Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 9 de xullo de 2014 Páx. 30596

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de xullo de 2014 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, que serán executados polos grupos e centros de investigación das universidades galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano, orientadas a unha real superación da pobreza e as desigualdades, precisan de iniciativas que promovan a xestión do coñecemento en cooperación e contribúan a mellorar o impacto da axuda para o desenvolvemento a través da realización de investigacións. No III Plan director da cooperación galega (2014-2017) apóstase pola promoción dunha cultura de investigación no noso sistema de cooperación.

Tendo en consideración isto, é pertinente aprobar as bases reguladoras do ano 2014 para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento que serán executados por investigadores/as individuais ou polos equipos de investigación das universidades galegas.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, de acordo con estas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento que serán executados polos grupos e centros de investigación das universidades galegas.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2014 e 2015 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.444.0 pola contía total de 152.000 euros (76.000 euros no ano 2014 e 76.000 euros no ano 2015).

3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de investigación e para a creación
de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento,
que serán executados polos grupos e centros de investigación das
universidades galegas

Artigo 1. Obxecto

A presente convocatoria establece as condicións para a concesión de subvencións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para:

a) A realización de proxectos de investigación sobre cooperación para o desenvolvemento, incluída a educación para o desenvolvemento, e sobre a aplicación da tecnoloxía para o desenvolvemento humano.

É necesario que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento e o seu contido estea claramente relacionado con este área, e non son financiables nesta convocatoria as colaboracións científicas sen esta dimensión.

b) A creación de grupos de investigación, uni ou multidisciplinares, interuniversitarios ou non, no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, que teñan como obxectivo principal a especialización na investigación en cooperación para o desenvolvemento, que consolide liñas de investigación nesta materia no SUG.

Artigo 2. Entidades beneficiarias e destinatarios/as

2.1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as universidades do Sistema universitario de Galicia e serán destinatarios/as os/as investigadores/as individuais ou equipos e grupos de investigación do Sistema universitario de Galicia (SUG).

2.2. Para os efectos destas axudas enténdese por equipo ou grupo de investigación o conxunto do persoal investigador que baixo a dirección dun deles desenvolven un proxecto de investigación concreto. Os seus membros deben pertencer ao SUG, coa excepción dos considerados nas alíneas c) e d) do punto seguinte.

2.3. O equipo e grupo de investigación poderase constituír co seguinte tipo de membros:

a) Persoal investigador doutor con vinculación estatutaria ou contractual estable no SUG. Considéranse dentro desta categoría catedráticos e profesores titulares de universidades ou escolas universitarias, profesores contratados doutor ou axudantes doutor, contratados dos programas Ramón y Cajal, Parga Pondal, Juan de la Cierva ou Marie Curie (neste último caso sempre que teña adscrición a unha universidade do SUG durante toda a vixencia da axuda).

b) Persoal investigador non doutor con vinculación estatutaria ou contractual no SUG, ou mantida polo menos durante a vixencia do proxecto.

c) Persoal investigador en formación: persoal con vinculación ao SUG en figuras específicas de formación investigadora, nomeadamente axudantes, persoal contratado en formación, contratados predoutorais ou con cargo a proxecto e bolseiros predoutorais de convocatorias públicas.

d) Investigadores asociados: persoal investigador doutor vinculado a outro organismo de investigación que se considera relevante para o correcto desenvolvemento do proxecto. Inclúese nesta categoría o persoal docente doutor dos centros de ensino non universitario.

e) Persoal de apoio: persoal técnico ou calquera outro persoal contratado para a realización de tarefas de apoio á investigación no desenvolvemento de proxectos concretos de investigación e persoal sen vinculación a un organismo de investigación.

2.4. O/a investigador/a principal que exerce a dirección dun proxecto e/ou grupo de investigación deberá ser doutor/a e pertencer a algunha das categorías incluídas na alínea a) do punto 3 deste artigo.

2.5. Ningún/ha investigador/a individual e/ou membro dos equipos e grupos de investigación poderá presentar máis dun proxecto ou estar incorporado/a en máis dun equipo ou grupo de investigación no ámbito desta convocatoria.

2.6. Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados en agrupación con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1, alíneas b), d), e), g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

Artigo 3. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e requisitos dos proxectos

3.1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes:

a) Ser unha universidade do SUG.

b) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.2. Requisitos que deben reunir as entidades agrupadas:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de anticipación ao día de publicación da convocatoria.

b) Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal da organización e local fixo onde realicen as súas actividades. Neste caso, a devandita delegación asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprometerase ao mantemento da documentación, a contabilidade e a coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación en, polo menos, a identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto. Asemade, as entidades beneficiarias deben manter aberta a súa sede ou delegación permanente en Galicia, como mínimo, ata a prescrición do proxecto; é dicir, por un período de 4 anos desde a finalización da súa execución. En caso contrario, o incumprimento levará consigo a obriga de devolución do importe da subvención concedida.

c) Ter asinado un contrato ou acordo de colaboración coa entidade líder da agrupación, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para que se lle concedeu a subvención.

Os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o artigo 23.b) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. O devandito documento estará asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como o importe da subvención que executará cada unha delas. As entidades agrupadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán unha persoa como responsable con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponderían á agrupación de entidades e que necesariamente pertencerá á entidade solicitante. Así mesmo, designarán un enderezo único para os efectos de notificacións administrativas dos expedientes. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto.

3.3. Requisitos dos proxectos:

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2014, sendo necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2014. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual deberá executarse antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España e países prioritarios da Cooperación Galega, consonte o establecido no III Plan director 2014-2017), sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para achegar ás intervencións información e perspectiva dos países do sur.

c) Ser relevantes para a cooperación para o desenvolvemento, non sendo financiables nesta convocatoria as colaboracións científicas sen esta dimensión.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (rúa do Hórreo, 61, 2º andar, 15701 Santiago de Compostela), cubertas nos modelos que figuran como anexos destas bases reguladoras. Estas deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Neste caso, a documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. As copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar por parte da persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Documentación que acompaña a solicitude

5.1. A solicitude de subvención presentarase de acordo co modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras.

A solicitude irá asinada pola autoridade que representa legalmente a universidade correspondente. O formulario de presentación da proposta irá asinado polo/a investigador/a principal do proxecto.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na páxina web www.cooperaciongalega.org

5.2. A citada solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a seguir (carpeta 1) e do proxecto (carpeta 2), que se presentará no modelo oficial de formulación deste. A documentación da carpeta 2, independentemente de que se presente en soporte papel, será presentada tamén en soporte electrónico.

Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante.

a) Certificados emitidos pola universidade a que pertence a persoa destinataria ou equipo de destinatarios, que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 destas bases e autorice a participación no proxecto e o compromiso de gasto correspondente.

b) Currículum vítae normalizado acreditativo dos méritos alegados polo/a investigador/a, equipo ou grupo de investigación, en formato dixital.

c) Estratexia ou traxectoria de investigación do persoal investigador e/ou equipo de investigación de cara aos vindeiros catro anos na cal se inclúa a proposta presentada.

Carpeta 1: información relativa á/s entidade/s agrupada/s.

a) Certificación da secretaría da entidade en Galicia acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con indicación do número de inscrición no devandito rexistro e onde deberá figurar expresamente o número de socios/as en Galicia.

No caso de que calquera documento dos recollidos neste punto careza de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa sobre isto e achegarase, debidamente compulsado, o dito documento co obxecto de ser incorporado de oficio ao Rexistro.

b) Memoria da organización en Galicia na cal se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos e na cal consten, se for o caso, as investigacións en que teñen colaborado.

c) Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos (dous como mínimo) na cal se enmarca o proxecto presentado.

d) Declaración responsable da persoa que teña a representación legal de cada unha das entidades agrupadas na cal se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, segundo o modelo que figura como anexo II.

e) Contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que teñan a representación legal das entidades, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade, ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se concedeu a subvención. Neste documento designarán unha persoa que teña a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán detallar as actuacións en que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao financiamento, ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, mencionando expresamente o valor engadido que achegue cada un dos socios á agrupación.

Carpeta 2: información sobre o proxecto.

A información sobre o proxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (os de formulación e o do orzamento do proxecto), que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.es

5.3. A falta de documentación relativa ás carpetas 1 e 2 e de información nalgunha delas impedirán a avaliación do proxecto, se non se procede á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 9 da presente orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos previstos nas alíneas d) da carpeta 1 da entidade solicitante; b) e c) da carpeta 1 das entidades agrupadas e o documento de proxecto (carpeta 2).

Así mesmo, a presentación da solicitude en modelo distinto ao establecido para esta convocatoria (anexo I), a manipulación dos documentos de formulación normalizados ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado á presente convocatoria conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

6.1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

6.2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

6.3. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados no artigo 5.2, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6.4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación son autorizadas polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15704 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a cooperacion.exterior@xunta.es

Artigo 8. Condicións de financiamento

8.1. Con cargo a esta convocatoria a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto.

8.2. Nas propostas presentadas por un/unha investigador/a individual para a realización dun proxecto de investigación, a subvención concedida non superará en ningún caso os 15.000 €. Nas presentadas por un equipo ou grupo de investigación a subvención concedida non superará os 30.000 €.

8.3. Nas propostas presentadas para a creación dun grupo de investigación a subvención concedida non superará en ningún caso os 35.000 €.

8.4. A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 50 % no ano 2014 e o 50 % no 2015.

Artigo 9. Gastos do proxecto

9.1. Gastos subvencionables:

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e os indirectos do proxecto, agás no suposto de que algunha das entidades agrupadas posúa ánimo de lucro, caso en que se subvencionarán exclusivamente os custos directos.

2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto ou do grupo de investigación.

a) Material funxible necesario para a realización da investigación e para a posta en marcha do grupo de investigación. O material funxible de oficina ou informático non poderá exceder o 5 % da subvención solicitada.

b) Persoal contratado especificamente para colaborar, con dedicación total ou parcial, nas actividades de investigación do proxecto ou na posta en marcha do grupo de investigación.

O persoal que se contrate non poderá ter outro contrato vixente coa universidade que exixa dedicación a tempo completo.

A universidade poderá presentar como achega financeira propia os contratos vixentes do persoal vinculado a ela estatutaria ou contractualmente, sexan a tempo parcial ou completo.

c) Viaxes e axudas de custo para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

d) Outros gastos necesarios para a realización da investigación e para a posta en marcha do grupo de investigación, como por exemplo, gastos vinculados á obtención e xestión de información (enquisas, tratamento de datos…), gastos de publicidade e/ou difusión...

3. Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión e/ou supervisión, que non poden exceder o 10 % da subvención solicitada.

9.2. En ningún caso serán gastos subvencionables:

• Os gastos de capital e material inventariable (incluídos tablets, ipads, teléfonos móbiles, cámaras fotográficas…).

• Os xuros debedores das contas bancarias.

• Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

• Os gastos de procedementos xudiciais.

• As amortizacións de bens inventariables.

• Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

• Os billetes de avión en primeira ou en clase preferente.

9.3. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 € no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se for o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 10. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Valoración das solicitudes

11.1. A valoración das solicitudes realizarase a través dunha avaliación por pares de expertos externos ao SUG, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Esta avaliación remitirase á comisión de selección, que elaborará a proposta de resolución.

A comisión de selección adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes, da Lei 30/1992, do 26 de novembro. A comisión estará integrada polos seguintes membros:

– Presidente: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

11.2. Para superar a fase de valoración será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % do total.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles proxectos que sexa posible dentro da contía total asignada a esta convocatoria.

11.3. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no III Plan director da cooperación galega 2014-2017 e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e nas leis anuais de orzamentos.

Artigo 12. Criterios de valoración

As propostas que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliadas tendo en conta os seguintes criterios:

12.1. Criterios aplicables para a realización de proxectos de investigación:

1. Experiencia, traxectoria e capacidade científico técnica do/a investigador/a individual e do equipo de investigación para realización do proxecto; contribucións recentes relacionadas coa área temática do proxecto: máximo 10 puntos.

2. Adecuación do perfil e tempo de dedicación do/a investigador/a individual e do tamaño, composición e dedicación do equipo do proxecto aos seus obxectivos: máximo 15 puntos. Valoraranse positivamente os seguintes aspectos:

– A dedicación exclusiva ao proxecto: máximo 3 puntos.

– A participación de doutores: máximo 3 puntos.

– Liderado feminino e participación equilibrada de investigadoras: máximo 3 puntos.

– O número de departamentos ou áreas implicadas; grao de multidisciplinariedade do equipo: máximo 3 puntos.

– Participación de investigadores/as de universidades do Sur e/ou doutros actores do sistema da axuda, especialmente ONGD: máximo 3 puntos.

3. Adecuación do proxecto de investigación ás liñas de investigación contidas na estratexia de investigación do persoal investigador e/ou do equipo de investigación de cara aos vindeiros anos: máximo 5 puntos.

4. Proxecto presentado en agrupación de entidades: máximo 5 puntos.

5. Antecedentes do proxecto; coñecemento do estado da arte do tema que se vai abordar: máximo 10 puntos.

6. Calidade técnica do proxecto en relación cos obxectivos propostos: máximo 20 puntos, segundo os seguintes criterios:

– Claridade no desenvolvemento do proxecto.

– Impactos tanxibles en termos de desenvolvemento humano e loita contra a pobreza.

– Adecuación da proposta aos criterios sectoriais e xeográficos da cooperación galega.

– Novidade e relevancia dos obxectivos propostos.

7. Metodoloxía, viabilidade e plan de traballo: máximo 17 puntos, segundo os seguintes criterios:

– Adecuación do plan de traballo, cronograma e metodoloxía empregada.

– Coherencia xeral do deseño do proxecto.

– Adecuación do orzamento ás actividades previstas; relación entre custos-resultados esperados.

8. Resultados e aplicabilidade do proxecto de investigación: máximo 18 puntos, segundo os seguintes criterios:

– Aplicabilidade práctica dos resultados da investigación.

– Replicación e sustentabilidade dos resultados da investigación.

– Plan de difusión e, se for o caso, de explotación dos resultados do proxecto.

12.2. Criterios aplicables para a creación de grupos de investigación:

1. Experiencia, traxectoria e capacidade científico-técnica do equipo de investigación e de cada un dos seus membros; contribucións recentes relacionadas coa cooperación para o desenvolvemento: máximo 15 puntos.

2. Composición, estrutura, tamaño e coherencia do grupo e da súa actividade: máximo 15 puntos.

– A participación de doutores: máximo 3 puntos.

– Liderado feminino e participación equilibrada de investigadoras: máximo 3 puntos.

– O número de departamentos ou áreas implicadas; grao de multidisciplinariedade do equipo: máximo 3 puntos.

– Dimensión interuniversitaria: máximo 3 puntos.

– Participación de investigadores/as de universidades do Sur e/ou doutros actores do sistema da axuda, especialmente ONGD: máximo 3 puntos.

3. Actividade investigadora (no período 2009-2013); máximo 45 puntos.

– Teses de doutoramento en cooperación internacional para o desenvolvemento ou materias afíns, defendidas no período 2009-2013/ número de investigadores do grupo; número de contratados pre e posdoutorais: máximo 10 puntos.

– Número de proxectos de convocatorias de ámbito autonómico, estatal e internacional; número de contratos ou convenios con outras institucións; número de redes de ámbito estatal e/ou internacional ás cales pertence: máximo 15 puntos.

– Número de publicacións en revistas, en temáticas relacionadas coa cooperación internacional para o desenvolvemento; número de libros e capítulos de libros publicados relacionadas coa cooperación internacional para o desenvolvemento; publicacións de actas de congresos internacionais relacionadas coa cooperación internacional para o desenvolvemento; número de conferencias en congresos internacionais relacionadas coa cooperación internacional para o desenvolvemento: máximo 20 puntos.

4. Estratexia do grupo de investigación para os vindeiros anos: máximo 10 puntos.

5. Calidade e viabilidade da proposta de desenvolvemento do grupo: máximo 5 puntos.

6. Aplicabilidade dos resultados que obteña o grupo: máximo 5 puntos.

7. Potencialidades da solicitude para satisfacer as necesidades científico-tecnolóxicas na nosa sociedade e nos países prioritarios da cooperación galega: máximo 5 puntos.

Artigo 13. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de tres meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 14. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá o procedente.

Artigo 15. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre que a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 16. Publicidade da concesión das subvencións

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase a relación das concedidas con indicación das entidades beneficiarias, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da Cooperación Galega, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Asemade, de conformidade co artigo 3.2 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, estes datos serán publicados no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 17. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de dez días, declaración por escrito da aceptación da axuda en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto, o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 18. Anticipos

18.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100% da anualidade de que se trate e sen necesidade de exixir garantía, sendo obrigatorio presentar un informe de seguimento cando remate a primeira anualidade, ademais do informe final.

18.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada polo representante legal da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo II.

18.3. No caso de proxectos plurianuais, para o pagamento da subvención concedida na segunda anualidade e unha vez xustificada a primeira, de acordo coas previsións do artigo 19.3 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinada polo representante legal da entidade.

b) Informe de avance sobre o estado de execución do proxecto, asinado pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto.

c) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo II.

18.4. As entidades beneficiarias dos proxectos subvencionados ao abeiro desta orde deberán presentar declaración responsable da persoa que teña a representación legal da entidade solicitante conforme a mesma está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social española e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nin ser debedora por resolución de procedencia de reintegro, conforme o establecido polo artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

19.1. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do período para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co que establece o artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente. Conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a primeira anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto terceiro e a segunda anualidade, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do período para a realización da totalidade das actividades, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co que establece o artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

19.2. Para a presentación do informe de seguimento e do informe final deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web www.cooperaciongalega.org

19.3. A xustificación da primeira anualidade realizarase mediante a presentación dun informe de seguimento integrado polos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que teña a representación legal da entidade solicitante, acreditativa da execución do proxecto de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos para o fin destinado.

b) Informe sobre o estado de execución do proxecto, que deberá estar asinado pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

c) Certificación dos gastos do proxecto realizados e pagados na primeira anualidade, distribuídos por partidas orzamentarias e financiadores, asinada pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria. Acompañarase dunha relación dos gastos con identificación do provedor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data e modalidade de pagamento.

d) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

19.4. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a que concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar un informe final que constará de dúas partes:

1ª parte: Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que teña a representación legal da entidade solicitante acreditativa da total execución do proxecto, de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos para o fin destinado.

– Memoria de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinada pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

2ª parte: Xustificación económica, que comprenderá:

– Certificación dos gastos da totalidade do proxecto, realizados e pagados, distribuídos por partidas orzamentarias e financiadores, asinada pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria. Acompañarase dunha relación dos gastos con identificación do provedor e do documento, o seu importe, data de emisión e data e modalidade de pagamento.

– Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

19.5. Custos indirectos (non excederán o 10 % da subvención solicitada): aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión e supervisión imputaranse dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea pola entidade solicitante, mediante unha certificación da persoa que teña a representación legal.

19.6. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto e de pagamento durante un período de 4 anos. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Artigo 20. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

20.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para as que se concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, se for o caso, da reformulación de terse efectuado.

Os beneficiarios das axudas estarán obrigados a xustificar a totalidade dos gastos do proxecto, non só a parte correspondente á axuda recibida.

20.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

20.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Asemade, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

20.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org

20.5. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

O control financeiro interno corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 21. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte as súas actividades, cronograma, aplicabilidade, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20 % do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 22. Reintegro por incumprimento

As entidades beneficiarias que incorrer en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditaren, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da totalidade destas en caso de incumprimento pleno ou á parte proporcional en caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

Artigo 23. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 24. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 25. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file