Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 23 de xuño de 2014 Páx. 28286

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de xuño de 2014 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 26 de maio de 2014 entrou no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas, adoptado polo seu padroado o 1 de abril de 2014.

Segundo. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense, o 17 de decembro de 2013, ante a notaria María Isabel Louro García, co número 1.635 do seu protocolo. Foi clasificada como de interese cultural mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 10 de febreiro de 2014, e declarada de interese galego mediante Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 3 de marzo de 2014, e figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2014/5.

Terceiro. De acordo co artigo 6 dos estatutos, a fundación ten por obxecto a custodia, estudo e difusión da obra de Xosé Lois Foxo e a Real Banda de Gaitas a través de todos os medios escritos, audiovisuais ou calquera outro que poida aparecer no futuro.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 1 de abril de 2014, adoptou por unanimidade o acordo de extinción da fundación, por imposibilidade de realizar o fin fundacional.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

– A certificación do acordo de extinción adoptado polo padroado.

– A memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

– O proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

Consideracións legais:

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria exerce o protectorado sobre a Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas, de conformidade co establecido no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego. Así mesmo, é o departamento competente para o coñecemento desta solicitude, de conformidade co artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro.

Segundo. De acordo co artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego e cos artigos 21 e 39 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, unha das causas de extinción das fundacións é a imposibilidade de realización do fin fundacional, para o que se exixe o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O citado artigo 44 establece, ademais, que o dito acordo se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e o proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación, nos termos previstos no artigo 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e na demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas, adoptado polo seu padroado con base na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2014

P.D. (Orde do 25.1.2012; DOG núm. 27, do 8 de febreiro)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria