Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 25 de xuño de 2014 Páx. 28523

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 19 de xuño de 2014 pola que se establece a clasificación inicial de novas entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

As medidas adoptadas pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias de emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, para acadar unha maior eficiencia nos recursos públicos e obter unha maior produtividade dos recursos humanos, recollen previsións en relación co réxime económico aplicable aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, autorizando o Consello da Xunta para a súa adecuación conforme criterios obxectivos.

O Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, proporciona un marco de principios e criterios obxectivos para adecuarr os conceptos retributivos e as percepcións económicas que resulten aplicables no sector público autonómico ao persoal incluído no ámbito de aplicación da norma.

O Decreto 119/2012 marca así un importante fito ao disciplinar e ordenar os criterios que deben rexer na fixación das retribucións do persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

A regulación responde aos principios de solidariedade, eficiencia e austeridade, ao cal se engade na presente norma o principio de transparencia, e introduce criterios racionais e obxectivos para o axuste das remuneracións do persoal afectado.

En concreto, establécense os criterios para a clasificación en grupos das entidades instrumentais, así como os criterios para a clasificación en niveis dos postos de dirección, e fíxase unha limitación das contías máximas que poden corresponder aos postos no marco desta clasificación. Regúlase asemade o procedemento para a determinación dos grupos e niveis, proporcionando un tratamento uniforme para as distintas entidades do sector público autonómico, conforme criterios obxectivos.

O artigo 4 do Decreto 119/2012 establece que as entidades instrumentais do sector público autonómico se clasificarán en catro grupos, definidos conforme criterios obxectivos definidos no mesmo artigo.

Para establecer o punto de partida e facilitar a tramitación e a adecuación das retribucións aos criterios sinalados no decreto, este prevé no artigo 5 que será a conselleira competente en materia de facenda a que aprobará mediante orde a clasificación inicial das entidades instrumentais, conforme os criterios establecidos no artigo 4.

Con data do 13 de xuño de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde da Conselleira de Facenda pola que se establece a clasificación inicial das entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na disposición adicional primeira establécese a necesidade de ditar unha nova orde para clasificar as novas entidades que pasen a formar parte do sector público autonómico con posterioridade a esta.

Desde a anterior orde, o sector público autonómico reorganizouse coa finalidade de mellorar a eficacia e eficiencia das entidades que o integran. Dentro deste proceso producíronse varias actuacións que deron lugar á aparición de novas entidades como consecuencia da absorción ou integración doutras xa existentes, como é o caso de Xestur Galicia, que xurdiu como consecuencia da fusión das catro xestures provinciais, ou a Axencia Turismo de Galicia, que integrou o Consorcio Instituto de Estudos Turísticos e Turgalicia.

Á vista das novas entidades integrantes do sector público autonómico e de que, conforme o artigo 7.2 do Decreto 119/2012, a ordenación de retribucións prevista nel só se aplica ao persoal directivo que formalice un contrato de alta dirección, procede clasificar, por un lado, as novas entidades que forman parte do sector público autonómico, e tamén determinar as condicións que se aplican aos empregados públicos que pasen a desempeñar como tales postos configurados como de persoal directivo sen someterse a unha relación laboral de carácter especial de alta dirección, por seren xa persoal funcionario de carreira ao servizo do sector público autonómico.

Á vista das novas entidades integrantes do sector público autonómico,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde establece unha clasificación inicial de novas entidades do sector público autonómico non previstas na Orde do 8 de xuño de 2012, conforme o previsto no Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

Artigo 2. Criterios

Os criterios con base nos cales se establece a clasificacións das entidades instrumentais do sector público autonómico son os seguintes:

a) Natureza xurídica e características da entidade e do sector en que opera.

b) Número de efectivos de persoal.

c) Cifra de negocios.

d) Volume de investimentos.

e) Prelación dos obxectivos no Plan estratéxico de Galicia.

Artigo 3. Datos

Os datos tomados como referencia para esta clasificación son as últimas contas pechadas que figuran nos programas de actuación, investimento e financiamento (PAIF) para os orzamentos do ano 2014.

No caso das axencias públicas autonómicas ou outros entes instrumentais que tivesen como orixe todo ou parte dun servizo orzamentario, tomaranse os correspondentes datos de execución orzamentaria.

Os datos en materia de persoal son os datos medios de contratación que constan en poder da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos para o ano 2014.

Os datos en materia de prelación de obxectivos son os fixados pola Dirección Xeral de Planificación e Fondos con base na estratexia contida no Plan estratéxico de Galicia 2010-2014, horizonte 2020, así como na estratexia comunitaria Europa 2020, e que se fundamenta no crecemento sustentable baseado na investigación e desenvolvemento, e o respecto ao ambiente.

Artigo 4. Clasificación

A clasificación dimanante dos anteriores cálculos é a seguinte:

– Grupo III.

Cód.

Entidades do grupo III

304

Axencia Galega de Innovación

305

Axencia Turismo de Galicia

306

Axencia Tributaria de Galicia

727

Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.

– Grupo IV.

Cód.

Entidades do grupo IV

517

Consorcio Casco Vello de Vigo

660

Fundación Camilo José Cela

Artigo 5. Retribución e consolidación dos funcionarios de carreira en postos directivos das entidades instrumentais clasificadas

Mentres o nomeamento dun empregado público para o desempeño dun posto directivo dunha entidade instrumental do sector público autonómico non modifique o seu vínculo xurídico administrativo, a asimilación retributiva será a que lle corresponda conforme as contías previstas no anexo do Decreto 119/2012, do 3 de maio, sen prexuízo das contías que lle correspondan pola antigüidade a que teña dereito na súa condición de empregado público en situación do servizo activo.

O nivel de complemento de destino que se tomará como referencia para a consolidación do grao persoal dos empregados públicos que desempeñen postos directivos será a que lles corresponda en función do cadro anexo con base na clasificación da entidade e do nivel de responsabilidade do posto directivo.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2014

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO
Equivalencias entre os niveis de responsabilidade dos postos directivos e os do complemento de destino dos postos de persoal funcionario ou estatutario

Nivel 1

Nivel 2

Nivel 3

Nivel 4

Nivel 5

Entidades

grupo 1

C.D. nivel 30

C.D. nivel 30

C.D. nivel 30

C.D. nivel 30

C.D. nivel 28

Entidades

grupo 2

C.D. nivel 30

C.D. nivel 30

C.D. nivel 30

C.D. nivel 28

Entidades

grupo 3

C.D. nivel 30

C.D. nivel 30

C.D. nivel 28

Entidades

grupo 4

C.D. nivel 30

C.D. nivel 28