Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 18 de xuño de 2014 Páx. 27754

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2014 pola que se fai público o Acordo do Consello de Administración do 28 de febreiro de 2014 sobre a limitación de prestadores do servizo portuario de amarre e desamarre de buques nos portos Ribeira e A Pobra do Caramiñal, dependentes deste ente público.

Na sesión do día 28 de febreiro de 2014, o Consello de Administración do ente público Portos de Galicia acordou a aprobación da limitación de prestadores do servizo portuario de amarre e desamarre de buques nos portos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal, dependentes do ente público Portos de Galicia, conforme os termos seguintes:

Desde antigo, a prestación do servizo de amarre e desamarre de buques nos portos de Sada, Ribeira e A Pobra do Caramiñal é efectuado polos propios consignatarios, sen unha regulación precisa e formal, situación que antigamente non representaba problema pero que, na actualidade, coa entrada en vigor da numerosa normativa referente á seguridade e vixilancia nos portos, á prevención de riscos laborais, á implantación de plans de emerxencia, etc., non é posible por supor unha dispersión e heteroxeneidade nas condicións da prestación do servizo, dificultades na coordinación, supervisión e control do servizo por parte de Portos de Galicia e demais organismos competentes, etc.

En consecuencia, no ano 2006 procedeuse á regularización do dito servizo, e dado o reducido número de buques que o demandaban nos mencionados portos, considerouse conveniente limitar a un o número de prestadores do servizo para todos os portos citados, xa que, por unha parte, é a forma de posibilitar a rendibilidade da prestación dun servizo dotado de todos os elementos materiais e persoais necesarios e, por outra, dado que o servizo se presta en todos eles nun único peirao, conséguense evitar interferencias e posibles riscos pola actividade simultánea nun mesmo peirao de distintos prestadores con medios distintos e modos de operar diferentes, permitindo así un maior control das operacións e das posibles incidencias por parte de Portos de Galicia e demais organismos competentes. Esta limitación aprobouna o Consello de Administración de Portos de Galicia o 2 de maio de 2006.

Unha vez realizado concurso público aberto para a contratación da prestación do servizo de amarre e desamarre de buques nos portos de Sada, Ribeira e A Pobra do Caramiñal, contratóuselle o servizo á empresa Global Maritime Service, S.L. o 14 de xuño de 2007, por cinco anos prorrogados ata o 14.6.2014.

Tendo en conta que o contrato está próximo á súa extinción e a necesidade de adaptar os pregos ao Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante (en diante TRLPEMM), procede iniciar un novo proceso de contratación, pero neste caso unicamente nos portos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal, dado que en Sada xa non se rexistra tráfico de mercadorías.

Polo exposto no parágrafo anterior e en cumprimento do disposto no artigo 111.3 do TRLPEMM, procede, con carácter previo á licitación dun novo concurso, revisar a citada limitación de prestación de servizo de amarre e desamarre.

Tras revisar a limitación de prestación do amarre e desamarre nos portos de Sada, Ribeira e A Pobra do Caramiñal, considérase que persisten os motivos expostos no 2006 e que derivaron na limitación aprobada no Consello de Administración do 2.5.2006, salvo no relativo aos portos, que neste caso serían unicamente os de Ribeira e A Pobra do Caramiñal, polo que se considera oportuno aprobar novamente a citada limitación.

En aplicación do artigo 111.4 do TRLPEMM, como resultado da limitación que se propón aprobar, será necesario que o outorgamento da autorización de prestación do servizo se realice mediante concurso público, de acordo co establecido no artigo 115 do TRLPEMM, logo da elaboración do prego correspondente.

De acordo co exposto nos parágrafos anteriores, o Consello de Administración de Portos de Galicia acordou:

Primeiro. Manter a limitación de prestadores do servizo portuario de amarre e desamarre nos portos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal a un único prestador que dea servizo a ambos os portos.

Segundo. Iniciar o proceso de licitación, mediante concurso, tras a adaptación do prego de bases e de prescricións técnicas ao TRLPEMM.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela da dita orde xurisdicional, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación do presente acordo, consonte o establecido no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan executar o recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acordo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación.

Todo o cal se publica para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2014

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia