Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 9 de xullo de 2014 Páx. 30594

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2014 de cesamento e nomeamento de membros do Comité Ético de Investigación Territorial de Pontevedra-Vigo-Ourense.

A Secretaría do Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia enviou o 19.6.2014 un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade onde comunica o cesamento por petición propia dun membro dese comité e un novo nomeamento no seu lugar.

Antecedentes:

Mediante a Resolución do 21 de xaneiro de 2014, que se publicou no DOG núm. 22, do 3.2.2014, concedeuse a acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense, estableceuse a súa sede e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo. Entre elas, figuraba Paula Comesaña Alfaro.

Consideracións legais e técnicas:

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités territoriais de ética da investigación. No relativo á súa composición, o artigo 9.5 sinala que «os membros destes comités serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres».

Pola súa banda, o número 6 do artigo 9 do citado Decreto 63/2013, do 11 de abril, dispón que «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do interesado».

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou a Secretaría Xeral Técnica desta consellería,

RESOLVO:

Revogar o nomeamento de Paula Comesaña Alfaro, pola súa solicitude, como membro do Comité Ético de Investigación Territorial de Pontevedra-Vigo-Ourense.

Así mesmo, nomear a Belén Baltar Trabazo, licenciada en Dereito, procedente da Dirección de Recursos Humanos da Xestión Integrada de Vigo, coa finalidade de manter os requisitos para a acreditación dese comité.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade