Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 17 de xuño de 2014 Páx. 27326

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 4 de xuño de 2014 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Baiona.

O Concello de Baiona remite o Plan xeral de ordenación municipal, redactado por Interurban, S.A. e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

O Concello de Baiona conta actualmente cun PXOM aprobado definitivamente o 30.5.1994, que foi obxecto de dúas modificacións puntuais o 29.9.1997 e 11.11.1997.

O Concello elabora unha proposta do plan e aproba inicialmente o documento no Pleno do 24.11.2008. Con data 6.2.2013 o Pleno do Concello aproba un novo documento do plan, motivado pola existencia de modificacións substanciais respecto do documento anterior, polo que se procede a unha nova exposición pública.

En cumprimento da lexislación sectorial vixente solicitáronse os informes precisos, e consta informe da Secretaría do Concello respecto da conformidade co disposto no artigo 85.4 da LOUG. Os servizos técnicos e xurídicos municipais emitiron os seus correspondentes informes. Así tamén consta a audiencia aos concellos lindeiros e informe sobre o proceso de participación pública.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental resolveu o 21.1.2014, aprobar a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

O Pleno do Concello de Baiona aprobou provisionalmente o plan o 25.3.2014.

II. Análise e consideracións

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da LOUG analizouse a integridade documental e a suficiencia dos documentos que integran o Plan de ordenación municipal do Concello de Baiona, a conformidade deste coa lexislación urbanística vixente, a adecuación das súas determinacións á protección do litoral e do medio rural, a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Baiona axústase aos criterios expresados na LOUG. Recoñece o sistema tradicional de asentamentos, establece para eles unha ordenación adecuada, define as necesarias proteccións para os terreos que as precisan e prevé futuros ámbitos de usos residenciais e produtivos, e dota o concello dunha ordenación propia de cara a favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.

Observouse un erro material no equipamento público de sistema xeral na zona da Percebilleira denominado EQ-BA-07, que aparece clasificado como solo rústico de protección ordinaria, cando por se atopar parcialmente a unha distancia inferior a 200 m do límite interior da ribeira do mar debe clasificarse nesa zona como solo rústico de especial protección de costas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal de Baiona, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2. A zona do equipamento público de sistema xeral EQ-BA-07 incluída na franxa de 200 m desde o límite interior da ribeira do mar, será considerada para todos os efectos como solo rústico de especial protección de costas.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Baiona, 4 de xuño de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas