Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 3 de xullo de 2014 Páx. 29804

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de xuño de 2014 pola que se publica a convocatoria de prazas de colaboradores bolseiros nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2014/15.

Os centros residencias prestan un servizo que contribúe eficazmente a facilitar o acceso ao ensino postobrigatorio non universitario do alumnado que debe escolarizarse en localidades distintas ás do seu domicilio habitual. E o normal funcionamento deste tipo de centros, tanto en aspectos relacionados coa orde interna e a convivencia como nos relativos ao desenvolvemento de accións formativas complementarias, exixe que, o persoal profesional que traballa na residencia conte co reforzo de colaboradores, alumnos universitarios que compatibilizan os seus estudos co labor de apoio na residencia.

A disposición derradeira primeira do Decreto 43/1989, do 2 de marzo, polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional e en centros residencias docentes (DOG núm. 62, do 31 de marzo), faculta a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o seu desenvolvemento.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Capítulo I
Condicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto a convocatoria de prazas de colaboradores bolseiros nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2014/15.

2. O número de prazas ofertadas é o seguinte:

Centro Residencial Docente da Coruña: 18 prazas.

Centro Residencial Docente de Ourense: 6 prazas.

Centro Residencial Docente de Vigo: 6 prazas.

3. Os adxudicatarios de prazas de colaborador bolseiro utilizarán os servizos da residencia de forma gratuíta, durante o período de funcionamento en que estea aberta aos residentes.

Artigo 2. Requisitos persoais e dispoñibilidade

1. A persoa solicitante deberá ter os seguintes requisitos:

a) Nacionalidade española, dalgún Estado membro da Unión Europea ou de calquera outro país con residencia en España.

b) Dezaoito anos feitos, ou facer esta idade dentro do ano natural 2014.

c) O seu estado de saúde deberá permitirlle realizar o labor de apoio no desenvolvemento da actividade diaria da residencia.

2. A distancia entre o centro universitario onde curse os estudos e o centro residencial docente, así como os medios de comunicación existentes, deberán garantir a dispoñibilidade no horario en que teñan que realizar o devandito labor de apoio.

Artigo 3. Requisitos académicos

1. A persoa solicitante deberá estar inscrita ou matriculada en ensinanzas universitarias de grao, máster oficial, primeiro, segundo ou terceiro ciclo nunha facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario no curso 2014/15.

2. Considéranse estudantes en réxime de dedicación académica a tempo completo os matriculados no número de créditos indicado a seguir:

a) Estudos de grao: 60 créditos.

b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o número de créditos que resulte de dividir o total dos que integran o plan de estudos (agás os de libre elección) entre o número de anos que o compoñan.

Estes solicitantes terán preferencia na adxudicación de prazas.

3. Non obstante, os solicitantes en situación de matrícula parcial poderán obter praza cando estean matriculados no número mínimo indicado a seguir:

a) Estudos de grao: entre 30 e 59 créditos.

b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o 50 % do créditos indicados no apartado 2.b).

Artigo 4. Incompatibilidades

1. As persoas beneficiarias de praza de colaborador bolseiro non poderán realizar, mentres gocen desta, ningún tipo de traballo remunerado.

2. Así mesmo, será incompatible con estar en posesión ou reunir os requisitos necesarios para obter, un título académico de nivel igual ou superior ao dos estudos que pretende realizar.

3. A condición de beneficiario será compatible coa obtención de axudas na convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia.

Capítulo II
Criterios de baremo: económicos, académicos e outros méritos

Sección 1ª. Valoración de criterios económicos: renda e deducións

Artigo 5. Membros computables da unidade familiar

1. A persoa solicitante deberá indicar na solicitude os membros computables da unidade familiar o 31 de decembro de 2013.

2. Terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) A persoa solicitante.

b) Os pais non separados legalmente ou divorciados.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa nai ou co pai do solicitante.

d) Os irmáns solteiros menores de 25 anos que dependan dos proxenitores, sempre que convivan no domicilio familiar.

e) Os irmáns maiores de 25 anos con discapacidade física, psíquica ou sensorial que dependan dos proxenitores, sempre que convivan no domicilio familiar.

3. Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá achegar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos. Se a residencia independente e os medios económicos propios non quedan convenientemente xustificados, a solicitude será denegada.

4. Non terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) O proxenitor que non conviva habitualmente co solicitante, no caso de separación legal ou divorcio.

b) O agresor, nos casos de violencia de xénero constatada de acordo co artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo 6. Renda da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, a renda da unidade familiar obterase pola suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculados segundo indican os números seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas; computaranse as rendas do exercicio fiscal 2012.

2. Cando o membro computable presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, a renda da unidade familiar será a suma da base impoñible xeral (recadro 455) e a base impoñible do aforro (recadro 465).

