Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 30 de maio de 2014 Páx. 24471

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución correspondente á planta satélite de gas natural licuado para subministración á rede de distribución de gas natural no termo municipal do Grove (Pontevedra), promovido por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2013/8-0).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 16 de xullo de 2012 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal do Grove (Pontevedra), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 8 de outubro de 2012 e no Boletín Oficial da provincia do 1 de outubro de 2012.

Conforme o disposto nesta autorización administrativa, a subministración de gas natural ao termo municipal do Grove realizarase a través dunha planta de gas natural licuado (GNL) que se situará nunha parcela catalogada, segundo o planeamento urbanístico actual, como SNUC (solo non urbanizable común) na estrada PO-9102. Así mesmo, establécese que, con carácter previo á súa aprobación, o proxecto de execución da planta de GNL deberá someterse ao trámite de información pública.

Segundo. O 11 de outubro de 2013 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a aprobación do proxecto de execución denominado planta satélite de GNL no termo municipal do Grove (Pontevedra).

Segundo consta neste proxecto de execución, as características básicas da planta de GNL son as seguintes:

A planta de GNL situarase na parcela de referencia catastral nº 36022A021008910000ET (polígono 21, parcela 891), anexa á estrada EP-9102, ao sur do núcleo urbano do Grove.

A instalación proxectada está composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización; sistema de caldeiras para auga quente; sistema eléctrico e control; e edificios e obra civil. As súas características xerais son as seguintes:

– Capacidade de almacenamento de GNL: 240 m3 (2 tanques horizontais de 120 m3).

– Capacidade de gasificación máxima: 3.000 m3(N)/h.

– Presión máxima de subministración á rede: inferior a 5 barg.

Terceiro. O 24 de outubro de 2013 esta dirección xeral ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado planta satélite de GNL no termo municipal do Grove (Pontevedra), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2013/8-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10 de decembro de 2013, no Boletín Oficial da provincia do 19 de novembro de 2013 e nos xornais La Voz de Galicia do 18 de novembro de 2013 e Faro de Vigo do 3 de decembro de 2013, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello do Grove durante un prazo de vinte días.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución non se presentaron alegacións.

Cuarto. Esta dirección xeral trasladou as separatas técnicas deste proxecto de execución ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola devandita planta de GNL, para os efectos de obter o seu informe ao respecto. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo da súa resposta (da que se deu traslado á empresa promotora, que presentou a súa conformidade):

Entidade

Resumo da súa resposta

1

Deputación Provincial de Pontevedra

Informe emitido o 16.12.2013, en que manifestan a súa autorización.

2

Concello do Grove

Informe emitido o 5.12.2013 pola oficina técnica (sobre a separata técnica da rede de distribución) no cal condicionan o seu pronunciamento favorable ao respecto, a que a empresa promotora complete a documentación presentada no concello en relación coa solicitude de licenza de obra para o proxecto de planta de GNL (segundo contestación da empresa promotora, esta documentación complementaria presentouna no Concello o 11.2.2014).

Quinto. O 5 de febreiro de 2014 a Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución denominado planta satélite de GNL no termo municipal do Grove (Pontevedra).

Fundamento de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto de execución cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista denominada planta satélite de GNL no termo municipal do Grove (Pontevedra), promovido por Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura gasista citada.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Gas Galicia SDG, S.A., titulado planta satélite de GNL no termo municipal do Grove (Pontevedra), subscrito polo enxeñeiro industrial Pablo Jiménez Domínguez e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid, con nº 201303411 e data 2 de outubro de 2013; e no que figura un orzamento de 294.617,40 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Cuarta. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes, contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionados no antecedente de feito cuarto desta resolución), a empresa Gas Galicia SDG, S.A. procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes, ou de ser o caso, pendentes de emitir.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas