran a invariabilidade das sentenzas polo propio órgano que as ditou e a única vía legalmente prevista para modificar os seus termos é o da aclaración (artigo 267 LOPX; e artigos 214 e 215 LAC), como dimensión do dereito á tutela xudicial efectiva (SSTC 14/1984; 138/1985; 119/1988; 203/1989; 27/1992; 101/1992; etc.). Mais constituíndo a vía aclaratoria ou subsanatoria unha excepción ao principio de intanxibilidade, este mecanismo débese entender limitado á función específica reparadora para a cal se estableceu, así como que a figura da aclaración debe ser obxecto dunha rigorosa interpretación restritiva, polo seu carácter de excepción fronte ao principio de inmodificabilidade das resolucións xudiciais (SSTC 180/1997, 27/outubro, FX 2; e 48/1999, 22/marzo, FX 2; etc.).

2. De entrada, o escrito está presentado superando sobexamento o prazo concedido pola lei para solicitar a aclaración (3 días, artigo 214 LAC), pois que se notificou á empresa no 18.10.2012. A Administración concursal recoñece que a coñecía no 15.10.2012 e, non obstante, o escrito está selado no 9/4/14. Ademais, o que se está a pedir excede unha aclaración, pois non hai ningún concepto escuro que aclarar ou un erro material que rectificar, considerando que a sentenza declara o despedimento do demandante como improcedente na fundamentación (fundamento de dereito segundo, número dous), pero debido á opción do demandante e á imposibilidade de readmisión, extínguese a súa relación laboral e, por iso, na parte dispositiva só se recollen os pronunciamentos inherentes a unha resolución. En todo caso, as dificultades que encontrase a empresa con respecto ao aboamento dos excesos de salarios por parte do Fogasa deberá ser obxecto da súa correspondente reclamación (administrativa e xudicial), sen que o artigo 116 LXS exixa que a declaración de improcedencia se teña que facer constar na parte dispositiva, pois neste asunto é evidente que o despedimento tácito de que foi obxecto o actor era improcedente.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Parte dispositiva

Acórdase non aclarar a sentenza deste xulgado do social número 2 da Coruña de data 6.7.2012, autos 1120/2011.

Notifíquese esta resolución ás partes e fágaselles saber que é firme.

Publicación. Expídoa eu, secretaria xudicial, para facer constar que, na mesma data do auto de aclaración de sentenza, se deposita na secretaría deste xulgado a anterior sentenza para a súa notificación e publicidade na forma permitida e ordenada pola constitución e as leis. Seguidamente, líbrase testemuño do auto de aclaración de sentenza para a súa unión aos autos. Dou fe».

E para que sirva de notificación en legal forma a Tex Digital, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 19 de xuño de 2014

A secretaria xudicial