3. Cando o membro computable non presentase a dita declaración nin solicitude de devolución polo imposto da renda das persoas físicas, sumaranse todos os ingresos netos obtidos durante o exercicio, agás as bolsas de estudo concedidas polas administracións públicas, que non computarán como ingreso.

4. Nos casos de separación legal ou divorcio, a achega económica que realice o proxenitor que non conviva habitualmente co solicitante, en concepto de pensión compensatoria ou pensión de alimentos, compútase para os efectos de calcular a renda da unidade familiar.

5. Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe ou parella de feito do proxenitor con que conviva habitualmente o solicitante compútanse para calcular a renda da unidade familiar.

6. Nos casos de violencia de xénero quedan excluídos do cómputo os ingresos do agresor (artigo 38 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

Artigo 7. Deducións da renda familiar

1. Calculada a renda familiar segundo o indicado, aplicaranse as deducións seguintes:

a) 500 € por cada irmán, incluído o solicitante, cando se trate de familias numerosas de categoría xeral e 750 € para familias numerosas de categoría especial, en ambos os casos, sempre que convivan no domicilio familiar.

b) 1.800 € por cada irmán, incluído o solicitante, que estea afectado de discapacidade legalmente cualificada de grao igual ou superior ao 33 %, e 2.900 €, cando a discapacidade sexa de grao igual ou superior ao 65 %.

d) 1.200 € por cada irmán, incluído o solicitante, que curse estudos postobrigatorios, universitarios ou non, sempre que resida fóra do domicilio familiar por razón dos estudos.

2. Cando o solicitante sexa orfo absoluto e menor de 25 anos, o limiar da renda familiar incrementarase no 20 %.

Artigo 8. Limiar de renda e baremo

1. Terase en conta o limiar 2 fixado no Real decreto 609/2013, do 2 de agosto, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2013/14 (BOE núm. 185, do 3 de agosto).

2. Atendendo á porcentaxe que represente a renda da unidade familiar respecto do limiar 2, ou no caso do orfo absoluto menor de 25 anos, do que resulte de aplicar o incremento do 20 %, atribuiranse as seguintes puntuacións:

a) Ata o 50 %: 6 puntos.

b) Ata o 60 %: 5 puntos.

c) Ata o 70 %: 4 puntos.

d) Ata o 80 %: 3 puntos.

e) Ata o 90 %: 2 puntos.

f) Ata o 100 %: 1 punto.

g) A partir do 100 %: 0 puntos.

Sección 2ª. Valoración do rendemento académico

Artigo 9. Valoración do rendemento académico

1. O rendemento académico acadado no curso 2013/14 valorarase numericamente en función da nota media que resulte de aplicar os criterios indicados a seguir.

2. Para os estudantes que se matriculen por primeira vez en estudos de grao:

a) Se accederon á universidade mediante proba de acceso estando en posesión do título de bacharel, atenderase á nota de acceso, é dicir, ao resultado da media ponderada do 60 % da nota media de bacharel (NMB) máis o 40 % da cualificación da fase (CFG), sempre que nesta última obtivese unha cualificación mínima de 4 puntos, que se calculará de acordo coa seguinte fórmula: 0,6 NMB + 0,4 CFG.

b) Nas demais vías de acceso á universidade, atenderase á nota obtida na proba ou ensinanza que permita o acceso á universidade.

3. Para os estudantes matriculados en ensinanzas universitarias teranse en conta:

a) As cualificación numéricas finais do curso na escala de 0 a 10.

b) Cando non existan cualificacións numéricas, aplicarase a seguinte táboa:

– Matrícula de honra = 10 puntos.

– Sobresaliente = 9 puntos.

– Notable = 7,5 puntos.

– Aprobado ou apto = 5,5 puntos.

c) Nos plans de estudos organizados por materias, a nota media calcularase dividindo o total de puntos obtidos entre o número total de materias.

d) Nos plans de estudos organizados por créditos, a puntuación obtida en cada materia pondérase en función do número de créditos que a integran, de acordo coa seguinte fórmula: V= P × NCa/NCt.

V: resultado da ponderación da nota obtida en cada materia.

P: puntuación de cada materia.

NCa: número de créditos que integran a materia.

NCt: número de créditos cursados computables.

A nota media final é a suma dos valores resultantes da ponderación da nota obtida en cada materia..

Sección 3ª. Outros méritos: experiencia e coñecementos

Artigo 10. Experiencia e coñecementos

1. Para asegurar a maior idoneidade dos solicitantes no desenvolvemento do labor de apoio na actividade da residencia, a comisión realizaralles unha entrevista que versará sobre: a) Experiencia derivada da participación en cursos e/ou actividades educativas ou formativas; b) Coñecemento de linguas estranxeiras e/ou de ofimática, coa finalidade de avaliar a aptitude ou capacidade do solicitante para o bo desempeño ou exercicio da actividade de apoio na residencia, así como a súa actitude persoal ou disposición de ánimo (responsable, organizativo, conciliador, solidario...).

