Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 23 de xuño de 2014 Páx. 28479

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Silleda

ANUNCIO da rectificación do acordo de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno, en sesión ordinaria que tivo lugar o 23 de xullo de 2013, adoptou co quórum da maioría absoluta e por unanimidade a rectificación do acordo de aprobación inicial do PXOM no tocante á suspensión de licenzas, adoptado polo Pleno en sesión extraordinaria que tivo lugar o día 18 de decembro de 2012.

Na parte dispositiva do acordo (publicado no DOG nº 11, do 16 de xaneiro de 2013) acordábase a suspensión de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto do planeamento cuxas novas determinacións supoñan modificación da ordenación urbanística vixente. Para estes efectos determínanse expresamente as áreas afectadas pola suspensión e acórdase que procede a suspensión de licenzas de obra maior en todo o termo municipal agás:

– No polígono industrial, área 33 (fases A e B).

– En solo rústico, en canto á ampliación de estabulacións existentes da disposición transitoria décimo primeira da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Louga).

Debido á existencia de contradicións no acordo procede aclarar onde quedan suspendidas as licenzas e onde non, de conformidade co establecido na lei.

Vistos o escrito e plano remitidos polo equipo redactor, o Pleno acordou rectificar o acordo plenario, polo que o último punto do número I queda redactado do seguinte xeito:

«As áreas afectadas pola suspensión (para obras maiores), que se atopan delimitadas no plano adxunto, serán os solos urbanos de Silleda e A Bandeira, o solo urbanizable delimitado industrial e os núcleos rurais. Para os solos clasificados como rústico de protección ordinaria e o polígono industrial da área 33 non se suspenden as licenzas. Para o restante solo do concello clasificado polo plan xeral suspenderanse as licenzas naqueles casos en que as determinacións do PXOM supoñan modificación da ordenación urbanística vixente ...».

Silleda, 19 de maio de 2014

Manuel Cuíña Fernández
Alcalde