Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 8 de xullo de 2014 Páx. 30402

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, crea a Axencia Turismo de Galicia, entidade co obxectivo básico de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo. Entre o seu obxecto atópase o impulso á innovación, investigación, formación e cualificación das empresas e profesionais do sector turístico. Dentro da Axencia Turismo de Galicia atópase o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), que entre as súas funcións está o desenvolver a docencia e a investigación conforme as exixencias metodolóxicas e substantivas propias de toda institución do ámbito universitario.

A importancia estratéxica do turismo en Galicia e a necesidade de contar con directivos especializados en xestión hoteleira foron os motivos que levaron a decidir a creación do Centro Superior de Hostalaría de Galicia en 1993. Dous anos máis tarde, poríase en marcha o primeiro curso académico.

Inicialmente, coa creación da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. a través do Decreto 198/1991, do 27 de marzo, inclúese como o obxecto da sociedade, sen prexuízo das competencias que corresponden en materia de educación e ensinanzas turísticas aos órganos correspondentes da Administración central e Xunta de Galicia, a creación e o funcionamento dun Centro Superior de Hostalaría que levaría a cabo as seguintes actividades:

– Reciclaxe de profesionais do sector turístico.

– Formación teórica e práctica de alumnos/as no campo da hostalaría, restauración, turismo e actividades complementarias.

– Organización e xestión de seminarios, conferencias, banquetes, cátering e actividades similares.

– Xestión e explotación de establecementos de hostalaría, restauración e bebidas abertos ao público.

– Actividades de asesoramento e consultoría ao sector turístico.

Actualmente o CSHG forma parte da Axencia Turismo de Galicia e dispón de dúas titulacións:

O diploma superior en Xestión Hoteleira: dura 4 anos e capacita o alumno para ocupar postos directivos ou de responsabilidade en calquera departamento dun hotel ou establecemento turístico. O curso ten unha duración de once meses, oito meses no centro e tres de prácticas en hoteis ou outros establecementos hostaleiros de España ou doutros países (o último ano, as prácticas duran seis meses). Esta titulación goza de recoñecido prestixio no sector e, segundo as estatísticas máis recente, máis dun 80 % dos titulados están traballando

O certificado de Elaboración e Xestión en Cociña: dura dous anos e capacita o alumno para xestionar un restaurante ou empresa de restauración. En cada curso, os alumnos desenvolven materias de administración de empresas e cociña durante oito meses, e fan prácticas en establecementos durante outros tres meses. É un título propio do CSHG. A porcentaxe de inserción laboral roza o 100 %.

Debido á súa alta demanda, ao seu alto nivel de especialización e ao seu elevado custo económico-financeiro, é necesario o establecemento de dereitos e cotas de inscrición que contribúan a soportar aquelas actividades formativas que resultarían inviables noutro caso e manter, desta forma, a oferta formativa de calidade. Polo tanto, a través dunha orde establécense os prezos con fin de cubrir os dereitos de matrícula e os derivados da prestación de servizos polas actividades formativas e titulacións programadas polo CSHG.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que «son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos a que se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados».

Así mesmo, o artigo 51 da referida lei establece que «os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable de Economía e Facenda, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, sen prexuízo de que, excepcionalmente, poidan aplicarse subvencións reguladoras. Para estes efectos, a consellería correspondente remitirá á de Economía e Facenda o proxecto normativo xunto coa memoria económica en que se xustifiquen os aspectos anteriores. A norma que fixe estes prezos deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia».

Neste contexto normativo, esta orde fixa os importes que deberá aboar o alumnado polos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría, tendo en conta o custo estimado dos servizos académicos e sucesivas matrículas.

Os prezos privados regulados nesta orde establécense de acordo co artigo 9 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, co fin de procurar a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a eliminación de toda discriminación derivada de prexuízos sociais fundamentados no xénero, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social de persoas con discapacidade, e de acordo co artigo 7.1 da Lei 32/1999, do 8 de outubro, de solidariedade coas vítimas do terrorismo, así como co establecido na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección de familias numerosas.

Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Axencia Turismo de Galicia e logo do informe favorable da Consellería de Facenda, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e aplicación

Esta orde ten por obxecto o establecemento dos prezos privados das ensinanzas do Centro Superior de Hostalaría. Así mesmo, establécese o réxime de bonificacións e exencións aplicable.

Artigo 2. Modalidades de prezos

1. Os prezos privados que serán aboados pola matrícula e por titulación son os establecidos no punto 1 do anexo desta orde e deberán aboarse só por curso completo.

2. O custo das materias soltas, dereitos de exame e reserva de praza, segundo o caso, serán os prezos privados establecidos no punto 2 do anexo deste decreto.

Artigo 3. Actualización dos prezos

Os prezos privados correspondentes ás ensinanzas establecidas nesta norma actualizaranse cada curso académico na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice de prezos de consumo (IPC) para a Comunidade Autónoma de Galicia no mes de xuño anterior ao do inicio do prazo de matrícula, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Turismo de Galicia.

Artigo 4. Forma de Liquidación e pagamento

Sen prexuízo do disposto no artigo seguinte, o pagamento dos prezos establecidos nos anexos I e II deberán terse realizado no momento da súa formalización, requisito previo e necesario para a prestación do curso, axustándose ao establecido na normativa pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria de taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Fraccionamento dos prezos privados asociados ás matrículas

1. O alumnado poderá aboar a totalidade dos prezos no momento de formalizar a matrícula ou ben fraccionar o pagamento en dous prazos, o 50 % no momento de formalizar a matrícula e o resto durante o mes de xaneiro do ano seguinte. En todo caso, deberá indicarse no impreso correspondente a opción elixida.

2. So poderán ser fraccionadas as contías referidas ao concepto de matrícula.

3. A falta de pagamento do segundo prazo dos prezos privados, cando se opte por fraccionar éste, producirá automaticamente a anulación da matrícula en todas as disciplinas e suporá a perda das cantidades correspondentes ao primeiro prazo dos prezos privados.

Artigo 6. Bolsas

Os/as alumnos/as que, ao formalizar a súa matrícula, reúnan as condicións para solicitar unha bolsa ou axuda ao estudo, deberán facer a correspondente reserva de praza para o curso en que se matriculen. Se posteriormente non obteñen a condición de bolseiro ou se lles fose revoga a bolsa concedida, estarán obrigados ao aboamento do prezo correspondente á matrícula que efectuaron, descontando a cantidade adiantada en concepto de reserva de praza.

Artigo 7. Exencións

Están exentos do pago dos prezos privados establecidos nesta orde, nas contías referidas ao concepto de matrícula, os/as alumnos/as, nos seguintes supostos:

1. Matrícula de honra: os/as alumnos/as que obteñan esta cualificación nunha ou máis disciplinas terán dereito á matrícula gratuíta no mesmo número de materias do curso seguinte, sempre que sexan de nova matriculación e das mesmas ensinanzas e plan de estudos. O centro conservará unha copia compulsada da documentación acreditativa da matrícula de honra no expediente.

No caso dos/das alumnos/as que obteñan matrícula de honra global en 2º de bacharelato, ou con premio extraordinario de bacharelato, terán dereito, no primeiro curso e por unha soa vez, á exención total do pagamento dos prezos por matrícula.

2. Familias numerosas: terán unha excepción do 100 % os membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial e unha bonificación do 50 % para os de categoría xeral. Esta condición acreditarana os/as alumnos/as no momento do formalizar a matrícula, mediante exhibición do libro de familia numerosa ou do documento acreditativo de tal condición de uso individual legalmente establecido e o centro deberá conservar unha copia compulsada no expediente.

3. Discapacidade: as persoas con grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % estarán exentas do pagamento dos prezos privados. A acreditación desta condición realizarase ao formalizar a matrícula mediante exhibición do certificado ou resolución sobre o recoñecemento do grao de discapacidade ditada polo órgano competente nesta materia, e o centro deberá conservar unha copia compulsada no expediente.

4. Vítimas de actos terroristas: están exentas do pagamento dos prezos as vítimas de actos terroristas, así como os/as seus/súas cónxuxes e fillos/as. A acreditación desta condición deberase realizar documentalmente ao formalizar a matrícula, e o centro deberá conservar unha copia compulsada no expediente.

5. Vítimas de violencia de xénero, de acordo co establecido na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, así como os seus fillos e fillas, terán dereito á exención do pagamento dos prezos por servizos académicos.

A condición de vítima de violencia de xénero acreditarase no momento da formalización da matrícula, mediante a presentación de calquera dos documentos que prevé a normativa vixente.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango sexan contrarias ao disposto nesta disposición.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e os prezos fixados no anexo serán de aplicación no curso académico 2014/15.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Prezos privados estudos

1. Prezos matrícula ordinaria por titulación:

• Titulación matrícula diploma superior en Xestión Hoteleira: 7.500,00 €.

• Titulación matrícula gran diploma de Dirección e Xestión de Empresas Hostaleiras: 6.890,00 €.

• Titulación matrícula certificado de Elaboración e Xestión en Cociña: 6.890,00 €.

2. Prezos reserva praza e outros:

• Reserva de praza: 400,00 €.

• Dereitos de matrícula por materia: 240,00 €.

• Dereitos a exame en 3ª convocatoria e extraordinaria: 240,00 €.

3. Conceptos que inclúe a matrícula ordinaria:

• Dereitos de matrícula.

• Apertura de expediente e servizos xerais.

• Docencia: sesións teóricas e prácticas/sesións de titoría.

• Dereitos de exame de 1ª e 2ª convocatoria.

• Uniformes de prácticas.

• Set de utensilios de traballo (para cociña e servizos).

• Excursións de interese docente organizadas polo CSHG.

• Seguro de accidentes (válido por un ano natural).

• Media pensión (almorzo e comida de luns a venres) durante todo o curso (incluído o período de exames finais de 1ª convocatoria), menos os períodos de vacacións.

• Alta de socio, como alumno/a, no Club de Antigos Alumnos.

• Uso de instalacións deportivas: pistas de tenis, fútbol sala, ximnasio.