2. Os méritos las letras a) e b) acreditaranse documentalmente. O resultado da entrevista e a ponderación dos méritos reflectirase nun informe.

3. A puntuación máxima que se poderá outorgar a estes méritos é de 3 puntos.

Capítulo III
Tramitación de solicitudes de praza en período ordinario

Sección 1ª. Solicitude, prazo e documentación

Artigo 11. Presentación de solicitude

1. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel no modelo do anexo I desta orde, tamén dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es (código de prodecemento: ED308A), irán debidamente cubertas e asinadas polos solicitantes, acompañadas da documentación preceptiva e dirixidas ao respectivo centro residencial.

2. Poderán presentarse en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e tamén na secretaría do centro residencial destinatario.

3. A presentación da solicitude implicará a aceptación das bases da convocatoria.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes en período ordinario

O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata o 31 de xullo de 2014.

Artigo 13. Autorización para acceder a datos de identidade

1. O solicitante e os demais membros computables da unidade familiar maiores de idade poderán autorizar expresamente a consellería competente en materia de educación para comprobar de forma telemática os datos de identidade necesarios para tramitar o presente procedemento, a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

2. Para tal efecto deberán cubrir o modelo do anexo I e, se é o caso, o modelo do anexo II desta orde.

3. Se non autorizan esta consulta, deberán achegar a documentación indicada no artigo 17.1.a) desta orde.

Artigo 14. Autorización para acceder a información relativa ao grao de discapacidade

1. O solicitante e os demais membros computables da unidade familiar maiores de idade poderán autorizar expresamente a consellería competente en materia de educación a comprobar de forma telemática a información relativa ao grao de discapacidade, cando esta se recoñecese no ámbito de competencia da Xunta de Galicia.

2. Para tal efecto deberán cubrir o modelo do anexo I e, se é o caso, o modelo do anexo II desta orde.

3. Se non autorizan esta consulta, deberán achegar a documentación indicada no artigo 17.1.c) desta orde.

Artigo 15. Autorización para acceder a información tributaria

1. Todos os membros computables para determinar a renda da unidade familiar poderán consentir expresamente a comprobación telemática dos datos tributarios correspondentes ao exercicio fiscal 2012 necesarios para tramitar o presente procedemento, que será subministrada directamente á consellería competente en materia de educación pola Axencia Española de Administración Tributaria.

2. Para tal efecto deberán cubrir o modelo do anexo I e, se é o caso, o modelo do anexo II desta orde.

3. Se non autorizan esta consulta, deberán achegar a documentación indicada no artigo 17.1.g) desta orde.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes autorizan o tratamento e a publicación dos datos de carácter persoal, que serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de educación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, solicitándoa mediante escrito dirixido ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña); ou a través do correo electrónico: sxt.cultura.educacion@xunta.es.

Artigo 17. Documentación

1. As persoas solicitantes deberán achegar a seguinte documentación:

a) Copia do documento nacional de identidade ou documento acreditativo da nacionalidade do solicitante e dos demais membros computables da unidade familiar, agás que autoricen a consulta na forma indicada no artigo 13 desta orde.

b) Copia cotexada de todas as follas escritas do libro de familia ou de calquera outro documento xustificativo da composición da unidade familiar ou da circunstancia de orfandade, se é o caso.

c) Copia cotexada do certificado acreditativo do grao de discapacidade do solicitante ou dalgún membro computable da unidade familiar, agás que autorice a consulta na forma indicada no artigo 14 desta orde.

d) Orixinal ou copia cotexada do certificado de convivencia de todos os membros computables da unidade familiar que residan co solicitante no domicilio habitual o 31 de decembro de 2013.

e) Os matriculados por primeira vez en estudos de grao achegarán: se proceden de bacharel, orixinal ou copia cotexada do certificado oficial da nota media do bacharel e da cualificación da fase xeral; nos demais casos, o certificado oficial da nota obtida na proba que permita o acceso, de acordo co previsto no artigo 9.2 desta orde.

f) Os xa matriculados en ensinanzas universitarias achegarán orixinal ou copia cotexada do certificado oficial das notas no curso académico 2013/14, de acordo co previsto no artigo 9.3 desta orde.

g) Orixinal ou copia cotexada e completa da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas dos membros computables da unidade familiar, ou en defecto desta, do certificado tributario de imputacións do exercicio fiscal 2012, agás que autoricen a consulta na forma indicada no artigo 15 desta orde.

2. A comisión de valoración poderá requirir a documentación complementaria que considere necesaria, para constatar a concorrencia dos requisitos e dos criterios de baremo.

3. A falta ou insuficiente acreditación dun requisito impedirá obter a praza e cando a omisión ou deficiente xustificación afecte un criterio de baremo, atribuiráselle neste 0 puntos.

Sección 2ª. Comisión de valoración

Artigo 18. Comisión de valoración: composición e funcións

1. A comisión de valoración constituirase en cada centro residencial docente e estará formada por:

a) Presidente/a: a persoa titular da dirección do centro residencial.

b) Vogais: o/a xefe/a de residencias; un/unha educador/a ou profesor/a de actividades.

c) Secretario/a: un/unha funcionario/a do centro.

2. Á comisión corresponderalle valorar os criterios de baremo asignando as puntuacións e publicar as respectivas listaxes.

Sección 3ª. Listaxes provisionais, definitivas, adxudicación de prazas e listaxe de suplentes

Artigo 19. Publicación das listaxes provisionais de excluídos e da puntuación provisional

1. Antes do 31 de agosto de 2014, a comisión de valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do respectivo centro a relación de excluídos, indicando a causa da exclusión; a puntuación provisional total por orde descendente, indicando a correspondente a criterios económicos, rendemento académico e outros méritos.

2. Os solicitantes poderán formular reclamación no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación das listaxes definitivas.

Artigo 20. Publicación das listaxes definitivas de excluídos, da puntuación definitiva, da adxudicación de prazas e da listaxe de suplentes

1. Antes do 15 de setembro de 2014, a comisión de valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do centro a relación definitiva de excluídos, indicando a causa, e a listaxe de puntuacións definitivas de todos os admitidos, indicando a puntuación total e desagregada.

2. Así mesmo, publicará a relación de adxudicatarios e a relación de suplentes, que remitirá á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para os efectos de expedir a correspondente credencial.

3. Fronte a estas poderá interpoñerse recurso de alzada.

Capítulo IV
Tramitación de solicitudes de praza en período extraordinario

Artigo 21. Tramitación de solicitudes de praza en período extraordinario

Cando feita a adxudicación de prazas en período ordinario existisen no respectivo centro residencial prazas vacantes, abrirase un período extraordinario de presentación de solicitudes que se tramitará segundo o previsto no capítulo IV da Orde do 6 de xuño de 2014 de convocatoria de prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2014/15 (DOG núm. 113, do 16 de xuño).

Capítulo V
Obrigas dos colaboradores bolseiros e causa de perda da praza

Artigo 22. Obrigas dos colaboradores bolseiros

Os colaboradores bolseiros teñen as seguintes obrigas:

1. Someterse a recoñecemento médico previo nos servizos facultativos do centro; así mesmo, durante a súa estancia poderán recibir asistencia sanitaria ordinaria neste.

2. Residir no centro residencial docente.

3. Colaborar no desenvolvemento das tarefas e actividades relacionadas con accións formativas complementarias.

4. Na súa condición de colaborador bolseiro ante o resto dos residentes, teñen a obriga de cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno, as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial.

5. Os centros residenciais docentes permanecerán pechados os fins de semana (desde o venres pola tarde ao domingo pola noite), tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.

Artigo 23. Causas de perda da praza

1. Os colaboradores bolseiros poderán perder a praza:

a) Por non incorporarse ao centro residencial na data de inicio da súa actividade, agás causa de forza maior debidamente xustificada.

b) Por non residir os días lectivos no centro residencial, agás causas debidamente xustificadas.

c) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada, cando afecte a concorrencia de requisitos exixidos na convocatoria.

d) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada cando, afectando a criterios de baremo, a puntuación outorgada nese criterio fose determinante da adxudicación da praza.

e) Por incumprir a obriga de respectar as normas de réxime interno, ou a de vixiar o cumprimento destas por parte dos demais residentes, cando altere o normal desenvolvemento da convivencia.

Artigo 24. Procedemento

1. Ante un incumprimento das indicadas obrigas, a dirección do centro residencial daralle audiencia ao interesado e advertiralle expresamente por escrito que, en caso de reiteración se incoará o procedemento.

2. Se o colaborador bolseiro incorre de novo en incumprimento das indicadas obrigas, a dirección do centro iniciará o procedemento concedéndolle un prazo de cinco (5) días hábiles para que presente alegacións, documentos ou xustificacións que considere convenientes.

3. Á vista destas, ou transcorrido o prazo concedido, solicitará informe motivado da xunta de residencia.

4. A continuación, a persoa titular da dirección do centro poderá acordar o arquivamento do procedemento, ou, de ser o caso, proporá á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que dite resolución declarando a perda da praza de colaborador bolseiro.

Capítulo VI
Recurso

Artigo 25. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación (artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común); ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses (artigos 8, 10 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file