Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 3 de xullo de 2014 Páx. 29821

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2014 pola que se procede a publicar o acordo de colaboración entre o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e as entidades públicas instrumentais adscritas a esta, polo que se encomenda a realización de traballos de carácter técnico en relación coa preparación, licitación e execución de contratos públicos en materia de obras.

A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, regula a colaboración no ámbito do sector público autonómico, partindo dos principios de colaboración, cooperación e asistencia recíprocas co fin de garantir a eficacia do sector público e o uso eficiente dos recursos públicos.

Ademais, introduce no seu artigo 8, como novidade, o concepto de autoprovisión de bens e servizos dentro do propio sector público de tal xeito que «cando os medios dos que dispoñan resulten insuficientes para o cumprimento e a realización dos seus fins institucionais, acudirán con preferencia á cooperación, colaboración e asistencia doutros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou doutras entidades do sector público autonómico que si dispoñan dos medios de que precisan».

Prevese que esta colaboración no ámbito interno do sector público se faga efectiva a través de certos instrumentos, tales coma protocolos de colaboración, grupos de traballo, encomendas de xestión, ou mediante acordos de colaboración ou cooperación para o desempeño de tarefas comúns, entre outros instrumentos.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o acordo de colaboración entre o organismo autónomo do Servizo Galego de Saúde, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e as entidades públicas instrumentais adscritas a esta, polo que se encomenda a realización de traballos de carácter técnico en relación coa preparación, licitación e execución de contratos públicos en materia de obras, aprobado no Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2014.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

ANEXO
Acordo de colaboración entre o organismo autónomo Servizo Galego
de Saúde, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e
as entidades públicas instrumentais adscritas a esta, polo que se encomenda
a realización de traballos de carácter técnico en relación coa preparación,
licitación e execución de contratos públicos en materia de obras

Primeiro. Suxeitos

O dito acordo de encomenda de xestión subscríbeno o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde (entidade encomendante), a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e as seguintes entidades públicas instrumentais adscritas a esta:

– A entidade pública empresarial Augas de Galicia, creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e cuxo estatuto foi aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 do xaneiro.

– O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo, creado pola Lei 3/1988, do 27 de abril.

– A Axencia Galega de Infraestruturas, creada, en virtude da autorización prevista na disposición adicional cuarta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o seu estatuto.

– O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, creado, en virtude dun mandato recollido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, na Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e urbanismo, e cuxo estatutos foron aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro.

Segundo. Actividades a que se refire

O acordo de colaboración ten por obxecto establecer unha encomenda de xestión entre o Servizo Galego de Saúde, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e as entidades públicas instrumentais adscritas a esta, para desenvolver as actividades de carácter técnico propias da preparación, a colaboración na licitación así como na dirección técnica da execución de obras en materia de infraestruturas sanitarias, exixidas no marco do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Na súa virtude, por proposta do Servizo Galego de Saúde a través da Consellería de Sanidade, o Consello da Xunta de Galicia, decidido a facilitar e promover a colaboración e unidade de acción entre os diferentes departamentos da Administración da Xunta de Galicia, promove o presente acordo de colaboración polo que se instrumenta esta encomenda de xestión para gañar en efectividade, polo que determina levala a cabo.

Terceiro. Natureza e alcance da xestión

O obxecto do acordo de encomenda de xestión é propiciar unha colaboración eficiente entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia para levar a cabo determinadas tarefas de marcado carácter técnico como son os proxectos e as obras das infraestruturas sanitarias, aproveitando os recursos e medios propios dispoñibles no sector público autonómico. Trátase, por tanto, de optimizar o aproveitamento dos medios propios, cumprindo coas directrices establecidas para estes supostos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Ademais, tal como consta expresamente no acordo, a realización das actividades encomendadas de xestión por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ou das entidades instrumentais adscritas a ela terá carácter gratuíto e non xerará nin se liquidará taxa de ningunha natureza a favor destas.

Cuarto. Prazo de vixencia

O acordo de colaboración terá un prazo de duración inicial dun ano desde a súa data de formalización.

O dito prazo poderá prorrogarse por mutuo acordo das partes logo de informe da comisión mixta de coordinación e seguimento do acordo de colaboración, e sempre que se exprese polas partes cunha antelación mínima dun mes a data de remate daquel.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade