Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 27 de maio de 2014 Páx. 23859

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2014 pola que se modifica a Resolución do 5 de setembro de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables promovidos polos concellos, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o período 2013-2014.

A Resolución do 5 de setembro de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de aforro enerxético e fomento do uso de enerxías renovables promovidos polos concellos, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o período 2013/2014 (DOG nº 177, do 17 de setembro), modificada pola Resolución do 6 de marzo de 2014 (DOG nº 2, do 17 de marzo), establece no seu artigo 24.3 que «A prórroga será denegada se non se acredita fidedignamente a adxudicación ou inicio material dos investimentos antes do 30 de maio de 2014».

Debido ao atraso na tramitación da modificación de anualidades, nos termos previstos na Resolución do 6 de marzo de 2014 antes citada, non se puido resolver a convocatoria ata o 18 de marzo de 2014 (Resolución do 18 de marzo de 2014; DOG nº 63, do 1 de abril).

Co obxecto de non causar un prexuízo aos beneficiarios das axudas, dada a práctica imposibilidade para adxudicar as obras no prazo previsto no artigo 24.3, e unha vez tramitado o oportuno expediente,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución da Agader do 5 de setembro de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables promovidos polos concellos

O artigo 24 da Resolución da Agader do 5 de setembro de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables promovidos polos concellos, queda redactado nos seguintes termos:

«1. Pese ao disposto no numero 12 do artigo 18, se o beneficiario previse a imposibilidade de presentar no prazo establecido a xustificación final, poderá solicitar ao director xeral da Agader unha ampliación do devandito prazo, que non excederá a metade do inicialmente concedido nin o 30 de setembro de 2014.

2. A solicitude de prórroga deberá ter entrada no Rexistro Xeral da Agader antes de finalizar o prazo de execución e xustificación co obxecto de poder resolver dentro do dito prazo, de acordo co establecido no artigo 49.3 da LRXAP. Polo tanto, as solicitudes presentadas en prazo polos medios previstos no artigo 38.4 da LRXAP, pero que non tivesen entrada no Rexistro Xeral de Agader antes de finalizado o prazo de referencia, non serán tidas en conta. En calquera caso, a concesión de prórroga é potestativa de Agader e para a súa concesión o promotor ten que acreditar que o proxecto está iniciado».

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2014

P.D. (Resolución do 24.7.2013; DOG nº 148, do 5 de agosto)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural